Perfidia. Tanxugueiras regresan cun novo videoclip de aires 'rosalianos'

Tampouco as queremos comparar coa diva de Sant Esteve Sesrovires, mais parece claro que o trad millennial se quere achegar a certos referentes da música urbana, polo menos na parte audiovisual e sen deixar de ter estilo propio. 

 

Coches ardendo, olladas desafiantes á cámara, créditos como de filme co título en letras góticas… Chega Perfidia, o novo tema e videoclip de Tanxugueiras. Botádelle un ollo e continuamos.

O grupo que forman Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro presentan o 22 de novembro o seu segundo LP, Contrapunto. “Un álbum de evolución e revolución” no que Tanxugueiras experimentan coa tradición ata traela ao seu presente, narrando historias de agora con letras de sempre. O título deste segundo single se pode escoitar desde hoxe en todas as plataformas é "Perfidia", que presentandn como “un canto sobre deslealdade e traizón que, mediante letras recollidas en diferentes puntos do país, constrúen un relato actual da ruptura da confianza na amizade”.

O videoclip está creado por Trece Amarillo, a produtora que está tamén detrás do primeiro videoclip que Tanxugueiras desvelou hai dúas semanas e que xa nos sorprendeu polo aire fresco e pola incorporación dun corpo de baile contemporáneo, algo moi difícil de ver nos vídeos musicais feitos por aquí, e menos nos de música tradicional. Igual que "Perfidia", o tema tamén ten un título ben rosaliano: '"Desposorio". 

O resultado non fai máis que reflectir que como as novas xeracións da música tradicional non renuncian a conectar coas estéticas da cultura pop que as rodea para levalas ao seu terreo e achegar o trad a novos públicos. Sabela, Olalla e Aída son da xeración de Rosalía Vila pero naceron musicalmente nas foliadas e desde que se xuntaron para tocar non deixaron de sorprender coas súa frescura. Como cando en febreiro de 2017 se fixeron virais con este vídeo gravado nos cameríns do festival Celtic Connections de Glasgow, a onde acudiron coa Banda das Crechas. O vídeo leva máis de 325.000 visualizacións dende aquela en Facebook e compartírono máis de catro mil persoas. 

Agardamos expectantes a saída de Contrapunto, un disco que chega para situar a música tradicional galega en novos escenarios, para darlle unha nova vida e significado ás coplas que cantaban as nosas avoas.  

Máis de Tanxugueiras

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.