Atreverse. Daniel Cambeiro, alter ego de Flora Ghost, decidiu enfrontarse ao abismo de non saber producir música e de non ter un círculo de músicos ao seu arredor porque tiña un soño: investigar a música que el quería facer, máis alá das fórmulas e das etiquetas, quizá máis alá incluso do que el podía agardar. «Teño esta fantasía, pero por onde empezo? Sei tocar a guitarra, sei cantar un pouco, escribo letras... Non tiña nin idea de que facer. Co que aprendín no primeiro ano saquei o EP Phobias & Philias (2018) con catro cancións en inglés, e a partir de aí fun aprendendo a producir», lembra.
Flora Ghost nace coa meta de facer un disco, que é La levitación (2022). «Rematei de estudar e todo, ata entón, fora como seguir un mesmo carril polo que vai todo o mundo: naces e escolarízante. Como se a túa vida estivese guionizada. E de pronto pasas ao mundo real, no que tes que desenvolverte por ti mesmo, e non tes ferramentas –ou non as hai–. Ao acabar a carreira tiven que volver a casa dos meus pais porque non había traballo do meu [o deseño gráfico] e comecei a buscar traballo do que fose. Pero nese momento non estaba cos meus amigos e amigas, non tiña estímulos, estaba de volta no meu pobo... Foi aí cando comecei ter ansiedade... Sentía que estaba levitando, que rematara o carril e estaba flotando: nin caía ao chan e levaba unha hostia, nin rompía a voar e todo ía marabilloso. Quería que pasase algo, a miña frustración era que non daba pasado nada. Entón, decidín facer eu algo e que facer música deixara de ser un soño ou unha fantasía», debulla Daniel Cambeiro.
Desde Fisterra, cun ordenador, unha guitarra e un micrófono iniciou un camiño de non retorno, como proba –ademais da ducia de temas que compoñen La levitación– están as gravacións que leva no seu teléfono móbil e os xigabytes de cancións que atesoura nos seus discos de memoria. Ademais, pronto soubo que non tiña que facer o camiño só, foi moi importante coñecer a Alberto Cernadas –que fai música como crnds– e a Cibrán Seixo. «No meu círculo non había músicos e aprendín un montón de Alberto, á parte de que agora é un dos meus mellores amigos, case como un irmán. El deume moitísimo feedback do que estaba facendo e foi como a peza que faltaba no quebracabezas. De feito, con el mesturei o disco e cando haxa directos contarei con el ao 100%», asegura.
Hai unha atmosfera xeral nas cancións de Flora Ghost, non é doado atribuírlle un xénero concreto ao proxecto, aínda que si podemos afirmar que conta con influencias de bandas como Massive Attack e Portishead ou artistas como James Blake e Ray-X. «Estou agardando a que un día alguén me diga ‘non o sabías pero a música que fas é este xénero’», ironiza. Con todo, é consciente de que ao non seguir un xénero musical concreto dificulta máis o acceso da xente e, incluso, di que «non hai infraestrutura para mover a túa música». Pero, por outra banda, non concibe facer música se non é algo moi seu.
«O que caracteriza este proxecto é que a música me sae, non teño que pensala»
«Cando comecei con Flora Ghost estaba súper metido no metal, no hardcore... Tiña un montón de cousas compostas coa guitarra dese rollo, pero non me interesaba nada porque eses xéneros son moi pechados. Creo que La levitación acabou sendo un manifesto de Flora Ghost e que agora ninguén se vai sorprender se nun tema novo meto unha guitarra distorsionada porque é todo moi aberto. O que caracteriza este proxecto é que a música me sae, non teño que pensala. Se fixese trap sería un máis facendo trap, pero creo que así o que che dou é algo moi meu que non podes ter doutra maneira», engade Cambeiro.
Daniel foxe da «repetición constante» que percibe en moita da música da actualidade, que lle produce a sensación «de que a xente xa non está a facer música, está seguindo un modelo». «Non sinto que esa xente se estea expresando porque a pouco que te expreses saes ti, que vas ser unha mestura de cousas, pero es ti. Tes que deixarte ir, creo que facer algo que sexa coma ti non é difícil, o difícil é facelo ben; para min o problema é que hai moita xente que non se atreve. Todos pensamos en como vai recibir o público a nosa música, se a publicas é por algo, podes facer concesións ou non, por iso primeiro tes que ter moi claro o que ti queres facer», asegura.
«Tes que deixarte ir, creo que facer algo que sexa coma ti non é difícil, o difícil é facelo ben»
«Vou seguir facendo música toda a miña vida, non me pode faltar. De feito, pasoume unha cousa curiosa porque o día que publiquei o disco non sentín nada especial, foi un día máis. Despois, reflexionei sobre que todos os momentos especiais para min foron facendo esta música. Foi moi especial cando fixen o tema “Las paredes”, que saíu do tirón unha noite e foi a vez que fixen música desa maneira que tanto se romantiza, ou o día que gravei “Efímera”, que estaba eu só bailando na casa coa instrumental posta a todo volume e a guitarra na man. Eses momentos quedan para min. Entendín que me gusta publicar música, ver que va a pasar con Flora Ghost, pero que o que fago reside fundamentalmente en facer música, e iso tranquilízame porque isto para min é como unha forma de vida: sempre estou facendo música», confesa Daniel Cambeiro.
Para chegar ás 12 cancións que conforman esta carta de presentación de Flora Ghost que é La levitación, Cambeiro tiña 50 temas gravados e preparados: «Non me arrepinto desas cancións, as que non están no disco non é que saíran mal, eu só collín o que me pareceu que tiña máis sentido. Ao final, mesturas cancións, en “El faro” a estrofa e o retrouso son de dúas cancións diferentes e fixen unha instrumental precisamente para xuntalas e que estiveran no disco. Eses 50 temas funcionan como unha investigación e o álbum é o traballo que entregas».
«Gustaríame moito que a xente que as escoite reciba as cancións e as faga súas, que as interprete como queira»
Este álbum é un proceso emocional, non pretende contar unha historia a partir das letras das cancións nin que se comprenda todo o que significa para o autor. A depuración que pasou cada tema implicou deixar frases á metade e simplificar sentencias para que a mensaxe non sexa explícita. «Gustaríame moito que a xente que as escoite reciba as cancións e as faga súas, que as interprete como queira. Ao final, todo o que conto é sobre darme conta de como é a vida, chegar á adultez, moita frustración... e dos momentos nos que atopas paz no medio de toda esa frustración. Como pasa en “El baile”, que por iso vai de última no disco, porque quixen pechar con esa paz. Todo o disco é moi micro, moi persoal, con esta canción abro o plano para ver que somos nada neste universo de partículas que se moven e que o único que podemos facer é bailar con ellas para que no te duela, como di a canción», salienta.