LaMontagne & PicoAmperio. Onde a lírica se mestura coa música

Algo que sinalar é o primeiro disco de LaMontagne & PicoAmperio e o resultado da busca dun universo musical compartido a partir de versos propios e alleos pasados por coidados loops, é a primeira parada dunha viaxe que Laura (Lugo, 1993) e Pedro (Teo, 1995) comezaron no ano 2019 e coa que levan máis de cen actuacións en directo. 

 

«Estou satisfeito porque este disco puidemos facelo coas nosas mans, cos nosos aparatos e cos nosos coñecementos, aprendendo a cada paso e con moito esforzo para chegar a onde os dous queremos», conta Pedro. «Neste tempo fomos enchendo os temas da nosa experiencia e cambiándolles o significado. Non é unha renovación das cantigas, traémolas cara ao noso terreo, é a vida», sinala Laura.

O disco era un reto «persoal» para ambos, coa vista posta en «solidificar» todo o aprendido nos directos nunha versión «máis grandiosa» para poder compartila coa xente á que xa lle soarán algúns dos temas e para presentarlla a quen aínda non coñece a súa música. Por iso, Algo que sinalar está composto por oito temas mimados ao extremo, compostos e producidos por eles, cunha estética que quere representalos aos dous. «Retroalimentámonos, eu son máis caótica e Pedro bebe dese caos», explica Laura. 

Dispoñible en todas as plataformas dixitais, o formato físico en CD vén cun libreto deseñado por eles no que deixaron sorpresas para quen vaia seguir as letras. «A nosa ilusión agora é que rule, ter ese momento de máis proximidade ao remate dos concertos e poder compartilo coa xente que veña», salientan.

LaMontagne & PicoAmperio © Llum Photography

A música de LaMontagne & PicoAmperio non xoga coas regras das fórmulas convencionais e foxe das estruturas pechadas con retrousos pegadizos. «Facemos a música cunha perspectiva humilde, imos incorporando recursos a medida que os imos descubrindo. Para nós a música sempre foi unha paixón máis que unha profesión», advirte Pedro. «Este camiño que forxamos baséase en textos e a música avanza en función de onde nos levan, non hai fórmulas porque o que nos sae é outra cousa», engade Laura.

Cando se xuntaron, Laura lembra que non tiña moitas máis ferramentas que a palabra e Pedro xa levaba tempo producindo música. Atópanse onde a lírica se mestura coa música e desde aí percorren os escenarios da Península nunha aventura que lles fixo merecedores do Premio Martín Códax da Música ao mellor proxecto de ′músicas urbanas′. «Sempre nos gustou a música cun punto de artesanía e de moita humanidade, e para as nosas creacións alimentámonos de movidas que a nós nos satisfán: como unhas lambetadas sonoras das que gozas cando estás creando. A verdade é que buscamos que teña sentido para nós, non para o planeta en xeral», di Pedro. «Pero resulta que ao final tamén ten sentido para a xente que nos escoita, que nos chamou para facer bolos e que agora nos apoia co disco. Que todo encaixe é unha gran sorte porque isto non deixa de ser un experimento e nós queremos aportar algo distinto ao que hai», asegura Laura.

Laura LaMontagne © Play Plan

A primeira canción de Algo que sinalar supón unha novidade sonora para quen coñece a súa música a través dos directos. ″Eu vexo″ xorde da inspiración do espazo da igrexa de San Domingos de Bonaval, en Compostela, onde puideron actuar no marco do ciclo VanGal que se organizou ao abeiro do Museo do Pobo Galego. «Nace dunha intro que fixemos para ese concerto na que experimentamos cos sons e a voz para gozar da sonoridade marabillosa dese lugar. Había unha semente aí plantada e quixemos retomala. Luz Fandiño pasárame un libro de poemas que publicara en francés e eu intentei facer unha tradución a partir deles. A letra é un convite a entrar nun sitio novo, é case unha carta de presentación, fala de cando chegas tarde pero chegas», indica Laura, que fai unha chiscadela dos seus comezos cantando en inglés na parte final da canción.

A atmosfera suave das ″Avelaneiras Frolidash″ mantense no disco. Esta é das primeiras creacións que adaptaron xuntos cando comezaron tocar antes da pandemia. Baséase na cantiga de Airas Nunes ″Bailemos nós já todas″ e para Laura «é un convite ao baile para todas». Destacan a liberdade artística coa que construíron o disco, agora ao abeiro de Play Plan. «Agradécese que non houbo límites, os temas máis longos igual non calan tanto no gran público, pero é a nosa maneira de facer e non queriamos perder o que para nós ten valor. É un pouco como pasa no jazz, que se coñeces a linguaxe é cando podes gozalo profundamente», afirman.

O primeiro petisco que deron a coñecer do disco foi ″Banharemonos nas Ondas″, que segue unha cantiga de Martín Codax, e que chegou acompañada dun videoclip baixo a auga dirixido por Alba Domínguez coa dirección de arte de Marta Bouzas. E «hai imposibles que por natureza oprimen», como di Laura, que están moi presentes en ″Porque no Mundo″, do que tamén gravaron un videoclip da man de Trece Amarillo no que xogan a ser outras persoas, case como nun videoxogo á medida da letra. «Aquí hai un camiño, unha intención e un fracaso; e quizá un aviso ao final», agrega.

No ecuador do álbum situaron as ″Ondas do Mar de Vigo″, que lle collen prestadas a Martín Codax, e que é «o corazón do disco». Viaxaron tanto con esta canción que os significados que ten para eles tamén foron evolucionando. «É un tema súper especial para nós, é un pouco a pedra angular do que somos e deu paso a moitas cousas. De feito, é a primeira cantiga que probei a versionar. É a semente de todo o que veu despois. Lévanos a moitas historias porque fala da perda e de como un se queda agardando algo que sabe que non volverá», debulla Laura, que quixo homenaxear tamén á poeta Luz Pozo Garza, que nun libro no que analiza esta cantiga escribe «dura a queixa o que dura a vida», unha frase que incluíu na súa canción.

Pero non todo son cantigas, tamén se atreven cunha versión da ″Senhora Do Almortão″ de Zeca Afonso, a primeira das cancións que remataron no estudio de gravación e das primeiras que traballaron xuntos desde cero. Neste caso, o tema bebe ademais da versión que realizara Teresa Salgueiro. Luz Fandiño volve aparecer en ″Pola Costa Vella″, unha canción que lle cantou a Laura un día na súa casa, e que ela remoeu na súa cabeza ata facela propia. «Despois souben que Luz a escribira cando morreu súa nai e que a cantaba para si mesma. Eu penso que son como un pouco lapa e me arrexunto a certas narrativas para analizar o que eu sinto, para intentar saber onde estou. Cando fixen esta canción tiña un momento de desacougo, aínda que non se pode comparar co que Luz quería dicir nese momento, pero é unha forma de facelo noso. Agora a xente pode ter as súas experiencias coa canción», asegura Laura, que engadiu ao final unhas liñas propias nas que amasa as palabras «como ovelliña que se perde do rabaño e quere volver», case como rachando coa cuarta parede e dirixíndose a quen escoita directamente.

A viaxe deste álbum remata cun tema de amor intenso, ″40Tena″, nado durante a pandemia, que tamén abre a porta ao que está por vir musical e esteticamente para LaMontagne & PicoAmperio. «É a canción máis novidosa para nós e desde o principio soubemos que pecharía o disco. Experimentamos moito na base musical e queremos seguir nesa liña sonora de sintetizadores e percusión dixital», avanza Pedro. O primeiro cacho do quebracabezas está feito e podemos escoitalo en Algo que sinalar, pero queda moito por chegar. Xa traballan en novas cancións e teñen pendente retomar as creacións baseadas nos versos de Xela Arias que presentaron no Concerto das Letras organizado polo Consello da Cultura en 2021 con motivo da homenaxe á poeta no Día das Letras Galegas dese ano. Queren ir sacando temas mentres retoman os escenarios, pois nos directos é cando máis gozan da música, que para eles só se entende se é compartida.

Os próximos concertos de LaMontagne & PicoAmperio son o 18 de novembro en Sada dentro do ciclo Elas Son Artistas, o 19 no Café Auriense en Ourense, o 26 no Guión Clube en Pontedeume e o 3 de decembro na sala Krazzy Kray de Cambados.

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Máis Vinte

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.