Blanco Palamera. Véndoos gañar

Blanco Palamera no concerto da Sala Malatesta. CC-BY-SA Matías Tarrío

O sábado pasado viviuse en Santiago un dos concertos do ano. Manu Blanco e Xoán “Palamera” Domínguez volvían á casa e aquilo foi unha celebración.


O pasado sábado 4 de xuño non era unha das mellores datas para un concerto de pop en Santiago de Compostela. Moito do público que podería acudir estaba no Portamérica (Caldas de Reis), na festa final de Desconcierto (A Illa de Arousa), ou no UKP Day (Ribadavia). Así que a media capacidade que presentaba a sala Malatesta, ben mirada, semella unha boa entrada, especialmente polo escollido do público: entusiastas da banda que cantaban as letras.

O de Blanco Palamera é un caso singular pola súa espectacular progresión nos últimos tres anos. Moi lonxe queda xa aquel 2019 no que entrevistabamos en VINTE, no primeiro Vinte Almorzando con Deleite, a dous rapaces de Santiago que acababan de sacar o seu primeiro disco. Xa daquela Manu e Xoán sorprendían, ademais de pola súa sinceridade, por un extraordinario gusto para as melodías e os arranxos e pola determinación coa que afrontaban o seu proxecto como banda con tan só 21 anos. Aquela primeira referencia, Promesas, medrou e medrou a cada escoita ata converterse nun clásico underground pero pouco se puido gozar da súa translación ao directo. Cunha pandemia polo medio, e xa totalmente afincados en Madrid, o concerto do sábado soaba a celebración. Era especial para eles, volvían a Santiago, volvían á casa, e facíano acompañados da familia e amigos. Cando Manu, contra o final, agradecía a presenza dos que alí estaban e explicaba o que significaba para eles volver a Santiago despois de 3 intensos anos, volver ao lugar no que empezaron a tocar xuntos hai xa 10 anos nos locais de ensaio de San Lázaro, parecía quebrárselle a voz coa emoción. 

Moi lonxe queda xa aquel 2019 no que entrevistabamos en VINTE, no primeiro Vinte Almorzando con Deleite, a dous rapaces de Santiago que acababan de sacar o seu primeiro disco.

No referido á progresión da banda (formar con Sen Senra nos seus exitosos directos tivo que axudar) comprobámolo xa desde o inicio do concerto. Manu gañou en seguridade cantando e, sobre todo, gañou en personalidade, conta xa cun estilo propio e diferenciado. E Xoán segue ao seu, a converterse nun dos mellores baterías do país que cando se pon en modo“desparrame” (como aquel divertidísimo blog que tiñan os Delorean) non hai quen o pare e fai que todo entre en ebulición. En Santiago estiveron acompañados dun grandísimo Sebastian Hernández ao baixo e de Marlon Pacho aos teclados, que facía que todo soase aínda máis rico en matices. Caeron os superhits de Promesas “Sola con mi voz”,“Salvaje” e “Aire”, e todos os grandes temas de Intimidade, e iso inclúe “Verte Ganar”, “Al mirar”, “Noche en Compos”(claro), “No juega” e “Pelear”. E a sensación é que os dous discos, tal e como os levan ao directo, medran moitísimo, especialmente Intimidade, que se converte nunha batedora na que colle todo (algo que xa apuntaba Marcos Gendre na entrevista que lles fixo en VINTE): r&b, jazz, soul, bossa, funk, ou pop. Houbo subidas, baixadas, temas lentos e sutís e temas moi bailables, pero todo con moita intensidade e moitísimo groove. Adubando a súa música de ritmos e feituras moi clásicas, Blanco Palamera soaron moi contemporáneos e vangardistas. Rematando a función botáronlle unha en modo rave que aquilo parecían os Chemichal Brothers pelexando contra Tyler The Creator. Para exemplo de todo isto os vídeos que eles mesmos puxeron no seu Instagram.

Un son exhuberante, Manu baixando entre o público nun case pogo comunal no que máis que hostias parecía que se ían repartir apertas, pasaxes instrumentais demostrando un dominio espectacular de cadansúa ferramenta de traballo… e aínda así, todo isto non tería sentido se fose un show frío e aséptico, pero aquí a cousa ía de transmitir, e Blanco Palamera tiñan emoción para dar e repartir entre todos e todas. 

As revistas de tendencias falan de “novo pop”, que lle chamen como queiran, a onde cheguen coa súa música dependerá de moitos factores pero os vimbios para facer unha banda de longa traxectoria e éxito están postos, agora hai que facer o cesto. Mentres sexan así de cribles e de intensos no escenario, imos velos gañar sempre. Como dixo un amigo entre o público, o mellor de Blanco Palamera é que con só 24 anos non parecen ter teito. Pois iso, queda todo o verán por diante aínda pero xa podemos falar dun dos concertos do ano.


 

Próximas datas de Blanco Palamera:

  • 1 de xullo - Observatorio Festival, Balboa
  • 14 de xullo - Jardín Alhambra, Palacio de Santa Bárbara, Madrid.
  • 20 de agosto - Nachiños Fest, Ferrol
Matías Tarrío

Matías Tarrío

Redactor de VINTE. Gústanme os discos e as filloas con rixóns.

Tamén che interesa

  • Vinte almorzando con Blanco Palamera

    Estreamos colaboración con Deleite: unha serie de reportaxes en vídeo nas que entrevistaremos a talentos emerxentes do noso país mentres almorzamos con eles no seu contorno habitual. E empezamos con Blanco Palamera, un dúo compostelán de pouco máis de vinte anos que están a ser unha das grandes revelacións do ano co seu pop electrónico con toques de música negra (jazz, soul, rnb, bossanova).

  • Blanco Palamera. Celebración da intimidade

    Hai tres anos Blanco Palamera presentouse en sociedade con Promesas, unha das estreas máis estimulantes dos últimos tempos, coa que iniciaron unha das traxectorias máis prometedoras que saíu do pop galego ultimamente. Agora esta aventura continúa con Intimidade.

    Música
  • Ortiga. Acostumarse á festa

    Dicía Ortiga que o de onte en Capitol era o concerto máis importante da súa vida (ata o momento). A mensaxe chegou, pois a sala estaba ateigada contra as dez da noite, cunha puntualidade pouco habitual, para escoitalo en directo. Pero non só, porque polo escenario pasaron High Paw, o Conjunto Amistá, Carlos Pereiro, Grande Amore, Cibrán de Boyanka Kostova e Pili Pampín. 

    Crónica

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.