Ortiga. Acostumarse á festa

Ortiga o pasado venres 7 na sala Capitol de Compostela © Ana G. Liste

Dicía Ortiga que o de onte en Capitol era o concerto máis importante da súa vida (ata o momento). A mensaxe chegou, pois a sala estaba ateigada contra as dez da noite, cunha puntualidade pouco habitual, para escoitalo en directo. Pero non só, porque polo escenario pasaron High Paw, o Conjunto Amistá, Carlos Pereiro, Grande Amore, Cibrán de Boyanka Kostova e Pili Pampín. 

A primeira vez que vin a Chicho nun escenario foi no Sinsal de 2018 en San Simón. Esteban y Manuel dábanlle caña a aquel ′Ela namoroume′ que xa é historia da música galega e que cando soou onte na sala Capitol de Santiago parecía vir dunha vida pasada que chegaba a nós a través dun túnel do tempo. Naquela altura, moito antes de que a pandemia nos metera na casa, este compostelán do barrio de Fontiñas xa tiña unha vontade incansable de ver gozar á xente coa súa música. 

Foi o crítico musical Pepe Cunha quen me puxo sobre aviso naquel Sinsal do outro grupo de Chicho, Boyanka Kostova. Entrevisteino a el e mais a Cibrán o verán seguinte para a extinta revista Inorantes, quedamos na Rúa Nova de Compostela cuns cafés e uns chupitos. Había vontade de mudar o discurso, non se paraban en discusións de outrora sobre a etiqueta de ser os primeiros en facer trap en galego nin demoraban moito as argumentacións sobre o que pretendían coas súas letras. A consigna seguía sendo a de pasalo ben e facer aos demais partícipes.

Foi un concerto cheo de ′grandes éxitos′ e, nun contexto de festa, a morriña tamén estivo presente coa versión do ′A Santiago voy′ que no seu momento gravaron Novedades Carminha con Esteban y Manuel.

Cun traxe branco nun escenario con decoracións tropicais saíu Ortiga para cantar iso de «si tienes un escozor llama al doctor». E así volveron os bailes, os empurróns e os cristais polo chan. Nin unha máscara. Coma antes, por moito que haxa cousas que ben podían quedar no pasado. Soaron os temas do disco Sabes el camino que elegí (Ernie Records, 2021) e axiña apareceu no escenario a viguesa High Paw, coa que vén de publicar o EP Poiro. Máis que agradable bailar ese ′Non hai quen me ature′ en grupo. 

Foi un concerto cheo de ′grandes éxitos′ e, nun contexto de festa, a morriña tamén estivo presente coa versión do ′A Santiago voy′ que no seu momento gravaron Novedades Carminha con Esteban y Manuel. Morriña e algo de saudade, pois a despedida de Novedades Carminha é aínda recente e ver a Carlangas no escenario foi emocionante. 

Cando apareceu Nuno, Grande Amore, en escena houbo unha alegría colectiva. O retrouso do ′Mondo Dolore′ de Los Rastreadores cantouse a voz en grito. Pero a apoteose chegou co ′Colacao′ de Boyanka Kostova con Cibrán e Chicho man a man. Sabían que era a canción que o seu público quería que soara, está claro. Desde 2018, que saíu dentro do EP Vella Canción Galega, facendo estragos nas cadeiras da xuventú.

O bis foi para Pili Pampín (e por todo o alto). Toda a Capitol comezou a berrar o seu nome cando Chicho desapareceu do escenario amagando un adeus. «Isto vai quedar súper épico», dixo en referencia ao vídeo que saíra do concerto, antes de darlle paso a «la única, la inimitable, la inigualable, la legendaria, Pili Pampín». Por un momento a Capitol fíxolle a competencia ao Luar de Gayoso, que se emitía en paralelo na TVG como todos os venres. «Cantamos todos eh!», pediu ela, e se quedaba alguén sen bailar non o puido evitar coa súa versión do ′Eu chorar chorei′. Conste que faltou Rodrigo Cuevas para acompañar a Ortiga na súa gran noite, pero na despedida soou un pouco de ′La magia de tu melena′, o tema que felizmente fixeron en colaboración o ano pasado.

O que me queda claro despois do concerto na Capitol é que queda moito Chicho por ver. Aí estaremos.

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Tamén che interesa

  • "Eu chorar chorei". Ortiga e PIli Pampín gastan pista na mítica discoteca La Luna

    O rei da cumbia galega undeground e a raíña da canción popular e da verbena xúntanse para levar á pachanga un clásico da música tradicional: "Eu chorar chorei". A versión xa puidéramos vela no especial de Noitevella de Luar na TVG pero agora lánzana ao mundo cun videoclip, dixirido polo gran Xaime Miranda, que nos leva do ganchete á mítica sala de festas La Luna, en Pontevedra, para botar un pé con estética de televisión local dos 90, banda de metais, brillibrilli e todo o garbo do mundo. Todo ben, en definitiva. Que non falte en ningunha festa este verán. 

  • A obsesión de Ortiga: o Mesón Valderrey

    Estréase o agardado disco de Ortiga, 'Chicho & sus chichas': un ramallo de temazos cos mellores ritmos latinos, da cumbia ao bolero ou mambo, pasados pola turmix electrónica, o autotune e certa morriña trap. Para repoñer forzas despois de tanto baile O Chicho do Funk recoméndanos o que para el é unha parada obrigatoria nas súas viaxes á meseta: o Mesón Valderrey en Tordesillas. 

     

    Obsesións

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.