A obsesión de Ortiga: o Mesón Valderrey

© Mesón Valderrey

Estréase o agardado disco de Ortiga, Chicho & sus chichas: un ramallo de temazos cos mellores ritmos latinos, da cumbia ao bolero ou mambo, pasados pola turmix electrónica, o autotune e certa morriña trap. Para repoñer forzas despois de tanto baile O Chicho do Funk recoméndanos o que para el é unha parada obrigatoria nas súas viaxes á meseta: o Mesón Valderrey en Tordesillas. 

 

Sempre fun de bo dente e xa se me ten notado máis. Dende que empecei a tocar habitualmente os fines de semana por España adiante, o momento de parar a comer sempre é un dos máis felices da viaxe. Ademais tampouco se pode andar por ahí sen estar ben alimentado, se cho sabe a túa nai...

Encántame descubrir sitios novos, a poder ser, que sexan o máis consecuentes posible coa zona na que están. Normalmente trato de ir a algún restaurante mítico, aquel que che recomenden os autóctonos sen pensalo demasiado. Sempre acertan, aínda que hei de reconocer que este en concreto non o descubrín así. Gústame chegar, deixarme recomendar, ver que teñen colgado nas paredes para saber a quen votan e comentar as diferencias entre esa forma de cociñalo con respecto á forma galega ou á da miña avoa.

Un dos que máis me gusta é o Mesón Valderrey, en Tordesillas. Indo pola A-6 hai que coller a saída de Tordesillas Sur, pasar o Río Douro por enriba dunha ponte e chegar a unha estatua tremenda dun touro. Detrás hai unha pequena praza onde, segundo en que datas do ano esteamos, teñen as barreiras postas para celebrar o Toro De La Vega. Entras ao restaurante e téñeno cuberto de bandeiras de ESP, motivos taurinos e fotos colgadas de Rocío Jurado, Bertín Osborne, Andrés Pajares ou Fito y los Fitipaldis, todos comendo alí. Glamour. Eu adoito pedir sopa de fideos (aínda que sexa verán porque está riquísima) e lechazo asado; aínda que a morcilla, o cochinillo e as setas tamén quitan o sentido. Creo que agora mesmo debo levar unhas 20 ou 25 comidas alí nestes dous últimos anos.

En definitiva, que vou unha vez ao mes de media e se non fose por este restaurante e moitos outros do mesmo estilo, moita non tería tido a forza para chegar san e salvo á miña casa. Viva o bo comer!

O Chicho do Funk

O Chicho do Funk

Son un músico de Compostela. Actualmente formo parte de Ortiga (onde toco só) e de Boyanka Kostova (un grupo que teño co meu amigo Saibran), e antes estiven en proxectos como Esteban&Manuel, Vicky Polard e algún máis. Dedícome a facer música en casa e logo enseñarlla á xente nos dintintos espazos aos que me inviten. E con iso fago o que podo, ou o que me deixan. Foto: Janite.

En anteriores obsesións...

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.