A obsesión de Miguel Canalejo: as Escape Rooms

Miguel Canalejo cos seus amigos nunha Escape Room de Benidorm. © Miguel Canalejo

Estreamos unha nova sección: OBSESIÓNS, na que queremos que distintas persoas compartan connosco as teimas pop que máis as obsesionan ultimamente. Comezamos polo actor coruñés Miguel Canalejo, a quen coñeceredes polas series Serramoura ou Cuéntame. En breve verémolo como o silente protagonista dunha webserie: Xan.

 

 

As personas non deixan de xogar porque envellecen. Envellecen porque deixan de xogar.” (Oliver Wendell Holmes Senior, médico e poeta)

Escápate conmigo esta noche bebé.” (Wisin, cantante de reaggeton.)

 

As salas de escape ou “Escape Rooms” son unha alternativa de ocio coa que estou obsesionado. Os locais deste estilo chegaron a Galicia hai poucos anos. O que propoñen é moi sinxelo: Unha sala misteriosa chea de enigmas, sesenta minutos no reloxo e un equipo de dúas a seis persoas. O obxectivo? Resolver os enigmas para escapar da habitación antes de que o reloxo chegue a cero (sen matar os teus amigos, a poder ser).

Xeralmente estas salas teñen unha historia de fondo: pode ser que esteas escapando do cárcere ou roubando un banco. A última na que estiven estaba ambientada no cuarto dun rapaz atormentado por un pallaso psicópata. Tiñamos que recuperar un xoguete e escapar da casa. Conseguímolo pero non sen levar máis dun susto.

Se cadra botar unha hora encerrado nun cuarto non é o concepto de diversión que ten a maioría da xente (aínda menos se hai un empregado vestido de pallaso agardando por ti detrás de cada porta). Sen embargo, eu son un namorado dos xogos de lóxica. E a subida de adrenalina que sentes ao resolver un misterio coas túas amizades paga a pena.

Sobre todo se ti es o que saca o derradeiro enigma. Traballo en equipo si, pero o ego tamén está aí.

 

Miguel Canalejo

Miguel Canalejo

Son Miguel Canalejo. Levo seis anos traballando como actor e desde hai un tempo estou a desenvolver a miña faceta como guionista. Hoxe en día compaxino a rodaxe de Serramoura en A Coruña coa de Cuéntame cómo pasó en Madrid. O tempo que me queda libre adícollo a Xan, a serie web coa que Lucía Estévez e máis eu recibimos este ano o Premio a Proxecto do Carballo Interplay. Xan é comedia absurda sobre as cousas do día a día que nos deixan sen palabras. Xa temos algún capítulo rodado e agardamos ter feita a primeira tempada antes de que remate o ano. 

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.