A estilista Lucía Yáñez vive en Vigo, traballa en Bimba y Lola e ten 22 mil seguidores na súa conta de Instagram, onde publica fotos moi coidadas nas que combina moda con paisaxe e natureza. A súa última obsesión, como a de moita xente este verán, é Euphoria, da HBO. Así nolo explica ela.
Son unha persoa inquieta e inconformista e polo tanto obsesiva, poderíase dicir que o modo lavadora é o meu mood.
Hoxe en día estamos saturados de información, redes sociais, series, películas… polo meu traballo vivo moito a tendencia na que esteamos a traballar e obsesióname coñecer todo o que teña que ver con ela. Porque unha tendencia vai moito máis alá da moda no seu sentido máis efémero: todo ten un comezo, unha historia e un porqué. Se as transparencias volven non é só porque a moda así o dicte, senón porque vivimos nun momento de liberalidade, de sacar o noso verdadeiro eu para fóra e de dicir quen somos realmente sen que nos dea medo o que dirán.
Por iso agora mesmo estou obsesionada cunha serie, Euphoria. Primeiro, por terse convertido en toda unha trend pola tremenda maquillaxe que gastan: levabamos unha época tímida na que á xente custáballe volverse maquillar tanto, e eles saltaron todas as regras facendo O MAKE UP por excelencia: excéntrico, colorido e, en definitiva, flipante. Isto, pola parte superficial. Pero ademais creo que sobre todo representa moi ben o momento que estamos a vivir hoxe, falando sen cancelas sobre sexualidade ou drogas.
Euphoria móstranos a xente nova actual que xa non sabe que máis facer para divertirse, son adolescentes que o teñen todo e aínda así son infelices. Onde quedaron os xogos na rúa cando as nosas máis nos berraban pola fiestra para ir cear porque era moi tarde? Agora as drogas e a depresión debido á ansiedade por ser, conseguir ou ter conviven coa sociedade dixital: os móbiles dannos todo e tamén nolo quitan, pois unha foto en malas mans pódete afundir nun minuto.
Vivimos un momento moi perigoso onde queremos todo en todo momento. Aí as redes sociais é o que máis dano nos están a facer, creándonos necesidades innecesarias, envidias, obsesións que o único que fan son desquiciarnos.
E por todo isto vivo obsesionada coa actualidade: ao mesmo tempo que me queixo son a primeira en usar as redes porque me parece unha maneira moi fácil de vivir conectada e informada en todo momento. Pero de verdade isto é estar conectada? Polo meu traballo coido que é fundamental, pero… e se me estou equivocando? Hai outra maneira de vivir a actualidade? Obsesióname atopar as respostas.