A obsesión de Jorge Boquete: Childish Gambino

Imaxe de 'Guava Island' © Imaxe de 'Guava Island'

O realizador e produtor audiovisual Jorge Boquete (A Coruña, 1991), creador co colectivo Porco Bravú de webseries como Peter Brandon ou Conversas con Cunqueiro, fálanos da súa última obsesión deste verán. Alguén que xunta as súas dúas paixóns: o rap e a ficción audiovisual. 

 

“Being happy is the goal but greatness is my vision”

Childish Gambino, I’m Alright (Culdesac, 2010)


Donald Glover AKA Childish Gambino é un músico, guionista, director, actor e produtor criado na periferia de Atlanta (a cidade, non a serie) e faino todo ben.  Esta primavera estreou a súa primeira longametraxe como guionista, Guava Island. Unha marabilla de musical dirixido polo seu partner-in-crime en Atlanta (a serie, non a cidade) Hiro Murai, responsable tamén de “This is America”, o videoclip co que reventou youtube e fixo historia nos Grammy. Ademais do guión de Guava Island (un conto sobre explotación e caciquismo), os colores, os vestiarios, Rihanna e un Donald Glover en estado de graza condenáronme a un verán obsesionado coa obra deste tipo.

Donald Glover baila entre as miñas dúas paixóns: a música e o cine. A miña neurose obsesiva con todo o que fai ten que ver coa súa excelencia. Co seu triunfo e co meu fracaso. Gañar cartos facendo o que che gusta. Ese mantra que nos acompaña dende que facemos a matrícula na facultade de comunicación de turno ata que rematamos nunha oficina working nine to five como dicía Dolly Parton. Donald Glover representa a esperanza do underground, dos creadores e creadoras alternativas, da xente que desenvolve o seu traballo nas marxes pero tamén quere vivir do que fai sen renunciar ao seu estilo. Un soño húmido.  

Ademáis, as letras de Childish Gambino irradian unha honestidade coa que me resulta imposible non sentirme identificado. Os conflitos emocionais que supón o estilo de vida dun creador  están presentes ao longo de toda a súa discografía. É unha música balsámica para calquera que traballe no audiovisual. Cando escoito as barras do seu tema “I’m alright” todo cobra sentido.


“Cause this music and this writing and this acting is my soul, and if I let it go there’d be no one else to know”

Childish Gambino, I’m Alright (Culdesac, 2010) 

Jorge Boquete

Jorge Boquete

Eu son Jorge Boquete. Levo 6 anos dirixindo as series de Porco Bravú coas que gañamos tres Mestre Mateo e agora estou buscando traballo. Son director, guionista e teño nivel alto co paquete Adobe. Dende fai unhas semanas  tamén son produtor. Case como Donald Glover pero da Coruña.  Mentres navego os mares do desemprego colaboro con Bangarang Films na produción dos videoclips do artista DL Blando e desenvolvo cos Porco Bravú a nosa nova serie “Dios ha muerto” un proxecto sobre unha debuxante traumatizada despois dun atentado. Pero o máis importante de todo é que son Jorge e busco un emprego. 

En anteriores obsesións...

  • A obsesión de Miguel Canalejo: as Escape Rooms

    Estreamos unha nova sección: OBSESIÓNS, na que queremos que distintas persoas compartan connosco as teimas pop que máis as obsesionan ultimamente. Comezamos polo actor coruñés Miguel Canalejo, a quen coñeceredes polas series Serramoura ou Cuéntame. En breve verémolo como o silente protagonista dunha webserie: ‘Xan’.

    Obsesións

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.