DL Blando. O cantante de trap coruñés abre unha nova etapa con “Mi fortuna”

O MC do barrio de Katanga, unha das voces máis destacadas do trap en Galicia, vén de estrear videoclip dirixido por Daniel Sambad cun dancehall que marca unha nova etapa creativa na súa traxectoria. 


Pode que non sexa coñecido para o gran público pero DL Blando leva xa uns anos destacando no incipiente panorama da música urbana en Galicia. Antes de iniciar a súa carreira en solitario en 2017, xa publicara con gran éxito Glitch, álbum lanzado en 2015 canda o tamén coruñés wax.dee, cunha grande acollida entre a prensa especializada como “unha obra maestra do cyberpunk-rap”. A finais dese ano tamén presentou, con outros membros do xa extinto colectivo Norweside como Judah, wax.dee, Ponte, El Afilador e Charlie Tzara, o proxecto NVVS, co que editaron ata 8 singles entre os que destacan “Compact Diss” ou “Dieguito Tristán”.

DL Blando marca agora un novo fito na súa traxectoria, despois do éxito esta primavera co seu EP Mad World, co single “Mi fortuna”, un epic dancehall que marca unha etapa de transición artística na súa carreira. O de Katanga mira cara a novos horizontes luminosos cos que estrañar a oscuridade á que ten acostumado o seu público. 

Sara Enguix no videoclip, cunha estética moi 'Euphoria'. © Bangarang Films

Faino coa axuda dos seus colaboradores Judah GT e El afilador na produción musical, o realizador e fotógrafo Daniel Sambad na dirección do videoclip, e Jorge Boquete na dirección de produción, da man de Bangarang Films, produtora habitual dos vídeos de DL Blando. Protagonizado polo propio artista xunto a Sara Enguix, o vídeo rodouse nas Médulas, e en distintas localizacións de Arteixo, Bergondo, Mesón do Vento ou o barrio das Flores da Coruña. Segundo o seu director, “queriamos plasmar a soidade e a tristeza coa que sempre escribe Blando, pero a canción pedíanos movemento e colorido así que decidimos explorar unha estética máis luminosa, abordando a melancolía desde un punto de vista diferente ao resto de videos”.

Aquí tedes “Mi fortuna”, que en só unha semana que leva publicado na rede xa supera as sete mil visualizacións. 

En Spotify DL Blando ten case cen mil oíntes mensuais (de España, México, Arxentina e Chile) e en Instagram máis de 6 mil seguidores, a maioría de Madrid, Barcelona, Vigo e A Coruña, con idades entre os 18 e os 24 anos. Foi unha das actuacións máis agardadas este ano no cartel do festival O Marisquiño, en Vigo. 

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.