O youtuber, filólogo e autor do reggaetón deste verán en Galicia fálanos da súa obsesión, que non será novidade para quen o siga nas redes e ademais é outra youtuber: Ter.
O meu con Ter comezou igual que comezan moitas boas relacións. Eu non acababa de pillar o sentido dos vídeos e chegaba a irritarme o feito de non poder dicirlle “ei, a ver, para aí que iso non ten sentido”. Ata que un día o atopei e comecei a ver tódolos vídeos que tiña atrasados e a pór unha e outra vez os máis recentes. Comezoume a fascinar cada palabra que dicía e sempre tiña unha pestana aberta coa súa canle. De feito, debo confesar que teño collido máis apuntamentos escoitando a Ter ca en moitas materias da carreira.
Ter, xunto con outras youtubers coma Percebes e Grelos, ensináronme a pór en valor a cultura pop e o entretemento. Ao meu redor só había xente falándome de grandes obras do século pasado ou de escritores consagrados que facían durmir as pedras. E nese momento chega unha muller co pelo azul falando de brillantes, de uñas, de trap e de ornamento. Vamos, todo o que necesitaba.
Mais debo confesar que a obsesión cos seus vídeos foi como a primeira parte desta viaxe. Agora xa non só se reduce a isto, senón que me dedico a aplicar a teoría terdashian no meu día a día. Vou pola rúa fixándome na ornamentación dos edificios, nas estruturas, en como catalogar cemiterios, buscando edificios interdisciplinares. Imaxino en que edificio de Compostela podería durmir Kim Kardashian e creo imaxes en 3D cos emojis nun grupo de whatsapp no que só estou eu.
Tampouco podo esquecer todo aquelo que Ter recomenda e de aquí nace a miña outra gran obsesión: Ariana Grande e os seus videoclips. Esa muller de 26 anos cunha voz impresionante que decide apostar por un traballo musical máis achegado ao trap cás baladas ás que nos tiña acostumados e cuns vídeos cheos de referencias e que, para min, representan totalmente esta época (sen esquecer a Bad Gyal e a Cardi B, obviamente).
Vamos, que Ter me axudou a escapar dos puretas e rancios e achegarme ao 2019.