A obsesión de Berta Dávila: Grace & Frankie

© Netflix

A escritora Berta Dávila (Compostela, 1987), a piques de lanzar a súa nova novela, 'Carrusel' (Premio García Barros 2019),  fálanos da súa última obsesión: a serie de Netflix 'Grace e Frankie'. 

 

Creo que dificilmente atoparei unha obsesión tan verdadeira como o que teño con todo o que rodea a Lady Di e á súa performance de vida. Só coñezo unha persoa capaz de obsesionarse tanto con algo: ao meu fillo de catro anos deulle moi forte con Peppa Pig. O seu é máis comprensible que o meu, é certo, pero cando menos eu non durmo abrazada polas noites a un peluche de Lady Di.

Sen embargo, teño unha obsesión recente que compite coas miñas obsesións históricas, e é a serie Grace e Frankie. Protagonizada por Jane Fonda e Lily Tomlin, é a historia de dúas mulleres na súa sexta década de vida cuxos maridos son os dous socios dun bufete de avogados. Lily Tomlin é unha artista hippie e libertaria e Jane Fonda é unha empresaria retirada, dona dun imperio de cosméticos. Pero resulta que a serie non trata de como están mortalmente enemistadas. No primeiro capítulo (non é un spoiler) os seus maridos respectivos anúncianlles que son homosexuais, que están namorados entre ele e que queren o divorcio. E a partir dese punto desencadénase unha comedia divertidísima. Dato: a súa creadora é Marta Kauffman, que é tamén a cocreadora de Friends. Os capítulos son de trinta minutos, así que se poden ir alternando cos de Peppa Pig: unha estratexia win-win.

Berta Dávila

Berta Dávila

Santiago de Compostela, 1987. É novelista e poeta. É autora de poemarios como Raíz da fenda (Xerais, 2013) e de novelas como O derradeiro libro de Emma Olsen (Galaxia, 2014) ou Carrusel (Galaxia, 2019), polo que recibiu o Premio da Crítica española. O seu último traballo é Illa Decepción (Galaxia 2020), Premio de Narrativa Breve Repsol.

En anteriores obsesións...

  • A obsesión de Jorge Boquete: Childish Gambino

    O realizador e produtor audiovisual Jorge Boquete (A Coruña, 1991), creador co colectivo Porco Bravú de webseries como Peter Brandon ou Conversas con Cunqueiro, fálanos da súa última obsesión deste verán. Alguén que xunta as súas dúas paixóns: o rap e a ficción audiovisual. 

    Obsesións
  • A obsesión de Miguel Canalejo: as Escape Rooms

    Estreamos unha nova sección: OBSESIÓNS, na que queremos que distintas persoas compartan connosco as teimas pop que máis as obsesionan ultimamente. Comezamos polo actor coruñés Miguel Canalejo, a quen coñeceredes polas series Serramoura ou Cuéntame. En breve verémolo como o silente protagonista dunha webserie: ‘Xan’.

    Obsesións

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.