Miudiño Sessions: Minguante
Décimo oitava entrega das Miudiño Sessions, un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura, feito dende a paixón pola nosa música e lingua que máis alá da promoción de novas propostas e o rexistro das máis veteranas tamén ten un certo propósito arquivístico, facendo a foto fixa do momento histórico que estamos a vivir, por número e por calidade, de proxectos musicais na nosa lingua.
Desta volta A Regueifa Plataforma viaxou até Lousame para chantar as súas cámaras e micrófonos na antiga fábrica de papel de Fontán, fundada a comezos do século XIX polo tío de Domingo Fontán, e rexistrar a sesión de Minguante. Nunhas ruínas máis axeitadas para os ecos dos trasnos e as bruxas que de Neil Young, o dúo formado polo escritor Miguel Alonso e Óscar Martínez debullou catro temas do seu primeiro disco longo, "A incrible historia dos homes minguantes", publicado o pasado ano. Un traballo a cabalo entre pop de autor, o rock acústico e a Americana, unha fórmula pouco explotada no noso País que terá continuación axiña xa que se atopan neste intres gravando o que sera o seu segundo disco.
Créditos
Seguindo o ronsel dos concertos para levar de La Blogotheque, os Tiny Desk Concerts da radio pública norteamericana ou os pioneiros acústicos da MTV dos 90s, A Regueifa 2.0 presenta as Miudiño Sessions, unha serie de micronconcertos de grupos e solistas galegxs en formato mínimo gravados en localizacións singulares.