Miudiño Sessions: Anxo Araújo

Décimo quinta entrega das Miudiño Sessions, un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura, feito dende a paixón pola música e a lingua que máis alá da promoción de novas propostas tamén ten un certo propósito arquivístico, facendo a foto fixa do momento histórico que estamos a viver, por número e por calidade, de proxectos musicais na nosa lingua.

Desta volta as cámaras d'A Regueifa Plataforma foron até o corazón de Vigo para filmar tres alfaias do indie pop manufacturado polo pontevedrés Anxo Araújo. As antigas pedras das paredes dun local con tantísima(s) historia(s) coma A Casa de Arriba foron a cámara de resonancia perfecta para ecoar a narrativa do seu delicado pop tinguido de luminosa saúdade, interpretando tres temas do seu primeiro disco, Plan de Urbanismo Para Un Novo Couto Mixto, editado en 2021. Unha gravación que fai de ponte entre a súa opera prima e o seu segundo disco longo, do que xa coñecemos dous singles de adianto e que viron a luz o pasado mes de xuño: "Noite de San Xoán" e "Por que tivemos que discutir?"

Créditos

Seguindo o ronsel dos concertos para levar de La Blogotheque, os Tiny Desk Concerts da radio pública norteamericana ou os pioneiros acústicos da MTV dos 90s, A Regueifa 2.0 presenta as Miudiño Sessions, unha serie de micronconcertos de grupos e solistas galegxs en formato mínimo gravados en localizacións singulares.

En anteriores Miudiño Sessions

  • Miudiño Sessions

    Miudiño Sessions: Breogán Xague

    Nesta 14ª entrega das Miudiño Sessions, as cámaras  foron até unha fraga da península do Morrazo para rexistrar a inédita proposta musical de Breogán Xague. O artista plástico vigués fixo o pasado ano unha digresión das súas disciplinas habituais para dar comezo a unha triloxía musical sobre a emigración, baixo as coordenadas musicais do abstract hip-hop e a música tradicional galega. 

    Música
  • Miudiño Sessions

    Miudiño Sessions: Carabela

    Navegamos ata a cerna da ría de Muros e Noia para filmar a arriscada mestura de pop, electrónica e tradi das noiesas Carabela nunha localización máis mariñeira imposible por teren sido paridoiro de dornas, bucetas, goletas e chalanas durante séculos. Décimo terceira entrega das Miudiño Sessions, de A Regueifa Plataforma 2.0, un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura feito dende a paixón pola música e a lingua pero que tamén ten un certo propósito arquivístico.

    Música
  • Miudiño Sessions

    Miudiño Sessions: O Portughés e Volk GZ

    Duodécima entrega das Miudiño Sessions, un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura, feito dende a paixón pola música e a lingua pero que tamén ten un certo propósito arquivístico. Desta volta a sesión tivo lugar ao pé do castelo de Pambre, un dos poucos que non foron arrasados pola furia irmandiña, e foi protagonizada por O Portughés e Volk GZ, dándolle vida ao seu EP colaborativo Entre muros e montes.

    Música
  • Miudiño Sessions

    Miudiño Sessions: Su Garrido Pombo

    Undécima entrega das Miudiño Sessions, desta volta con Su Garrido Pombo, que vén de lanzar 'Patios de Luz', o seu segundo disco en solitario. Unhas músicas que precisaban un contexto e un espazo tan especial coma a luminosa terraza olívica que xenerosamente nos cedeu esa lenda viva do indie que é Marco Maril, produtor ademais do album. Arrodeadxs de roupa pendurada e coas Illas Cíes no horizonte fomos testemuña privilexiada dos feitizos polifónicos que a meiga de Fornelos de Montes é quen de cociñar no seu looper coa súa voz, percusión e guitarras coma únicos ingredientes. Cando o talento é sobrenatural, a maxia pode abrollar mesmo nun espazo tan cotián coma un patio de luz.

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.