Miudiño Sessions: Breogán Xague

Décimocuarta entrega das Miudiño Sessions, un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura, feito dende a paixón pola música e a lingua pero que tamén ten un certo propósito arquivístico, facendo a foto fixa do momento histórico que estamos a viver, por número e por calidade, de propostas musicais na nosa lingua. 

Desta volta as nosas cámaras foron até unha fraga da península do Morrazo para rexistrar a inédita proposta musical de Breogán Xague. O artista plástico vigués fixo o pasado ano unha digresión das súas disciplinas habituais para dar comezo a unha triloxía musical sobre a emigración, baixo as coordenadas musicais do abstract hip-hop e a música tradicional galega. Unha proposta de vangarda estruturada sobre unha colaxe de sampleos que conforman unha paisaxe experimental, dándolle soporte unhas rimas que procuran a deconstrución do tópico do galego emigrado, saudoso e morriñento, e como se ten empregado para desactivar un discurso máis político dos motivos estruturais históricos da emigración galega.

Créditos

Seguindo o ronsel dos concertos para levar de La Blogotheque, os Tiny Desk Concerts da radio pública norteamericana ou os pioneiros acústicos da MTV dos 90s, A Regueifa 2.0 presenta as Miudiño Sessions, unha serie de micronconcertos de grupos e solistas galegxs en formato mínimo gravados en localizacións singulares.

En anteriores Miudiño Sessions

  • Miudiño Sessions

    Miudiño Sessions: Carabela

    Navegamos ata a cerna da ría de Muros e Noia para filmar a arriscada mestura de pop, electrónica e tradi das noiesas Carabela nunha localización máis mariñeira imposible por teren sido paridoiro de dornas, bucetas, goletas e chalanas durante séculos. Décimo terceira entrega das Miudiño Sessions, de A Regueifa Plataforma 2.0, un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura feito dende a paixón pola música e a lingua pero que tamén ten un certo propósito arquivístico.

    Música
  • Miudiño Sessions

    Miudiño Sessions: O Portughés e Volk GZ

    Duodécima entrega das Miudiño Sessions, un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura, feito dende a paixón pola música e a lingua pero que tamén ten un certo propósito arquivístico. Desta volta a sesión tivo lugar ao pé do castelo de Pambre, un dos poucos que non foron arrasados pola furia irmandiña, e foi protagonizada por O Portughés e Volk GZ, dándolle vida ao seu EP colaborativo Entre muros e montes.

    Música
  • Miudiño Sessions

    Miudiño Sessions: Su Garrido Pombo

    Undécima entrega das Miudiño Sessions, desta volta con Su Garrido Pombo, que vén de lanzar 'Patios de Luz', o seu segundo disco en solitario. Unhas músicas que precisaban un contexto e un espazo tan especial coma a luminosa terraza olívica que xenerosamente nos cedeu esa lenda viva do indie que é Marco Maril, produtor ademais do album. Arrodeadxs de roupa pendurada e coas Illas Cíes no horizonte fomos testemuña privilexiada dos feitizos polifónicos que a meiga de Fornelos de Montes é quen de cociñar no seu looper coa súa voz, percusión e guitarras coma únicos ingredientes. Cando o talento é sobrenatural, a maxia pode abrollar mesmo nun espazo tan cotián coma un patio de luz.

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.