Miudiño Sessions: Su Garrido Pombo
Undécima entrega das Miudiño Sessions que impulsa A Regueifa Plataforma 2.0, un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura, feito dende a paixón pola música e a lingua pero que tamén ten un certo propósito arquivístico, facendo a foto fixa do momento histórico que estamos a viver –por número e por calidade– de propostas musicais na nosa lingua.
Desta volta a sesión veu protagonizada pola canción de autora de avangarda de Su Garrido Pombo, que vén de lanzar 'Patios de Luz', o seu segundo disco en solitario. Unhas músicas que precisaban un contexto e un espazo tan especial coma a luminosa terraza olívica que xenerosamente nos cedeu esa lenda viva do indie que é Marco Maril, produtor ademais do album. Arrodeadxs de roupa pendurada e coas Illas Cíes no horizonte fomos testemuña privilexiada dos feitizos polifónicos que a meiga de Fornelos de Montes é quen de cociñar no seu looper coa súa voz, percusión e guitarras coma únicos ingredientes. Cando o talento é sobrenatural, a maxia pode abrollar mesmo nun espazo tan cotián coma un patio de luz.
Créditos
Seguindo o ronsel dos concertos para levar de La Blogotheque, os Tiny Desk Concerts da radio pública norteamericana ou os pioneiros acústicos da MTV dos 90s, A Regueifa 2.0 presenta as Miudiño Sessions, unha serie de micronconcertos de grupos e solistas galegxs en formato mínimo gravados en localizacións singulares.