Miudiño Sessions: DEVALO

A Regueifa Plataforma 2.0 viaxou até o corazón da Coruña para filmar unha nova entrega das Miudiño Sessions, desta volta protagonizada por DEVALO, o proxecto de synth-pop de David Miranda. Nesta nova sesión, xa a número oito, ofreceunos en formato trío unha escolma dos seus últimos traballos, interpretando "Neve de maio", "Aves negras" e "Houdini" na compaña de Edu Poch (Atrás Tigre) ao baixo e Josen Miranda á guitarra.

Créditos

Seguindo o ronsel dos concertos para levar de La Blogotheque, os Tiny Desk Concerts da radio pública norteamericana ou os pioneiros acústicos da MTV dos 90s, A Regueifa 2.0 presenta as Miudiño Sessions, unha serie de micronconcertos de grupos e solistas galegxs en formato mínimo gravados en localizacións singulares.

Máis Vinte

  • Miudiño Sessions

    Miudiño Sessions: Projecto Mourente

    Desta volta A Regueifa Plataforma foi até Mourente, berce do pai da música dance galegófona, Carlos Valcárcel AKA Projecto Mourente, para filmar unha sesión onde transmutou en crooner tropicalista para agasallarnos con catro temas remesturados ad hoc para a sesión –dous deles inéditos– nos que baixou o tempo a uns BPMs moito máis acaídos para gozar do solpor nunha terraza chill das Rías Baixas que para dalo todo na pista de baile. Unha perfecta banda sonora para animar este húmido inverno interminábel e petiscar o que será o seu vindeiro disco longo.

    Música
  • Miudiño Sessions

    Miudiño Sessions: Secho

    A Regueifa Plataforma 2.0 estrea o sexto episodio das súas Miudiño Sessions da man de Secho, desta volta dende o hórreo da Miguensa nas Terras de Iria. Ao acubillo do arco de medio punto dun hórreo que é único en todo o país, o de Dodro debulla tres pezas de "Recuperar", o seu máis recente traballo, na compaña dunha sorte de all-stars da escena galega.

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.