Miudiño Sessions: O Portughés e Volk GZ
Duodécima entrega das Miudiño Sessions, un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura, feito dende a paixón pola música e a lingua pero que tamén ten un certo propósito arquivístico, facendo a foto fixa do momento histórico que estamos a viver - por número e por calidade - de propostas musicais na nosa lingua. Desta volta a sesión tivo lugar ao pé do castelo de Pambre, un dos poucos que non foron arrasados pola furia irmandiña, e foi protagonizada por O Portughés e Volk GZ, dándolle vida ao seu EP colaborativo Entre muros e montes editado o pasado verán.
Un traballo no que o do Salnés pon os versos e o lucense os beats para construír un universo rico en referencias e sampleos (dende Moncho Reboiras até Lois Pereiro pasando por Dante, Lucky Luciano ou o Principiño) e artellar un dos discursos máis honestos e auténticos da escena, lonxe dos tópicos habituais. Un petisco d'O Portughés que poderemos ver ao vivo, para a ocasión escudado polo seus habituais do Xiabre Ski Club, o vindeiro sábado 1 de xullo no Teatro Colón da Coruña dentro do ciclo Xullo Pop! organizado pola Deputación da Coruña.
Créditos
Seguindo o ronsel dos concertos para levar de La Blogotheque, os Tiny Desk Concerts da radio pública norteamericana ou os pioneiros acústicos da MTV dos 90s, A Regueifa 2.0 presenta as Miudiño Sessions, unha serie de micronconcertos de grupos e solistas galegxs en formato mínimo gravados en localizacións singulares.