Miudiño Sessions: Músculo!


"Décimo sexta entrega das Miudiño Sessions, un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura, feito dende a paixón pola música e a lingua que máis alá da promoción de novas propostas tamén ten un certo propósito arquivístico, facendo a foto fixa do momento histórico que estamos a viver, por número e por calidade, de proxectos musicais na nosa lingua. 

Desta volta as cámaras d'A Regueifa Plataforma viaxaron até Catoira para filmar a rachadora proposta electrónica de Músculo! manufacturada ao vivo. Facendo honor ao concepto detrás do seu novo disco, o propio Ulla, decidiron chantar na ribeira do río os seus sintetizadores, samplers e caixas de ritmos para esluír a paisaxe fluvial nas súas propias paisaxes electrónicas. Unha sesión para recordar onde os baixoulláns construiron unhas músicas ("As penas", "#anti#go" e "Ulla") que transformaron unha antiga fábrica de tixolos na perfecta pista de baile improvisada."

Créditos

Seguindo o ronsel dos concertos para levar de La Blogotheque, os Tiny Desk Concerts da radio pública norteamericana ou os pioneiros acústicos da MTV dos 90s, A Regueifa 2.0 presenta as Miudiño Sessions, unha serie de micronconcertos de grupos e solistas galegxs en formato mínimo gravados en localizacións singulares.

En anteriores Miudiño Sessions

  • Miudiño Sessions

    Miudiño Sessions: Anxo Araújo

    Décimo quinta entrega das Miudiño Sessions. Desta volta as cámaras d'A Regueifa Plataforma foron ata o corazón de Vigo para filmar tres alfaias do indie pop manufacturado polo pontevedrés Anxo Araújo. As antigas pedras das paredes dun local con tantísima(s) historia(s) coma A Casa de Arriba foron a cámara de resonancia perfecta para ecoar a narrativa do seu delicado pop tinguido de luminosa saúdade, interpretando tres temas do seu primeiro disco, Plan de Urbanismo Para Un Novo Couto Mixto, editado en 2021. 

    Música
  • Miudiño Sessions

    Miudiño Sessions: Breogán Xague

    Nesta 14ª entrega das Miudiño Sessions, as cámaras  foron até unha fraga da península do Morrazo para rexistrar a inédita proposta musical de Breogán Xague. O artista plástico vigués fixo o pasado ano unha digresión das súas disciplinas habituais para dar comezo a unha triloxía musical sobre a emigración, baixo as coordenadas musicais do abstract hip-hop e a música tradicional galega. 

    Música
  • Miudiño Sessions

    Miudiño Sessions: Carabela

    Navegamos ata a cerna da ría de Muros e Noia para filmar a arriscada mestura de pop, electrónica e tradi das noiesas Carabela nunha localización máis mariñeira imposible por teren sido paridoiro de dornas, bucetas, goletas e chalanas durante séculos. Décimo terceira entrega das Miudiño Sessions, de A Regueifa Plataforma 2.0, un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura feito dende a paixón pola música e a lingua pero que tamén ten un certo propósito arquivístico.

    Música
  • Miudiño Sessions

    Miudiño Sessions: O Portughés e Volk GZ

    Duodécima entrega das Miudiño Sessions, un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura, feito dende a paixón pola música e a lingua pero que tamén ten un certo propósito arquivístico. Desta volta a sesión tivo lugar ao pé do castelo de Pambre, un dos poucos que non foron arrasados pola furia irmandiña, e foi protagonizada por O Portughés e Volk GZ, dándolle vida ao seu EP colaborativo Entre muros e montes.

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.