Miudiño Sessions: Momboi
Vixésimo cuarta entrega das Miudiño Sessions, un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura, feito dende a paixón pola nosa música e lingua que máis alá da promoción de novas propostas, o descubrimento das máis singulares e o rexistro das máis veteranas tamén ten un certo propósito arquivístico, facendo a foto fixa do momento histórico que estamos a vivir, por número e por calidade, de proxectos musicais na nosa língua.
Para esta nova sesión A Regueifa Plataforma tivo a sorte de contar con Momboi, gañadores dos premios Martin Codax da Música do pasado ano na categoría indie. Seguindo o fío da temática do seu útimo disco longo, Vacacións en Ornanda, desprazámonos até os cantís da propia praia de Ornanda onde os noienses interpretaron catro temas, "Uxía", "Cabalo negro", "Acacias" e o seu máis recente single, "Último baile". Co monte Louro e a roubada Illa da Creba ao fundo o quintento fixo ecoar por toda a ría de Muros e Noia a súa especial fusión de músicas de raigame latinoamericana e pop, unha proposta única na escena galega. Momboi atópanse agora a preparar novas músicas que seguramente poderemos escoitar ao longo deste ano que comeza.
Créditos
Seguindo o ronsel dos concertos para levar de La Blogotheque, os Tiny Desk Concerts da radio pública norteamericana ou os pioneiros acústicos da MTV dos 90s, A Regueifa 2.0 presenta as Miudiño Sessions, unha serie de micronconcertos de grupos e solistas galegxs en formato mínimo gravados en localizacións singulares.