Miudiño Sessions: Ruxe Ruxe
Vixésimo segunda entrega das Miudiño Sessions, un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura, feito dende a paixón pola nosa música e lingua que máis alá da promoción de novas propostas, o descubrimento das máis singulares e o rexistro das máis veteranas, tamén ten un certo propósito arquivístico, facendo a foto fixa do momento histórico que estamos a vivir, por número e por calidade, de proxectos musicais na nosa lingua.
Desta volta os equipos de gravación da Regueifa foron ata a compostelá parroquia de Aríns para filmar unha das bandas decanas do rock galego no seu xa mítico cuartel xeral. Alí, no seu local-museu entre cartaces de Lemmy Kilmister e Uxío Novoneyra, o sexteto descargou a súa furiosa mestura de rock, punk, ska e tradi, nesta ocasión coa colaboración de Xabier Facal coma sétimo ruxe ao hammond.
No repertorio non faltaron temas de Unha noite no interior dunha faísca, o seu máis recente disco longo, así como un par de clásicos como "Carmela baila ska" e "Entre cascallos". Ruxe Ruxe andan xa a preparar disco novo e van pechar o ano cun concerto na sala Master Club de Vigo este 29 de decembro.
Créditos
Seguindo o ronsel dos concertos para levar de La Blogotheque, os Tiny Desk Concerts da radio pública norteamericana ou os pioneiros acústicos da MTV dos 90s, A Regueifa 2.0 presenta as Miudiño Sessions, unha serie de micronconcertos de grupos e solistas galegxs en formato mínimo gravados en localizacións singulares.