Miudiño Sessions: Musel

Vixésimo sexta entrega das Miudiño Sessions, un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura, feito dende a paixón pola nosa música e lingua que máis alá da promoción de novas propostas, o descubrimento das máis singulares e o rexistro das máis veteranas, tamén ten un certo propósito arquivístico, facendo a foto fixa do momento histórico que estamos a vivir, por número e por calidade, de proxectos musicais na nosa lingua.

Nesta nova sesión A Regueifa Plataforma colleu a eternamente inacabada A-54 para achegarse ao corazón da Terra Chá e filmar o exquisito slowcore galaico de Musel. O trío liderado por Óscar Vilariño (ex-Triángulo de Amor Bizarro, A veces Ciclón, Fracaso Tropical) leva unha década achegando a nosa lingua ao son de bandas coma Low ou Yo La Tengo baixo o signo do que non é profeta na súa terra ao editar os seus traballos na mítico discográfica indie Acuarela Discos (Migala, Refree, Sr Chinarro, The Wave Pictures...). 

Nun alpendre, que foi perfecto acubillo para o frío lugués, a formación, completada por Charlie Méndez ao baixo e Juantxo Pájaro á batería, interpretou as pezas "Feirán", "Sombra e luz" e "Trapalladas".

Créditos

Seguindo o ronsel dos concertos para levar de La Blogotheque, os Tiny Desk Concerts da radio pública norteamericana ou os pioneiros acústicos da MTV dos 90s, A Regueifa 2.0 presenta as Miudiño Sessions, unha serie de micronconcertos de grupos e solistas galegxs en formato mínimo gravados en localizacións singulares.

En anteriores Miudiño Sessions

  • Miudiño Sessions

    Miudiño Sessions: Bigornia

    Nesta nova sesión A Regueifa Plataforma elévase por riba do skyline da zona vella compostelá para filmar a fórmula vangardista de Bigornia. Unha proposta inédita no País na que Fonsi achega a música electrónica, manufacturada artesanalmente ao vivo con sintetizadores modulares, mentres Xabier faise cargo do baixo e os audiovisuais analóxicos procesados, tamén, en tempo real. 

    O dúo lanzou o pasado ano o seu primeiro traballo discográfico, Tandem, interpretando para a sesión dúas pezas novas, "Parálise" e "Matamarcian4s". 

    Bigornia estarán actuando ao vivo este venres, 9 de febreiro, na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro.

    Música
  • Miudiño Sessions

    Miudiño Sessions: Momboi

    Nesta sesión A Regueifa Plataforma tivo a sorte de contar con Momboi, gañadores dos premios Martin Codax da Música do pasado ano na categoría indie. Seguindo o fío da temática do seu útimo disco longo, Vacacións en Ornanda, as Miudiño Sessións chegaron até os cantís da propia praia de Ornanda onde os noienses interpretaron catro temas, "Uxía", "Cabalo negro", "Acacias" e o seu máis recente single, "Último baile". 

    Co monte Louro e a roubada Illa da Creba ao fundo o quinteto fixo ecoar por toda a ría de Muros e Noia a súa especial fusión de músicas de raigame latinoamericana e pop, unha proposta única na escena galega. Momboi atópanse agora a preparar novas músicas que seguramente poderemos escoitar ao longo deste ano que comeza.

    Música
  • Miudiño Sessions

    Miudiño Sessions: Berlai

    Os equipos de gravación da Regueifa desprazáronse ata unha antiga carnizaría no herculino Portazgo para filmar a Xiao Berlai, unha das voces máis persoais da escena. Na compaña da súa all-star band habitual (Iago Mouriño ao piano, Pablo Sanmamede ao baixo e Bruno Couceiro á batería) o de Guntín fixo un percorrido polos seus dous últimos traballos interpretando "Um país com dous nomes" de Estampas Galegas e "No espelho" e "Na casa" de Cas Berlai.

    Música
  • Miudiño Sessions

    Miudiño Sessions: Ruxe Ruxe

    Os equipos de gravación da Regueifa foron ata a compostelá parroquia de Aríns para filmar unha das bandas decanas do rock galego no seu xa mítico cuartel xeral. Alí, no seu local-museo entre cartaces de Lemmy Kilmister e Uxío Novoneyra, o sexteto descargou a súa furiosa mestura de rock, punk, ska e tradi, nesta ocasión coa colaboración de Xabier Facal coma sétimo ruxe ao hammond. 

    No repertorio non faltaron temas de Unha noite no interior dunha faísca, o seu máis recente disco longo, así como un par de clásicos como "Carmela baila ska" e "Entre cascallos". Ruxe Ruxe andan xa a preparar disco novo e  van pechar o ano cun concerto na sala Master Club de Vigo este 29 de decembro.

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.