Musel. Volve o slowcore de Lugo

Musel son un grupo tranquilo, que vai ao seu ritmo. En catro anos só sacaron un LP, por iso cada nova entrega súa é un acontecemento. Neste mundo onde impera a inmediatez e o dixital, os de Lugo volven facendo as cousas como se facían antes, sacando un single en vinilo con dous temas. 

Antes era moi habitual que os grupos sacasen un adianto do novo disco en forma de single de dous temas. Era unha maneira de soar nas radios, de dar a coñecer algunha das cancións máis importantes do futuro disco, e de facer gana de compralo. Agora, en plena era do Spotify e o Youtube non ten sentido facer isto, ou si? Musel acaba de facelo, e paradoxalmente, coa frecuencia de publicación que teñen, chamáronlle “Paseniño”, que ven sendo como se fan as cousas que requiren coidado e agarimo. E aquí todo iso nótase moito porque, desde a portada ata o último arranxo, este single deixa ver un traballo ben feito.

Óscar Vilariño tocando con Musel, nunha das últimas actuacións da banda en Foz. © Musel

Musel, lembremos, é o proxecto que leva adiante desde Lugo Óscar Vilariño, que anteriormente estivo en Triángulo de Amor Bizarro, Vale Tudo e A Veces Ciclón. Aquí Óscar toca a guitarra e canta, e acompáñao ao baixo Carlos Méndez (Pedrito Diablo & Los Cadáveras), o outro músico que segue desde o principio. Tamén participaron Xan Molina de Mequetrefe, que gravou as guitarras acústicas; María G. Mieres de San Jerónimo que fixo coros; Xavier Muñoz, de A Veces Ciclón, que gravou o sinte de "Sombra e Luz" e mesturou todo e Rafael Martínez del Pozo que o masterizou. A foto da portada é de David Cao e o deseño de Mariña Fernández.

Portada de “Paseniño” de Musel. © Musel

Este Paseniño explora a faceta máis slowcore de Musel. Temos en primeiro lugar “Sombra e luz”, un tema que aquí aparece na súa versión acústica, pero que no disco aparecerá electrificada. 

E na cara B está “Palabras” que é unha versión en galego de “Words” de Low, banda de culto que tamén o é para Musel.

E aquí a orixinal de Low.

Os plans de Musel son entrar a gravar para o verán o seu novo LP. Sería a continuación do EP Rabuña do 2015. Foi este un disco moi interesante que achegou o noso idioma a sonoridades propias de bandas como Galaxie 500 ou Yo La Tengo. Cun título inspirado na poeta Lucía Aldao, foi o inicio da relación entre Musel e o emblemático selo Acuarela, que é quen edita todo o da banda desde entón. Do tema “Raiolo” fixo Rubén Domínguez de Prenom este videoclip ben chulo.

Agardamos que cara o final de 2019 poidamos gozar do novo disco de Musel, que de seguro ha ser un traballo tan coidado como os anteriores.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.