«Sei que que cada día vai pasar algo novo, que vai haber unha nova aventura. Sabes o que se fala agora tanto dos 'lugares seguros?' Pois este é o meu». Lucía Casal ten 21 anos e un orgullo inmenso do que fai. É gandeira e cada mañá, ao se erguer, sente liberdade e moita sorte. O último Vinte na rúa deste ano foi a Melide para falar con esta moza emprendedora que vén de chegar aos 20.000 seguidores en Instagram e Tik Tok con contidos do seu día a día na explotación gandeira.
Teño 21 anos, son gandeira e sei que isto e ao que me quero adicar dende que teño memoria.
A ver, en realidade de pequena o que quería era ser veterinaria. *risos* Xogaba coas vacas ou inventaba unha onde non a había e poñíame en plan, “ah, pobre, está enferma, témola que coidar”. O que sucedeu é que despois comecei no instituto e vin que estudar non era o meu. Na casa sempre me dicían que era o xeito de ter un mellor futuro, pero o meu era estar ao aire libre, fóra, non encerrada entre catro paredes con libros. Ao final fixen ata 4 da ESO e aí xa me plantei. «Necesito estudar o que me gusta», pensei. Precisaba unha base e sentía que xa a tiña, así que busquei derivarme cara a isto.
As vacas xa as tiña na casa así que decidín centrarme na rama de forestais. Fixen un ciclo de conservación e aproveitamento do medio natural, e aí a cousa xa cambiou. Gustoume e aprendín moito. Aprendín cousas de aproveitamento do monte, de resinas, das castañas. Da importancia de telo limpo para prever incendios. De razas autóctonas, de gandería nas montañas, de plantas, de herbas … Deume unha visión de como aproveitar o terreo pero sen explotalo, algo que agora me é moi útil. Pese a todo seguía sentido que me faltaba algo. Faltábame o tema da veterinaria, claro, así que fixen un ciclo de gandería e asistencia en sanidade animal. Ese ciclo deume a posibilidade de ir de Erasmus a Irlanda, e alí tamén aprendín unha morea de cousas. Ao rematar sentín que xa estaba formada e decidín volver para casa. Tiña a ilusión de coller o que tiña aquí, algo que me gustaba e que desfrutaba dende nena, para tentar amplialo e aproveitalo mellor, así que montei unha pequena empresa coa miña familia.
«Tiña a ilusión de coller o que tiña aquí, algo que me gustaba e que desfrutaba dende nena, para tentar amplialo e aproveitalo mellor, así que montei unha pequena empresa coa miña familia»
É traballo duro -moi duro-, pero síntome feliz. Levantarme ás 8 da mañá e dicir: «Vou onde as vacas», é unha cousa xenial, algo que non me custa, xa que sei que que cada día vai pasar algo novo, que vai haber unha nova aventura. Sabes o que se fala agora tanto dos «lugares seguros?» Pois este é o meu.
Lucía Casal, gandeira
Igualmente penso que segue a haber moitos prexuízos, que a xente de cidade, sobre todo, ten unha idea equivocada do que é vivir no rural. Pensan que vai de non ter cartos, de cheirar mal e de non ter vida social. Eu sufrín bulling no instituto por ese motivo. Nacín entre vacas, así que nas miñas primeiras redes sociais xa subía selfies con elas, claro. Ao chegar o luns ao colexio en Melide caíanme vaciles. «Mira esa ‘pa’ aí, que anda coas vacas», ríndo. Ou, «Os de aldea sempre no medio da merda. Duchácheste hoxe?»E eu en plan, «dúchome todos os días, cheirarei mal?» É unha idea que persiste pero que tamén sinto que, pouco a pouco, estamos desmontando. Axudou moito o turismo rural, porque pon en contacto á xente de cidade coa nosa contorna. Tamén o traballo que facemos xente coma min en redes socias.
«Penso que segue a haber moitos prexuízos, que a xente de cidade, sobre todo, ten unha idea equivocada do que é vivir no rural. Pensan que vai de non ter cartos, de cheirar mal e de non ter vida social. Eu sufrín bulling no instituto por ese motivo»
Uso TikTok e Instagram. Onte cheguei aos 20.000 en Instagram e en TikTok quédanme 20 para chegar. De feito fun coas amigas a noite pasada a celebralo, para que digan que aquí non temos vida social. *risos*. O 70% dos meus seguidores son xente de fóra de Galicia, moitos deles urbanitas, e ese é o motivo polo que fago vídeos en castelán pese a ser galegofalante. Sinto que teñen moito interese en aprender e iso é algo que me alegra. Dáme tamén a sensación de que valoran moito o que temos aquí, incluso máis que nós. Escriben cousas como: «Como molaría ir a Galicia y ver como tratáis a los animales», ou «Me acuerdo de mis abuelos, de cuando tenían animales», o «Quiero dedicarme a esto, ¿cómo hago?» Cando lle dás visibilidade ao rural a xente interésase e apréciao.
«Uso TikTok e Instagram. Onte cheguei aos 20.000 en Instagram e en TikTok quédanme 20 para chegar. Fago vídeos sinxelos, con pouca edición, do meu día a día, que é algo que non me mete medo, xa que é do que controlo. Non falo de política, por exemplo. Se hoxe me toca meter un rulo de silo, ese é o vídeo que subo»
A explosión en redes foi en 2023, despois de gañar un dos premios Injuve, que recoñecen o traballo de xente nova en varios sectores. Valoran proxectos de tecnoloxía, de música, de ciencia…. Eu fun por medio ambiente, falando do meu proxecto vital. Avisáronme de que era a gañadora mentres estaba en Irlanda de Erasmus, e non o cría. Empezou a saír nos medios e foi un bombardeo total: televisión, periódicos, radio, redes sociais… e empecei a gañar seguidores. Ao pouco empezaron a preguntarme cousas e a interesarse polo que facía, e eu púxenme a crear contido.
Fago vídeos sinxelos, con pouca edición, do meu día a día, que é algo que non me mete medo, xa que é do que controlo. Non falo de política, por exemplo. Se hoxe me toca meter un rulo de silo, ese é o vídeo que subo. Tamén respondo á xente que me fai preguntas e tomo moitas delas como ideas para contido. Unha das cousas que máis me gustan e subir un reel de como se deu o día e que me escriban cousas como, «que suerte tener las vacas ahí, delante de casa». Para min é algo normal, pero párome a pensalo e decátome de que si, de que teño -temos- un tesouro na man que moitas veces non valoramos, que é poder levantarte e sentirte libre. Velo a través dos ollos de outra xente fai que cada vez o valore máis.
Por último quero dicir que á parte de tentar educar e dar visibilidade a este xeito de vida tamén busco destacar o papel que as mulleres temos nel, un papel importantísimo e sempre invisibilizado. A muller no rural sempre fixo de todo, pero pese a que o noso papel era principal, fomos tratadas sempre como secundarias. Síntoo quizás máis porque é algo que me afecta directamente, xa que teño moitas cousas en contra: son muller, nova e gandeira, e todo nun sector moi masculinizado. Traballo moito para transmitir que as mulleres somos máis que capaces de facer e de desfrutar deste traballo, e tamén que non nos temos que agochar, que podemos estar orgullosas.
Temos que seguir desmontando estereotipos.