Mariela Iriarte procede de Buenos Aires, Arxentina, onde era profesora de inglés. Chegou a Foz en 2004 para visitar unha amiga que viñera traballar por aquí mais a amiga retornou e ela quedou. Abriu un bar pequeno, un bar grande e tamén unha fábrica de cervexa artesá. É responsable da empresa Augas Santas e vicepresidenta da Asociación de Cervexeiros Independentes de Galicia (Aciga), que ela mesma impulsou xunto a unha ducia de colegas cervexeiros, case todos homes. «As mulleres temos outro rollo. Apoiámonos e compartimos. Os homes adoitan cometer unha morea de erros por non dicir que non saben algo», explica.
Hai algo máis de 20 anos Arxentina trataba de levantar cabeza despois do corralito e atravesaba unha crise económica que tiña unha repercusión social directa nas clases máis desfavorecidas. Daquela Mariela Iriarte daba clase de inglés en Buenos Aires en escolas en situación de emerxencia. «Despois do corralito aquilo era a guerra. Nós chamabámoslle Kosovo. En Buenos Aires había moitas desigualdades e cada vez as diferenzas sociais notábanse máis», lembra. «Tiña 45 nenos por aula e a metade viñan sen comer e descalzos». Ante esta situación, Iriarte mudouse e cambiou de traballo varias veces en Arxentina ata que en 2004 veu visitar unha amiga que atopara traballo en Foz, e quedou, mentres a amiga regresaba a Arxentina. «Realmente nunca tiven intención de quedar. Pero desde hai 20 anos vivo en Foz e sempre traballei aquí».
En Foz coñeceu o que sería o seu marido e autor intelectual do seu desembarco no sector cervexeiro. Mariela Iriarte explica que aínda que el tivo a idea de facer cervexa na casa foi ela quen puxo realidade no proxecto para ir paso a paso. «Marcos -o meu marido- quería montar unha fábrica pero eu díxenlle que mellor primeiro abrir unha cervexaría artesanal e vendemos cervexas doutras persoas para ver se funciona. Era 2015. Collemos un bar moi pequeno e deime de alta eu como propietaria. O día da inauguración Marcos díxome que era un tolemia e botouse atrás. Pero entraron unnha morea de guiris e comezaron a pedir moita cervexa artesá. Así comezamos», detalla.
«Aquí as conversas sempre son sobre o mar. É un pobo moi mariñeiro e falando cos señores míticos contáronme que Las Catedrales foi o nome que lle puxo a muller de Franco á praia de Augas Santas un día que a mirou e lle recordou polas formas dos arcos», argumenta Mariela Iriarte, que non dubidou en poñerlle o nome de Augas Santas o seu proxecto empresarial
A Ribeira, que así se chamaba o bar, funcionaba ben, pero coa COVID tivo que pechar, como todos, e cando xa permitían abrir con capacidade limitada non conseguían facelo porque non entraban en ningunha opción ao ter poucos metros. «Había que buscar unha solución rápida e apostamos por este baixo, que era onde estaba o antigo banco de alimentos de Foz, que son 380 metros cadrados, debe ser o bar máis grande de Foz», asegura. A emprendedora explica que o baixo parecía un hospital porque era todo branco e non tiñan cartos para reformas en plena pandemia. «Marcos é carpinteiro e foi facendo todo como se ve agora», di. A este bar, actualmente en funcionamento, chamárono Augas Santas. «Aquí as conversas sempre son sobre o mar. É un pobo moi mariñeiro e falando cos señores míticos contáronme que Las Catedrales foi o nome que lle puxo a muller de Franco á praia de Augas Santas un día que a mirou e lle recordou polas formas dos arcos», argumenta Mariela Iriarte, que non dubidou en poñerlle o nome de Augas Santas o seu proxecto empresarial.
Co bar en marcha a idea de fabricar non se esvaecera e comezarían a facer a súa propia cervexa primeiro como nómades na fábrica da Cova da Serpe (en Lugo) pero pouco despois xorde a oportunidade de abrir a súa propia fábrica. A confianza cunha clientela fiel adoita agromar en posibilidades de partillar coñecemento e xa se sabe que a información é poder, ou polo manos, é útil. «As historias sempre xorden dos nosos clientes, de xente que coñece a outra xente», conta Iriarte; e así foi como un día que estaba a pechar o bar achegouse onda ela unha representante do Grupo de Acción Local da Mariña disposta a escoitar a súa idea: unha cervexa feita coa auga do mar, que sería a primeira dunha colección de cervexas nomeando diferentes sitios da Mariña Lucense e contando un pouco a historia dos lugares e mesmo coa localización do GPS para que poidan volver e amosarllo a outras persoas para que veñan. Así comeza o proxecto Jonh Dory (San Martiño, como o peixe) e así conseguen a subvención para crear a fábrica de Augas Santas en San Xusto de Barreiros.
Con esa primeira cervexa Augas Santas foi candidata aos premios de Economía Azul entre outros recoñecementos á mellor cervexa de distintas especialidades que teñen acadado.
Os nomes das súas cervexas teñen que ver co mar e con esas historias que lles contan os seus clientes. Está a Machacona, por unha onda de Foz, moi coñecida polos franceses; ou Fuciño do Porco, en relación a unha vista espectacular da costa cando chegas en barco ao Vicedo, onde a orografía parece debuxar o morro do animal. Da fábrica de Augas Santas tamén saen as da marca Aquelarre que o seu marido se encarga de comercializar en cervexarías de Santiago.
«Creo que hai moitas cousas que non teñen que ver coa economía e hai que ter a paciencia de esperar; porque non todo vai ser sempre súper espléndido. Nos últimos tempos vin moitas fábricas que pecharon. E non porque non saiban, ten que ver con moitas outras cousas», indica, ao tempo que lembra cando eles «abriron o primeiro bar sen nada»
A responsable de Augas Santas explica que as fábricas de cervexa mídense por capacidade de fermentación e a súa naceu con dous fermentadores pero agora mesmo xa ten oito, polo que está moi satisfeita coa evolución do negocio e de teren superado a COVID, porque non todas puideron. «Creo que hai moitas cousas que non teñen que ver coa economía e hai que ter a paciencia de esperar; porque non todo vai ser sempre súper espléndido. Nos últimos tempos vin moitas fábricas que pecharon. E non porque non saiban, ten que ver con moitas outras cousas», argumenta, ao tempo que lembra cando eles abriron o primeiro bar «sen nada». «Mercabamos por unidades».
Mariela Iriarte foi unha das principais responsables da posta en marcha da Asociación de Cervexeiros Independentes de Galicia (Aciga), que naceu hai tres anos con trece membros, case todos homes, e actualmente é a vicepresidenta. Ademais, é membro de Pink Boots, unha asociación internacional de mulleres cervexeiras onde fan actividades e formación para facilitar o progreso das emprendedoras. «As mulleres temos outro rollo. Apoiámonos e compartimos. Os homes adoitan cometer unha morea de erros por non dicir que non saben algo», explica.
Sobre o futuro a directora de Augas Santas asegura que irán dando pequenos pasos para seguir medrando pero sen apuros. «Máis adiante o noso camiño será diversificar para captar outros públicos, con algo teña que ver con Camiño de Santiago, que pasa por onde está a fábrica», explica Iriarte.