«Estou facendo fotos e vídeos e o que está ao meu redor, en certo modo, deixa de existir e pasa a estar só dentro da cámara. Iso axúdame, por exemplo, a ser capaz de estar nun sitio con tanta xente coma este e a sobrelevar a situación con tranquilidade. A que non me dea vergoña estar polo medio molestando coa cámara. É algo case terapéutico». Vinte na rúa achégase a Marta González, deseñadora, fotógrafa, creadora audiovisual e o que se propoña. González considérase moi «kamikaze» e cada vez menos preocupada polo futuro. «Prefiro facer e vivir», defende.
Hoxe estou en Santiago, na Capitol, cubrindo un festival, o HolaNola, e tentando capturar a súa esencia en vídeo. Este festi non vai da música só, senón dos músicos, xente de Nova Orleáns. Vai da súa vida alí e do que están a vivir aquí agora. Son xente especial, cun gran transfondo e con moitas historias detrás. O público só os ve un momento tocando, claro, pero se puidesen pasar máis tempo con eles, como o estou a facer eu, decataríanse de todo o que teñen dentro. Nun proxecto como este, ao final, fórmase unha pequena familia entre o equipo. É como unha convivencia entre xente de dous continentes.
Supoño que o que máis me gusta do que fago é precisamente isto, coñecer a xente de todas partes do mundo e de todo tipo e condición. Ademais, facelo a través dunha cámara é un xeito distinto ao habitual que vai moito comigo. Teño un filtro polo medio, si, pero sinto igualmente que vivo algo íntimo con eles, algo persoal, case como se estiveramos nun confesionario xuntos. Eles fan o seu día a día e eu estou aí, gravándoos mentres mostran partes de si mesmos que eu non podería coñecer doutro xeito.
Non teño moito método e voume adaptando, pero si que penso que o meu estilo favorece esa espontaneidade da que che falo. Non preparo nada e hai cero postureo. Non hai un: “mira cara a esa luz” ou un: “dá a volta”. O que fago é ir pululando por aí, respectando o seu espazo e os seus tempos, traballando ao meu xeito, tentando capturar momentos… “normais”, imaxino, naturais, non forzados. Que significa expoñerte á xente? Serei capaz de captar os medos, os nervios, o compañeirismo tan grande que vexo aquí?
«Non teño moito método e voume adaptando, pero si que penso que o meu estilo favorece a espontaneidade. Non preparo nada e hai cero postureo. Non hai un: «mira cara a esa luz» ou un: «dá a volta». O que fago é ir pululando por aí, respectando o seu espazo e os seus tempos»
Para min é un privilexio poder vivir todo iso a través dunha pantalla. Faime sentir incluída. Cando estou nun momento así consigo evadirme, desconectar. Estou facendo fotos e vídeos e o que está ao meu redor, en certo modo, deixa de existir e pasa a estar só dentro da cámara. Iso axúdame, por exemplo, a ser capaz de estar nun sitio con tanta xente coma este e a sobrelevar a situación con tranquilidade. A que non me dea vergoña estar polo medio molestando coa cámara. É algo case terapéutico.
Marta González, na Sala Capitol
E mira que neste mundo empecei por casualidade. Sempre me gustou a fotografía moito. É un medio xenial para expresar cousas para as que unha non ten palabras dun xeito poético e artístico. Un modo fantástico de contar historias tamén, e o cinema, ao final, non deixa de ser fotografía en movemento. O primeiro videoclip que fixen foi para Ale, un músico coruñés. Foi en plan: “Veña, vale, non fixen nada disto na miña vida, pero líome e a ver que pasa”. Foi cámara en man, el e máis eu, en Carballo, saltándonos o peche perimetral do post-confinamento, buscándonos a vida. Fixen a gravación, a montaxe, a cor…todo. Pero ao final desfruteino un montón e, por se fose pouco, o vídeo foi seleccionado para o festival de Cans.
Aí xa me enganchei. Despois fixen outro máis para Ale, un para unha rapaza de Santiago que se chama Paloma no Teatro principal… e tamén fotografía e deseño de portadas e de discos para xente como Pamela Rodríguez e outros. Un pouco de todo, vamos.
Pero a ver, que eu estudar estudei publicidade e marketing dixital, o que pasa é que nunca me gustou; sempre digo que o tiven que facer para descubrilo por min mesma. E en realidade nunca me dediquei a iso. O traballo do que vivo é o de deseñadora gráfica téxtil para un provedor que traballa para Inditex. Fago deseños para prendas, “fitting”, que é idear a forma que vai ter a roupa, busca de tendencias, é dicir, tentar descubrir o que se vai levar a próxima tempada… Gústame, pero non é algo ao que me queira dedicar toda a vida. É deseño gráfico e mólame, vale, pero non me gusta a moda…así. Non me gusta facer cincuentamil suadoiros sen sentido, preferiría facer algo máis elaborado, máis artesanal, ter máis tempo para cada prenda, sen traballar para onte e pensando só en vender.
«O meu traballo soñado, en realidade, sería no eido da cultura. Traballar promovendo cousas que me enchan a alma: obras de teatro, películas, festivais de música…cousas que van ter un efecto na vida persoas»
O meu traballo soñado, en realidade, sería no eido da cultura. Traballar promovendo cousas que me enchan a alma: obras de teatro, películas, festivais de música…cousas que van ter un efecto na vida persoas, non meros obxectos. A cultura son moitas cousas, non é coñecemento nada máis: é calquera cousa que te enriqueza de calquera xeito, que te remova por dentro. Aí é onde me gustaría estar.
E por agora aquí estou. Sempre digo que, máis que todoterreo, o que son é alguén moi kamikaze… e tope intrusista laboral. (*risas*)Lánzome a facer o que sexa. Despois chegan os apuros, pero para entón xa é tarde e tiro para adiante. Perder o medo e botarlle cara, iso nunca falla. Tamén che digo que como teño o meu traballo isto é algo que fago a maiores, e no futuro… no futuro non sei, xa veremos.
«Prefiro facer e vivir, ir descubrindo cousas pouco a pouco, sen impoñerme nada, e ver que pasa. Ao fin e ao cabo, quen me ía a dicir mentres estaba estudando publicidade que ía terminar facendo vídeos para bandas, ou fotos, ou suadoiros. É bo sorprenderse a unha mesma»
O audiovisual está moi precarizado, pero nunca se sabe. Antes preocupábanme máis estas cousas: adiantábame aos acontecementos, creábame expectativas… sufría por cousas que non eran reais, que estaban no futuro. Agora moitas veces non sei nin o que farei dentro de dous días e gústame, prefiro facer e vivir, ir descubrindo cousas pouco a pouco, sen impoñerme nada, e ver que pasa. Ao fin e ao cabo, quen me ía a dicir mentres estaba estudando publicidade que ía terminar facendo vídeos para bandas, ou fotos, ou suadoiros. É bo sorprenderse a unha mesma.