Non hai moitos traballos que consistan en poñer música e voz aos sentimentos da xente. En «ler» o que sente unha parella que vén de casar e agarimar a súa felicidade coa melodía xusta ou acompañar as sensacións de máis de 5.000 persoas nun ateigado Pazo dos Deportes de Lugo para interpretar «o que necesitan» e lograr que alenten máis e mellor o xogo do Río Breogán. A iso é ao que se dedica Jacobo Gómez, un speaker e picadiscos «autodidacta» que, tras máis dunha década de experiencia, logrou que milleiros de persoas de Lugo e máis alá teñan xunguida a súa voz ou as músicas que elixe a eses pequenos grandes momentos nos que agroma unha bágoa de felicidade. Quer pola comuñón do Breo coa súa afección tras unha canastra que sela un triunfo, quer pola ledicia de ter a persoa amada ao carón.
A principios de século Jacobo Gómez traballaba como xefe de prensa do Azkar Lugo, o nome que naqueles anos tiña a AD Prone Lugo de fútbol sala. Cun aquel de casualidade, en torno a 2005 aos seus labores sumouse "ir animando os partidos" dende a megafonía do Palacio Municipal dos Deportes, onde o conxunto vivía unha doce xeira de éxitos na elite que devolvía o histórico recinto deportivo ás noites de fume, sufrimento e gloria do Club Baloncesto Breogán na década de 1980.
En 2010 a irmá dun xogador do Azkar propúxolle exercer como DJ e animador na súa voda. "Eu nunca me dedicara a iso pero ela díxome: ti anima como animas nos partidos e pon música". Dubidou, pero "saíu moi ben e funme enganchando" a un mundo no que aprendeu facendo. Contra 2014 os éxitos do Azkar Lugo xa non eran tal e os vieiros profesionais de Jacobo xa comezaran a virar. Pola contorna había cada vez máis xente que fora a unha voda con el aos mandos da diversión e decidiu que chegara o momento de facelo "en serio": así naceu Luvent, a súa marca empresarial de animación de eventos.
Nisto andaba cando o deporte e os seus sentimentos se lle volveron cruzar no camiño. En 2017 "apareceu a oportunidade de ser speaker do Breogán". Outra volta a animar as paixóns da cidade na cancha e outra volta a remudar a José Areñas, un histórico de toda caste de micrófonos lucenses ao que unha depresión afastou do Pazo nun momento en que o Breo vivía a súa particular remonta social e deportiva, dos infernos de abeirar a desaparición ás portas do ceo da ACB, a máxima categoría do baloncesto.
10/11/2024 Afección do Río Breogán na vitoria ante o Barça
"Pensei que sería unha cousa temporal", pero alá van xa sete anos. Dende a convicción de que "non podía facer unha réplica" do "mestre" e "referente" Areñas, Jacobo comezou a construír o seu propio xeito de "interpretar os estados de ánimo da xente". Tentar que "sempre estean enganchados ao partido" tendo en conta que non é o mesmo "un derbi, no que a xente está motivada" ao máximo antes do seu primeiro "boas tardes, Pazo!" que afrontar un partido "se a racha non é boa" e aínda por riba "o rival te deixa sen partido" cunha derrota inapelable, como recentemente ante o Granada.
Jacobo Gómez, speaker e picadiscos «autodidacta», logrou tras máis dunha década de de experiencia que milleiros de persoas teñan xunguida a súa voz ou as músicas que elixe a eses pequenos grandes momentos nos que agroma unha bágoa de felicidade; quer pola comuñón do Breo coa súa afección tras unha canastra que sela un triunfo, quer pola ledicia de ter a persoa amada ao carón
A cuestión é fiar moi fino. Canda Hector González, quen exerce de DJ no Pazo con Jacobo de speaker, tenta "ler moi ben todos os momentos do partido" para levar os ánimos "ao máximo" sempre que sexa posible. "Non podes meter Sweet Caroline cando o rival se che veu arriba e che remontou o resultado, pero si cando vimos remontando e fas que o equipo rival pida un tempo morto", exemplifica tras sete anos nos que a momentos xa clásicos do Pazo se engadiron outros con selo Jacobo Gómez; dende o canto do himno do Breo ao inicio de cada encontro -ao final, ás veces, se todo sae redondo- ata a versión do Bella ciao acompañado polas lanternas dos teléfonos móbiles que, destaca, "quedará aínda máis bonito cando se poidan apagar as luces" da cancha. "Oxalá no futuro se poida mellorar a instalación", desexa.
Momentos coma eses teñen un bocadiño de culpa no "totalmente merecido" premio á mellor afección recibido polo Breo en 2023 nas votacións da revista especializada Gigantes del Básket. A de Lugo "é unha das canchas máis quentes" nas que co seu traballo Jacobo tenta contribuír a que a afección, ademais dun partido, viva "un espectáculo". Como di himno do club lucense, evoca, ser do Breogán é "un sentimento" do que el non oculta o "orgullo", con agarimo polos bos momentos xa vividos e narrados como a Copa Princesa disputada -e gañada- no Pazo en 2021, os ascensos ou os as vitorias e alegrías co xogador bosníaco Džanan Musa, querido para sempre en Lugo tras o seu paso polo Breo na campaña 21-22.
Ser o speaker do Breo, resalta, tamén o levou xa a acadar retos profesionais soñados. O "máximo" ata o momento, ser o DJ da Copa do Rei da ACB -estreouse nese labor o pasado ano e repetirá o vindeiro febreiro en Gran Canaria-. Polo camiño, a animación de partidos doutros equipos lucenses, como actualmente o Ensino ou o ADC Lugo Sala, pero tamén a presentación de múltiples eventos e a condución de moitas celebracións que fan da súa unha voz que moitas persoas lembrarán cando lles veña á mente un momento especial da súa vida.
Con "rock, bachata, música comercial ou remember" nunha voda -"son un DJ de formato aberto", explica- absolutamente "personalizada" para os gustos de quen casa. Cos éxitos do momento nunha noite de troula na Hermo de Muimenta. Ou levando o breoganismo ao éxtase ao ritmo do Matchday de Mon DJ tras unha vitoria traballada que achega o equipo á salvación de categoría. O traballo de Jacobo é, ao cabo, "ler o que necesita a xente e darlle alegría, mover á xente para que o pase ben". Nada máis e nada menos.