Maximus Por que o león do Breogán se converteu na mascota favorita da ACB

© CB Breogán

Maximus, a mascota do CB Breogán, arrasa nas redes cos seus divertidos vídeos nos que fai de todo, especialmente bailar. Acaba de proclamarse campión na votación en Twitter da final de baile de mascotas da Copa do Rei de baloncesto, e agora xa é todo un influencer no mundo dos animadores.

Unha mascota ten como traballo animar o seu equipo, animar a que a xente o anime, ou simplemente darlle colorido aos encontros. Normalmente os equipos aproveitan para vender merchandising coa imaxe da mascota. Existen mascotas touros, abellas, indios, e ata submarinos con brazos. Por haber ata hai un óso, o querido Roelio do Pontevedra C.F., unha das mascotas máis peculiares da historia. En Lugo o CB Breogán ten un león, de nome Maximus. En principio todo normal, pero Maximus, para empezar ten un don: baila os sete bailares.

O caso é que Maximus ven de gañar a votación en Twitter da final da Copa do Rei de baloncesto, na categoría de bailes de mascotas. O que empezou sendo unha brincadeira feita por varios empregados do Breogán acabou nun éxito mediático. Maximus arrasa nas redes e toda a historia da final de baile en Madrid foi documentada vía Twitter e Instagram. O propósito era amosar o día a día de Maximus e ver como ía preparando a gran final. En primeiro lugar veu a alegría, que Maximus demostrou facendo unha das súas paixóns, tocar e destrozar un piano ao máis puro estilo Jerry Lee Lewis.

A partir de aquí Maximus tivo que facer varias cousas antes de marchar para Madrid. En primeiro lugar lavar o uniforme, ao ritmo dun clásico como "Estou na lavadora".

Despois tocou ir dar unhas boas masaxes para ter os músculos en perfecto estado, e facer unha revisión completa.

E por último, para ir á capital, era importante ir vestido como a xente.

Xa só quedaba adestrar e subir a moral. Con este vídeo ao máis puro estilo Rocky, Maximus estaba preparado para o que fixera falta. E en Lugo, todos apoiándoo a tope.

Xa en Madrid, na Gran Vía, Maximus viu algo que lle encantou.

E chegou o día. A final foi contra Pam do Valencia Basket foi moi ben e Maximus gañou. Aínda non hai declaracións oficiais del. Polo de agora puxo unha imaxe dando as grazas, e un vídeo recordando o ben que se está en Lugo. Supoñemos que andará por Madrid celebrando a victoria. 

Para ver todo canto lle vai acontecendo a Maximus o mellor é seguir as contas oficiais de Twitter e Instagram do CB Breogán. Unhas redes que están moi ben xestionadas polo equipo capitaneado por Marcos Fernández.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.