Baloncesto. Vinte no vestiario do Durán Maquinaria Ensino Lugo

As xogadas non son o único que protagoniza un vestiario. Oposicións, cultura senegalesa, historias de conciliación, stories de Instagram, vinte anos de aprendizaxe de valores e moito ensino… Por se aínda estás na bancada, e sen ánimos de saír á cancha, mostrámosche o que hai detrás da canastra a través do perfil de cinco xogadoras do Durán Maquinaria Ensino Lugo, equipo de baloncesto lucense na máxima categoría do baloncesto español. 

Pasamos unas horas con estas profesionais antes dun dos seus dobres adestramentos diarios e pedímoslles que desen a coñecer a súa parte máis persoal mediante un obxecto que as definise.

Texto: Bárbara G. Vilariño

Fotos: Xabier Martínez

 

As tres bases de Arantxa Gómez Novo

CC-BY-SA Xabier Iglesias

 

Procedencia: Ferrol

Idade: 26 anos

Estatura: 1’70m

Posición: Base

Obxecto: tres balóns

 

En que momento ves que o baloncesto é unha saída profesional?

Na miña casa sempre respiramos deporte: o meu pai e o meu irmán foron xogadores de fútbol e a miña nai de balonmán… Por que non vivir unha experiencia así? Con xente doutras culturas, noutra cidade… Creo que iso enriquece moito como persoa. Cheguei a Lugo con dezasete anos para comezar a carreira universitaria e aquí sigo, noutra carreira ben distinta.

Que aspiracións tes a día de hoxe?

O meu obxectivo é aprobar a oposición que estou preparando, axudar a que o Ensino poida manterse, e logo chegar o máis arriba posible. 

Como nai quero criar a un neno que sexa feliz e que disfrute a vida sendo boa persoa. Coido que precisará deporte porque é movido, pero non ten que dedicarse ao baloncesto se non lle gusta…

E como se combina ser nai, opositora e xogadora? 

Aproveitando os tempos que teño: estudo cando o neno bota a sesta ou cando está na gardaría. Admito que non teño moita vida social, pero é o estilo de vida que me fai feliz.

Que lle dirías á xente á que non lle chama o deporte?

Contaríalles a experiencia das amigas que tiña na residencia universitaria. Convideinas un día a asistir a un encontro e desde aquela quedaron enganchadas. É cuestión de probar, repetirás seguro!

Que ten Lugo que está a tope co baloncesto?

Sempre foi unha cidade de baloncesto; ademáis ten futbol sala, voleibol, fútbol, tríatlon... Ten un arraigo moi grande agora co Breogán, que tamén está na máxima categoría. Co noso ascenso teño a percepción de que se achega máis xente este ano, pero a verdade é que estou tan centrada nun partido que non me entero do que acontece fóra da cancha.

E o teu obxecto… É un tres en un?

Trouxen tres balóns porque son algo que me vencella á miña familia. O meu marido ademáis dedícase ao baloncesto. A de fútbol polo meu pai e o meu irmán, e a de balonmán por miña nai. Tráenme moi boas lembranzas de cando viaxabamos todos xuntos polos partidos. Penso tamén que cheguei ata aquí grazas a esa cultura do deporte e os valores que me inculcaron.

 

Pescando o aroma da mañá de Regina Gómez Iglesias

CC-BY-SA Xabier Martínez

 

Procedencia: Santiago de Compostela.

Idade: 36 anos. 

Estatura: 1’73m.

Posición: Escolta.

Obxecto: cafeteira italiana.

 

Como chega unha a acumular vinte anos de experiencia no baloncesto profesional?

Comecei dun xeito ben curioso: porque se non facía baloncesto poñían negativo no colexio. E así foi, medio en broma, e gustoume. E iso que sempre fun máis de atletismo tras pasar por aerobic, voleibol, baile galego… No momento no que tiven que elexir tíveno claro. O baloncesto fai grupo e o xogo funciona se está todo o equipo coordinado, imos coma un reloxo. 

Non tiña obxectivos nin metas, facía o habitual dunha rapaza de dezaseis anos ata que un día chegou a ocasión de fichar. Xa nun equipo profesional aprendes as teas de araña tácticas, que é o que engancha deste deporte. Levo vinte anos e o baloncesto xa forma parte da miña personalidade, porque madurei grazas a el.

E cantos anos máis serán?

Teño outro ano de contrato e a partir de aí depende de como estea. Fisica e mentalmente estou ben, pero trátase de algo que hai que ir vendo pouco a pouco, non sei como estarei nuns meses ou nun ano. Tocará pensar na particular reinserción laboral tras o baloncesto, supoño.

Con que motivo animarías a alguén a presenciar un partido de baloncesto feminino?

É sinxelo. Sábado pola tarde, mal tempo, non hai moitos plans… E se baixas a ver e formar parte do xogo? Grazas a este argumento xa temos unha peña de corenta persoas, delas alomenos trinta que nunca na súa vida baixaran a ver un partido de baloncesto feminino. Facemos sentir a afección parte disto, e iso engancha.

Co obxecto persoal para definirte finalmente optaches por unha cafeteira, pero seica dubidabas entre iso e unha cana de pescar?

Gústame pescar desde que o probei hai catro anos. Por iso digo que hai que probar as cousas! Antes nunca me chamara e pensara que era aburrido. Son puro nervio e iso de estar no río queda non me daba que fora comigo. Fun co meu irmán un día e estiven… cinco horas! E pasárase o tempo voando! É tranquilidade, respirar, falar cos amigos ou ir soa á túa bola. Ademáis vaime xenial na tempada, porque cando acaba a de baloncesto comeza a de pesca.

A tempada da cafeteira si que é todo o ano.

É un dos aromas que máis me gustan, dáme a sensación de que xa comeza o día. Ten unha connotación moi social: vas tomalo a un bar ou a casa de alguén… Iso si, tiven que rebaixar a cantidade e agora só van tres ao día.

 

A instagramer da cancha: Laura Aliaga Romero

CC-BY-SA Xabier Martínez

 

Procedencia: Alacante.

Idade: 24 anos. 

Estatura: 1’86m.

Posición: Alero.

Obxecto: móbil e tacóns.

 

Imos comezar polo obxecto, porque isto dos tacóns e o móbil ten chicha… que significan para ti?

Gústanme as redes sociais e sobre todo Instagram. Creo que instagram me permite tanto plasmar o deporte como a moda e o calzado, outra das miñas paixóns. Ademais conecto coa xente e pregúntanme por roupa deportiva que patrocino. E os tacóns… porque penso que hai xente que pensa que as mulleres deportistas están masculinizadas, e non é así, hai de todo e eu persoalmente quero este estilo. Iso si, as rúas de Lugo sonche ben complicadas para levalos.

Á marxe do empedrado, que tal vivir en Lugo?

Son de Alicante e gústanme máis o sol e a praia, pero é moi agradable estar aquí. Vivo no centro e teño todo moi próximo. E isto dos bares e das tapas… é unha marabilla! En Alicante temos que importalo. 

En que momento te viches como xogadora profesional?

Probei moitos deportes, ballet (era moi alta e patosa), tenis… Ata que din o estirón e meu pai me incitou a meterme en baloncesto. O certo é que foi todo moi rodado: fun ao club de Alicante, de aí á selección valenciana e á española de pequena… Entón pensas que paga a pena estar adestrando, non saír coas amigas e ter un partido na fin de semana. Creo que me levo cousas moi boas e que madurei grazas ao deporte. 

Como te ves nun futuro?

Sempre quixen xogar en liga feminina. Quero manterme nesta liga que é das máis interesantes de Europa, e mesmo, quen sabe, saír fóra de España.

Que lle dirías a alguén para que veña vivir o baloncesto?

Creo que o deporte feminino é moi atractivo porque podes ver mellor o xogo en equipo e a esencia do baloncesto. Considero que o plasmamos mellor que os homes. É algo moi bonito que ten Lugo e que non hai noutras cidades de España!

 

O momento dourado de Cherin Britany Miller

CC-BY-SA Xabier Martínez

 

Procedencia: Estados Unidos.

Idade: 31 anos. 

Estatura: 1’93m.

Posición: Escolta.

Obxecto: medalla dourada.

 

Como se vive en Lugo?

É unha cidade bonita e tranquila, ademáis polo tempo lémbrame a Seattle! Unha vez estiven aquí cando xogaba no País Vasco e pensei que me gustaría vivir aquí. Rodei varios anos polo noroeste de España e o ambiente é moi distinto a outros países: disfrutades o deporte como unha festa, como unha ocasión para poñer en xogo as túas habilidades e capacidades. 

E que tal cos lucenses? Saberás que o nome do equipo é unha palabra galega, “ensino”.

Fálanos en galego moita xente e gústame a idea de que teñades unha lingua; encántanme esas diferencias culturais que nos ensina a xente. Vexo que pasa o mesmo no País Vasco ou en Cataluña. É algo enriquecedor.

De que xeito engancharías a alguén no baloncesto?

A enerxía dun partido de baloncesto é especial. Teñen que velo cos seus propios ollos, que veñan coa familia a ser parte da nosa. Trátase de algo único.

Como foi a túa traxectoria profesional?

Tíveno moi claro. Saín da universidade directa para a República Checa hai dez anos, e xa alí confirmei que me ía dedicar profesionalmente a isto.

A onde queres levar o teu futuro no deporte?

Estou nun punto no que penso que axudarei á xente, especialmente á rapazada, en ver como poden medrar e madurar grazas ó baloncesto, e como o poden levar a súa carreira, os retos que lles van vir diante… Quero ensinarlles como poden ser mellores nun sentido amplo, non só no deportivo.

Este afán ten algo que ver co obxecto persoal que traes contigo…

Si. Teño esta medalla dourada que me regalou alguén especial en Francia, aquela muller non falaba moi ben inglés pero comentoume que esa medalla guiáraa nun momento da súa vida e que lle axudou a escoitarse a si mesma e seguir os seus soños. Xa levo seis anos con isto no meu chaveiro. 

 

Polbo á senegalesa para Astou Traoré

CC-BY-SA Xabier Martínez

 

Procedencia: Senegal.

Idade: 37 anos. 

Estatura: 1’82m.

Posición: Ala pívot.

Obxecto: pintalabios.

 

Como leva unha senegalesa vivir en Lugo?

Lévase mal o frío pero a cambio gústame a tranquilidade da cidade. E tamén, debo dicilo, a comida! É moi barata e boa comparada con outros lugares nos que vivín, e iso que soamente levo tres meses. Coido que os galegos sodes unha cultura moi semellante á senegalesa, moi abertos e facedes sentir ben á xente de fóra.

O nome do equipo é unha palabra galega, “ensino”. Haberá algún intercambio senegalés-galego?

Hai quen intenta falarme en galego, pero aínda levo pouco tempo como para dominalo. 

Que lle dirías a alguén para animalo a vir o baloncesto?

Que isto é pura diversión! O ambiente resulta moi familiar e podes vivilo moi en primeira persoa.

Cando decidiches ser xogadora profesional?

Hai máis de quince anos, en Francia. Xoguei alí sete anos e xa levo oito en España. Ademais tamén xoguei na selección senegalesa.

Como ves a túa traxectoria?

Agora non estou ao cen por cen por unha lesión de xeonllo, pero quero darlle máis ao equipo e sei que podo facer máis. 

Que significa o obxecto que traes?

É maquillaxe. Sempre me acompaña. Penso que ademais do baloncesto temos outra vida na que me sinto cómoda vestindo ben. No meu país a xente coñéceme e pide fotos nas que sempre quero dar boa imaxe. Aos adestramentos desde logo non vou maquillada, pero gústame diferenciar esas dúas cuestión vitais.

Bárbara G. Vilariño

Bárbara G. Vilariño

Xornalista, seica. Nado, rodo, corro e muto entre cultureta e culturista. Foto: Xabier Martínez

Xabier Martínez

Xabier Martínez

Fotógrafo, informático, home orquestra. Teimudo. Fotografía: Romina Portela.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.