Loucura polo balonmán en Cangas. O orgullo dunha vila que nunca se rende

«Se nos falta isto, fáltanos todo». Marita ten 82 anos e sabe moito de balonmán. Lembra perfectamente cando veu xogar a Cangas «o Urdangarín» mais tamén cando miraba os partidos no antigo pavillón do Romarigo, ou no Aterrado, nos anos 70. Marita sabe moito de balonmán, como sabe Fina Entenza, Xosefa, ou Celia. Elas, coñecidas como as cheerleaders do Cangas, levan décadas vendo partidos fieis á súa cita quincenal co equipo da casa. En realidade, na capital do Morrazo é algo raro atopar xente que non teña relación co balonmán, o deporte rei da comarca –xunto co piragüismo da gran Teresa Portela- e orgullo para unha vila de case 27.000 habitantes que o viu nacer na rúa nos anos 60.

Para entender a bendita loucura polo balonmán en Cangas cómpre debullar a historia dun club presente na elite da competición española desde hai case 30 anos e de forma ininterrompida desde a temporada 2012-2013.

O balonmán en Cangas naceu no centro da vila, concretamente na Avda. de Vicenti. Non había unha pista como tal. Alí cortaban o tráfico, pintaban o campo de xogo, traían ás costas as porterías e retiraban á man os coches aparcados. Primeiro eran partidos de exhibición, aos domingos, despois da misa.«A xente cando ía tomar o viño xa o vía», relatan desde o club. Alí conformouse o xermolo do Balonmán Cangas, que daquela se chamaba Luceros. O primeiro partido dese equipo foi en 1961 no colexio Alba de Vigo contra o Alerta; e gañou 4-5. 

O balonmán naceu en Cangas en 1961. Ao saír de misa a veciñanza ía mirar os partidos que se xogaban na rúa. CC-BY-SA Rosa González

«Daquela podías ir ao cinema, ao baile de Andreíta ou ver o balonmán”,  explica Fina Entenza

Xa co equipo constituído oficialmente en 1972 o Concello construíu o primeiro campo de balonmán como tal, ao aire libre, no chamado Aterrado. Cada vez eran máis os veciños e veciñas que se xuntaban para ver os partidos alí. O deporte ía entrando así na xente de Cangas de maneira natural como parte do vida da propia vila. «Daquela podías ir ao cinema, ao baile de Andreíta ou ver o balonmán”,  explica Fina Entenza. Esta veciña de Cangas e seareira histórica do equipo lembra que era a época de Joselito, Marisol ou Rocío Durcal. Había «días das señoritas gratis», mais o balonmán era de balde e ao mediodía, polo que non perdía un partido. E hoxe en día segue fiel á súa cita da fin de semana no Gatañal. 

Fina, Marita e Celia, as 'cheerleaders' do Cangas, xunto coa mocidade que xoga na canteiro e anima o primeiro equipo. CC-BY-SA Rosa González

O ano 1977 foi unha data histórica no Estado xa que chegaba a democracia, coas primeiras eleccións. Mentres, en Cangas inauguraban o seu primeiro pavillón acondicionado para xogar ao balonmán: o Romarigo. Naqueles tempos o Luceros pasaba a pertencer ao Club de Fútbol Alondras e conseguía chegar a Segunda Nacional. «Veu o presidente do Alondras, Veloso, e fíxome a proposta para construír o pavillón ao lado do campo de fútbol» lembra quen o foi todo no equipo – desde xogador a presidente durante 50 anos-, Manuel Camiña. El era un deses nenos que miraba os partidos no Aterrado.

Mais a afección polo balonmán medraba na vila como a herba na primavera e axiña quedaría pequeno o novo pavillón do Romarigo. Comezaba a construción do actual pavillón do Gatañal, xa co equipo renomeado como Club Balonmán Cangas e o principio dunha nova era da man do patrocinador máis lonxevo da liga Asobal:  o Frigoríficos do Morrazo, que apoia o club desde 1990. 

Manuel Camiña, histórico presidente do Balonmán Cangas ata 2021. CC-BY-SA Rosa González

O equipo seguía a subir de categoría e canda el a ilusión da veciñanza, que non vía límites para as fazañas do seus. En 1993 o Balonmán Cangas estreou o novo pavillón do Gatañal, cun aforo de 2.500 espectadores -que bordean os 3.000 co público de pé- e o equipo xa na División de Honor B. Había unha necesidade imperiosa do novo pavillón para poder acoller a toda a xente que viña.

A afección do Cangas enche O Gatañal en cada partido. CC-BY-SA A afección do Cangas enche O Gatañal en cada partido.

Ascenso á Liga Asobal

Na temporada seguinte chegaba o primeiro gran fito deportivo: o ascenso á Liga Asobal. Logo de quedar no terceiro posto na división de prata, xogaban os play-off de ascenso co todopoderoso Ademar León. Era, relatan desde o club, como se o Racing de Ferrol xogase contra o Valencia. A ida na casa e a volta en León. Algo moi difícil. Mais, como ben pode lerse nas paredes do Gatañal, «en Cangas ninguén se rende» e con 3.000 persoas animando sen parar, contra todo prognóstico, gañou o equipo da casa por tres, 20-17. 

Na temporada 94-95 o Cangas acadou o ascenso á Liga Asobal. Viaxaron  a León 2.000 persoas en 18 autobuses e coches particulares. Foi algo histórico

 A ilusión que se xerou nese momento non cabía nas crónicas dos xornais. A veciñanza quería ir toda a León e o presidente –que xa era Manuel Camiña desde 1968- tiña medo de que fosen ver perder o equipo, mais alá foron unhas 2.000 persoas en 18 autobuses e coches. Foi algo histórico. E na última xogada daquel partido en León o Cangas acadou o ascenso. Ao día seguinte houbo recibimento no Concello, chovía a mares e a xente foi igual. Entre esas 2.000 persoas de Cangas que viaxaron co equipo daquela atopábase Fina Entenza, que lembra perfectamente aquela viaxe. «Fomos a León sen autovía», detalla.

Toda axuda é benvida para apoiar o equipo. Na imaxe, dúas seareiras co seu particular remedio contra o meigallo. CC-BY-SA Rosa González

Comeza así outra historia. A do equipo na elite. A da afección na elite, que vai cunha hora de antelación para coller sitio e apoiar os seus, pase o que pase, porque sabe que ten un equipo para sufrir e este ano tocou xogar a permanencia outra vez. Mais esta a historia dunha afección que sabe cando e como presionar os árbitros, como e cando apupar polo xogo pasivo con asubíos exordecedores; a historia do fervedoiro do Gatañal onde sempre é incómodo xogar como visitante. «Sempre fomos un pouco irreverentes», subliña Manuel Camiña.

Desde entón o equipo chegou á competición europea dúas veces, mais tamén descendeu outras tantas. E a día de hoxe leva 11 temporadas en Asobal de maneira ininterrompida. Foi na temporada 2012-2013 cando se acadou o último ascenso da man de xogadores da canteira como Suso Soliño, o histórico veciño de Cangas que comezou xogar no primeiro equipo con 16 anos, en 1991, e non o deixaría ata 2019.

A día de hoxe o Balonmán Cangas leva 11 temporadas en Asobal de maneira ininterrompida CC-BY-SA Rosa González

Un dos poucos xogadores que pode dicir que viviu as dúas competicións europeas, así como dous descensos e dous ascensos, é Fernando Eijo. O pivote vigués chegou a Cangas en 2004 procedente do Teucro, xogou once anos no primeiro equipo, e xa non marchou do Morrazo, onde se estableceu persoal e profesionalmente. Eijo subliña a «comuñón total» entre o pobo e o equipo e o sentimento de orgullo que supón para unha vila como Cangas ter o equipo na primeira división.

Fernando Eijo coas súas fillas durante un partido do Cangas, no Gatañal CC-BY-SA Rosa González

«É a mellor afección de España»,  indica o actual capitán do equipo, o ourensán Juan Quintas, que agradece o «plus» que sempre nota no campo. «Nunca deixan de animarte e conseguen levarte aínda que creas que xa non podes», di Quintas. 
«Para min está a ser a experiencia máis enriquecedora da miña vida.  Isto é único. O que se vive aquí non se vive en ningún outro sitio de España», confesa o madrileño Nacho Moyano, adestrador do primeiro equipo desde hai cinco temporadas. Moyano refire unha «idiosincrasia particular dun pobo que viu como se transmite o balonmán de xeración en xeración. E a comuñón entre o equipo e a afección vai a máis», asegura. 

O futbolista Iago Aspas xunto ao capitán do Balonmán Cangas, Juan Quintas. CC-BY-SA Rosa González

Basta poñer un ollo nas gradas para reparar na gran afluencia de rapazada dunha das mellores canteiras de Galicia; mais tamén acoden moitas familias, nenos e nenas cando os seus pais e mesmo os seus avós ou avoas, que son aqueles nenos que viron nacer o balonmán na vila nos anos 60. 

«Existe un apego de xeración en xeración», asegura o presidente Alberto González

«Existe un apego de xeración en xeración», explica Alberto González, presidente do club desde xaneiro de 2021. El tamén foi un deses nenos que vía o balonmán na rúa. «O deporte máis importante de Cangas sempre foi o balonmán», asegura, ao tempo que pon en valor o ambiente e a tensión que se xera en cada partido dun deporte «vibrante e intenso».

O Gatañal reúne cada quince días xeracións moi distintas de persoas seareiras. CC-BY-SA Rosa González

«O meu soño sería debutar no Gatañal», asegura Aitor Costas, cadete de 16 anos e veciño de Suso Soliño, que leva vendo balonmán desde moi pequeno. É o caso tamén do seu compañeiro Asier Pereira, que explica o sentimento de pertenza a un club que se vive desde moi cativo. «Sempre tes a ilusión e ves a posibilidade real de chegar a ser coma eles», argumenta. Ese é o soño que ten tamén Mateo Hernández, Marcos Varela, Raúl Castro, Daniel Cancelas e centos de rapaces  e rapazas que cada fin de semana acoden ao pavillón para xogar cos seus e para animar o primeiro equipo.

Nos últimos anos consolidouse a 'previa' ao partido para recibir o equipo e comezar a festa con gaitas. CC-BY-SA Rosa González

Cada fin de semana no Gatañal hai moita tensión, moito ambiente e tamén moita festa grazas á Marea Azul, a peña de animación coa que conta o club desde 2003. Detrás do surdo (bombo) moitas veces e á frente da xunta directiva atópase Hugo Rodríguez, que tamén foi xogador do club. «Temos moito que aprender dos que crearon o balonmán en Cangas», asegura, ao tempo que salienta o sentimento de pertenza da afección, cun club dunha vila pequena, con baixo orzamento, que resiste na elite do deporte a nivel estatal. «Van chegando xogadores para defender unha camiseta e acaban defendendo un escudo», subliña Hernández.

«É a nosa particular romaría cada dúas semanas.  Para nós isto tamén é un punto de reencontro cos amigos e a familia», explica Javier Coya desde a Marea Azul

«É a forza do regreso ás raíces», argumenta Javier Coya, membro da peña Marea Azul. Coya destaca a «liturxia do balonmán» que se está a consolidar nos últimos anos, co recibimento ao equipo na previa, onde adoita haber gaiteiros e ata postos de pulpeiras. «É a nosa particular romaría cada dúas semanas.  Para nós isto tamén é un punto de reencontro cos amigos e a familia», explica Coya. A esta particular romaría están todos invitados, mesmo os rivais. «E os xogadores do equipo contraio están case obrigados a tomar a caña con todos nós ao final do partido», asegura. Iso si que é comuñón.

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • Baloncesto. Vinte no vestiario do Durán Maquinaria Ensino Lugo

    As xogadas non son o único que protagoniza un vestiario. Oposicións, cultura senegalesa, historias de conciliación, stories de Instagram, vinte anos de aprendizaxe de valores e moito ensino… Por se aínda estás na bancada, e sen ánimos de saír á cancha, mostrámosche o que hai detrás da canastra a través do perfil de cinco xogadoras do Durán Maquinaria Ensino Lugo, equipo de baloncesto lucense na máxima categoría do baloncesto español. 

    Deporte
  • Dépor ABANCA. A cara B das Nosas

    Diversidade, igualdade, dereitos profesionais… O Dépor ABANCA está amosando moito máis valores, se cabe, dos que desprega no terreo de xogo, onde afianza en cada partido as posicións altas da táboa da Primera Iberdrola. Achegámonos á cidade deportiva de Abegondo para coñecer a cara B d’#AsNosas. E falamos con cinco expoñentes desta realidade dentro do Dépor ABANCA: Míriam, Tere Abelleira, Alba Merino, Maya e Gaby.  

    Deporte
  • Adrián Ben: “O deporte é un entretemento, o importante agora é curar a pandemia para que axiña poidamos gozar del”

    Unha lesión mantén o atleta Adrián Ben (Viveiro, 1998) na súa vila natal da Mariña, onde se recupera na casa de seus pais para volver a Madrid nas próximas semanas. Alí vive e adestra cunha bolsa no Centro de Alto Rendemento, mentres estuda Fisioterapia. A súa carreira deu un chimpo o pasado mes de outubro cando quedou sexto na final de 800 mestros do mundial de atletismo. Os deste ano podían ter sido os seus primeiros Xogos olímpicos pero a covid trastocou estes plans. 

    Deporte

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.