Unha lesión mantén o atleta Adrián Ben (Viveiro, 1998) na súa vila natal da Mariña, onde se recupera na casa de seus pais para volver a Madrid nas próximas semanas. Alí vive e adestra cunha bolsa no Centro de Alto Rendemento, mentres estuda Fisioterapia. A súa carreira deu un chimpo o pasado mes de outubro cando quedou sexto na final de 800 mestros do mundial de atletismo. Os deste ano podían ter sido os seus primeiros Xogos olímpicos pero a covid trastocou estes plans.
Un rapaz de Viveiro por onde empeza a correr?
Aquí por desgraza non temos pistas de atletismo. Eu empecei a correr co meu primeiro adestrador, que foi o meu profesor de educación física Luis Ramallal. El fichoume, coma quen di, despois de gañar con 7 anos a carreira popular de Viveiro. Adestraba na escola martes e xoves no horario de comedor, e cando os outros ían ao recreo nós iamos correr. Logo adestrabamos luns, mércores e venres cos que serían os meus adestradores mais adiante, Pedro e Felipe, a xogar ao atletismo coma quen di. Eu pasábao pipa.
Supoño que a medida que fuches adestrando máis irías precisando mellores infraestruturas e equipamentos. Como foi ese proceso?
Si, a medida que vas crecendo e superando etapas de estudo vaste formando cada vez máis e hai que dar un pasiño. No meu caso foi ir a Lugo, con Mariano Castiñeira, que foi adestrador meu por 5 anos ata que marchei para Madrid. Se estou onde estou, xa o dixen moitas veces, é grazas a meus pais que fixeron o esforzo de levarme todas as semanas adestrar a Lugo, que son cen quilómetros ir e cen volver.
"As instalacións do CGTD de Pontevedra son das mellores instalacións que eu vin na miña vida. Se se mellorasen con outros equipamentos como unha residencia serían idóneas para crear un núcleo de élite en Galicia".
É posible levar a cabo unha carreira de deportista de elite en Galicia?
Eu penso que si, depende tamén de que deporte elixas. No atletismo penso que se queres ser deportista de elite a nivel mundial Madrid e Barcelona poden ser as dúas opcións que pasen por ese camiño, porque é onde están os dous grandes centros de alto rendemento e é onde se reúnen os grandes adestradores e os grandes grupos de adestramento. Iso en Galicia témolo máis difícil.
Que faría falta para manter aquí un núcleo de elite en torno ao atletismo?
Pois se cadra facer unha residencia de deportistas como a que temos nós en Madrid, mais para iso fan falta moitos cartos. Eu penso que as instalacións do CGTD de Pontevedra son das mellores instalacións que eu vin na miña vida, en canto á pista son mellores instalacións que as que hai en Madrid. Se se mellorasen con outros equipamentos serían idóneas. E para crear ese núcleo o principal sería contratar adestradores, mesmo formar nós adestradores aquí para que eles poidan sacar bos atletas. Sería un ciclo ascendente: cartos para formar adestradores, os adestradores sacan atletas, os atletas conseguen gañar cartos, con iso pagas más adestradores e así. Eu penso que así é como deberiamos sacar un núcleo de atletas e deportistas.
Nos niveis de base como está o atletismo en Galicia?
Penso que ben. A miña é unha xeración de atletas moi boa. Estamos tres atletas no centro de alto nivel en Madrid, e estamos indo case sempre coa selección nacional: Miguel González Carballada, que é de Lugo, Tariku Novales, noiés, e mais eu. Penso que a canteira é moi boa, que igual que saímos nós pode saír máis xente. Ademais no noso caso, dentro da nosa competitividade axudámonos moito a crecer como deportistas e como persoas, porque tamén somos moi bos amigos. Entón o que hai é que axudar o máximo posible aos que veñan por debaixo, e así se chegará máis lonxe.
Cales son os teus referentes no deporte galego?
Javier Gómez Noya. Teño a sorte de coñecelo e para min é un dos principais referentes.
Que valores son os que máis destacas nel?
Todo. É que para ser referente penso que non podes destacar soamente nunha cousa. E Javier destaca en todo: en coraxe, en forza, en saber estar, educación... para min é moi importante máis que ser bo atleta é ser unha boa persoa, el teno todo. Se puidese elixir un deportista a nivel internacional ao que pareceme sería a Javi.
E dentro do atletismo?
En canto a marcas un dos que máis admiro é Alejandro Gómez (que está agora enfermo, detectáronlle un tumor grave), era un tremendo animal nas distancias máis longas, e tamén Andrés Díaz. De fóra teño que dicir que de pequeno non vía moito atletismo na tele, así que crecín máis cos atletas galegos que cos internacionais.
"Para min a gran aprendizaxe en Doha foi ver como isto non é unha carreira de velocidade senón de fondo. Hai que adestrar, adestrar e adestrar e as cousas sairán ou non sairán, pero se non adestras está claro que non van saír"
Como foi o teu salto á alta competición?
Máis que un salto penso que foi unha escaleira, cada vez un pasiño máis arriba e crecendo pouco a pouco: primeiro competindo aquí en Galicia, logo indo aos campeonatos de España, de alí xa buscabamos gañar unha medalla, clasificarnos para campionatos internacionais. Fun a un europeo coa selección absoluta. Agora recentemente fun ao mundial e xa collín unha praza de finalista... penso que foi clave ir etapa por etapa para poder estar onde estamos.
Ata o mundial de Doha, que si que suporía un salto grande.
Si, claramente, aí saltei unha cantas etapas e sobre todo aprendín unha gran lección. Eu xusto hai agora un ano tivera un pau moi grande no campionato de Europa Sub23, onde non fun capaz nin de meterme na final. Aí empecei a cuestionar o meu futuro no atletismo: que fago aquí, ao mellor non son tan bo como pensaba, a ver se con todo o que adestro non estou conseguindo o que quero... Aos dous días recordo que o meu compañeiro de adestramento Fernando Carro gañou o record de España de 3000 obstáculos en Mónaco. Ese día fun falar co meu adestrador e díxome: "ves? isto é continuidade, Adrián". Aí cambiei o chip e dixen vale, imos intentalo con todas as nosas forzas. E así saíu o de Doha. Para min a gran aprendizaxe foi ver como isto non é unha carreira de velocidade senón de fondo. Hai que adestrar, adestrar e adestrar e as cousas sairán ou non sairán, pero se non adestras está claro que non van saír
Despois diso que novos retos ou oportunidades che saíron?
Agora estragouse todo un pouco co tema do coronavirus, pero este era un ano para tentar meternos nalgunha competición "cos maiores", coma quen di. Tiña previsto ir a competicións internacionais de máis prestixio na Diamond League, o mellor circuito de reunións de pista do mundo. O meu obxectivo é tratar de entrar nesas carreiras co meu sexto posto en Doha para tratar de mellorar as miñas marcas persoais e seguir crecendo.
E ademais podías ter ido ás túas primeiras olimpiadas en Toquio.
Si, xa tiña a marca mínima para participar. En atletismo hai dúas maneiras de clasificarte, que son ou ben por marca ou ben por ranking mundial. Eu xa tiña a marca e con ela un pé dentro, só me faltaba certificala no campionato de España que se tería celebrado o 30 de xuño.
Nin Toquio, nin Naseiro... chafouse agosto.
Xa, a ver, eu o que levo dicindo este tempo, e tamén así mo explicaron meus pais, é que mentres haxa xente morrendo ou xogando a vida por tentar salvar a xente que está infectada, que non haxa xogos ou que non haxa Naseiro importa moi pouco. A fin de contas o deporte é entretemento para a xente. Aínda que para nós sexa un traballo, penso que estamos nun segundo plano e temos que centrarnos 100% en intentar acabar con isto entre todos o antes posible para poder volver gozar non só do deporte senón da vida en xeral.
Cales son os teus plans máis inmediatos entón?
Por agora recuperarme é a prioridade, curarme da lesión completamente, e o ano que vén, se a situación nos permite competir, adestrar o máximo posible para poder competir nos Xogos.
A longo prazo cales son as túas metas no deporte? E na vida despois da competición?
Estudo Fisioterapia, entón intento compaxinar o máximo posible as dúas cousas, aínda que non é nada doado cando empezas a competir a este nivel. Tampouco temos en España o mellor sistema educativo á hora de facer os estudos universitarios compatibles co deporte de elite, en comparación con outros países coma Estados Unidos. Non me gusta xeralizar, hai profesores que me teñen axudado moito e outros nada. Pero si, eu quero ter os meus estudos para cando remate a miña etapa na competición poder traballar ou montar o meu negocio. Sempre vinculado co deporte, na especialidade de fisioterarapia deportiva. Para poder traballar con outros atletas e axudarlles a acadar os seus obxectivos. Gustaríame seguir sendo parte de proxectos deportivos doutra xente.
No deporte a miña meta persoal é ser campión olímpico. Pode soar moi ambiciosa pero se eu non son capaz de crelo non o vai crer ninguén por min. Sería unha auténtica fazaña. Penso que é moi difícil pero non imposible así que imos a por iso.
Ti es de Viveiro, un sitio onde aínda se fala bastante galego e ti fálalo perfecto. Non pasa así con toda a mocidade. Cal é a túa historia lingüística?
Ben, eu parto de que respecto todas as opcións. Por estar en Galicia aínda que alguén fale en castelán non me parece mal, son as dúas linguas cooficiais que temos. Na miña casa cos meus pais falo en galego e logo teño amigos cos que falo castelán e outros cos que falo en galego. Eu adáptome pero tamén me gusta máis falar o galego, iso está claro, e tamén é unha das cousas que máis boto de menos cando estou en Madrid, poder falar galego con alguén. Porque as expresións máis típicas ou que máis naturais me saen son en galego.
E como ves o galego no mundo do deporte?
Penso que está ben, poderíase potenciar un pouco máis porque cando compito en Cataluña no País Vasco a saída por exemplo dase en catalán ou en euskera, e aquí seguímolo potenciando da mesma maneira, cadaquén como pode. Ao final o deporte fano as persoas, e se as persoas non fan valer a súa lingua o deporte xa pouco pode facer. Por iso penso que isto ten que vir da educación que traia cada un da súa casa.
Tampouco é que haxa moitos referentes que fagan bandeira do galego aínda que temos aí o caso de Ana Peleteiro, que ata lle deron a Medalla Castelao.
Nós sempre temos que ter coidado con ese tema porque moitas das persoas que nos seguen non son galegas. Hai algunha xente que fala inglés, aínda que a maioría dos nosos seguidores son de España, por iso a maioría das nosas publicacións son en castelán, para que a maior parte da xente o entenda, aínda que ás veces as traduzamos ao galego. Logo hai momentos especiais cando nos toca competir por aquí cerca, como cando foi o campionato de España en Ourense, que ao acabar a carreira dei toda a volta coa bandeira galega. Non sei se a alguén lle parecería mal, pero a min encantoume.