Sabela Ramil (Ourol, 1993) está en fase de transición no seu proxecto musical. Un proceso de cambio acelerado pola pandemia, que trastocou boa parte dos plans de xira do seu primeiro disco, ‘Despedida’, pero que nos traerá novo material contra finais de ano. O prioritario para ela é sentar unha base sólida para os seguintes pasos da súa carreira. E tamén aproveitou esta parada para colaborar na Radio Galega. Di que ten moito que contar e expresar, por iso o fai a través das cancións. Pero tamén nas redes, ou nesta entrevista que nos contesta por teléfono desde As Pontes.
Fotos: Jesús Cordero. Estilismo: Cristina Reyes. Maquillaxe e peiteado: Sandro Nonna
En que momento estás despois do hype de Operación Triunfo?
O hype é iso, un momento aí forte no que a escuma estaba moi arriba e despois baixa. Foi un momento moi fermoso de vivir, porque non todo o mundo ten esa oportunidade. Pero agora é outra cousa totalmente distinta, no que estou agora mesmo é en sentar as bases do meu proxecto. Estou traballando e encamiñando todo para ter unha base coa que poder medrar cunha idea máis consolidada.
Foi cambiando moito o teu proxecto desde que saíches da Academia de OT?
Si, mudou moito porque tamén eu vou aprendendo. Ao principio non coñecía como funcionaba esta industria nin as discográficas nin todo ese mundo. Vas vendo cousas e vas decidindo cales queres e cales non. Seguramente vaia seguir mudando ao longo da vida porque ese é o proceso natural, ir aprendendo e ir avanzando dun lugar a outro segundo o momento no que estamos.
A pandemia cadrouche cun disco recén presentado e a piques de saír de xira. Como lles afectou aos teus plans?
Tiñamos planeada unha pequena xira despois do verán pero con toda esta incertidume ao final non se vai levar a cabo como tiñamos previsto e estamos agora tentando reorganizar, tratando de pensala doutro xeito. Estou tamén producindo novo material coa idea de que a xente o vexa cara a finais de ano.
E cara a onde vai tirar musicalmente ese novo proxecto?
Xa no anterior disco o son que conseguín co tema “Despedida” é co que máis me identifiquei, e por aí sigo explorando. Ese son se cadra máis indie, aínda que non me gusta moito esa etiqueta, pero vai cara esa liña.
Agora tes unha sección no programa Galicia por diante da Radio Galega, titulada “Un verán con Sabela”. Tiñas vocación de comunicadora?
A colaboración xurdiu porque Kiko Novoa xa mo propuxera hai tempo, só que nunca me cadrara ben, e agora volveumo propoñer para o verán e como era algo máis estacional, e tampouco temos unha previsión grande de concertos, aceptei. Porque a radio é un medio que me encanta. Gústame o mundo da comunicación, falar das cousas que penso ou que exploro. Supoño que ao final tamén é normal, porque se eu fago música é porque me gusta expresar e comunicar como eu vexo o mundo.
Parece ademais que agora as artistas tedes esa obriga de estar comunicando nas redes e en contacto co voso público.
Faime graza que digas o da obriga porque eu ao principio si que o vía así, e agora xa non, porque é certo que cando creas a túa comunidade, as persoas que te seguen e che dan feedback e demais, xa o fas máis natural. E claro, tamén é bo para as accións que faga ou os temas que saque. Pero ao principio custábame. Non o fago ao 100% como creo que se debería facer, pero tamén é algo que vou aprendendo e que ten moitas cousas positivas, desde logo.
En Twitter estás moi activa ultimamente ademais.
Sí, Twitter é unha rede que me gusta porque é máis espontánea. O Instagram ten que ter que ver máis coa imaxe, ten que ir máis pensado e planificado. Pero depende de como me dea, hai semanas que non paso por alí e outras nas que estou todo o día enganchada. Claro que ten as súas cousas boas e as súas cousas malas. Ás veces meto a zoca ou hai xente que se indigna moi facilmente, pero ben, así é Twitter en realidade.
O pasado domingo chiaches sobre a ‘carretaxe’ nas eleccións e efectivamente houbo quen se indignou.
A maioría da xente esas cousas recíbeas ben. Pode haber 3 ou 4 comentarios que entran a discutir e chaman máis a atención, pero é que tamén hai que crear tamén ás veces esa discordia para que a xente esperte e reflexione, cando menos. Non para que estea de acordo nin moitísimo menos. Para que pense e xa está.
Moitas das persoas que te seguen son de fóra de Galicia e escóitante en galego. Cres que mudou a apertura da xente de fóra a escoitar outras linguas?
Faime moita ilusión, teño un grupo aí nas redes que sempre que fago algo en galego din "veña, seguinte clase de galego con Sabela". Porque a verdade é que están aí a tope, penso que xa deben falar bastante ben galego (ri). Iso ponme contenta e si que vexo unha maior apertura. Se cadra eu non vivo tanto eses comentarios negativos que sabemos que están aí, porque eu desde o principio me posicionei. Se me segues sabes que a lingua é parte de min e se me queres quéresme con ela.
A industria e os medios de comunicación de Madrid tamén o acollen ben?
A miña experiencia aí foi boa sempre. Se cadra o que me sorprende, e algunhas veces me pode chegar a molestar, é que incidan tanto no tema da lingua. Sempre me preguntan, con boa intención, sobre por qué canto en galego e acaba cansando. Gustaríame que mo preguntasen máis desde un punto de vista artístico, porque aí si me parece interesante comentar a sonoridade que ten o galego para a música. As palabras, como se acentúan, como se din... todo inflúe. A lingua marca que unha canción en castelán ou en galego vaian ter unha sonoridade moi distinta, pero iso parece que non interesa tanto como a cuestión máis "política".
"Aquí xa sabemos que hai moita xente creando en galego, pero fóra se cadra é onde aínda falta que se vexa toda esa materia prima que temos".
Polo menos aquí en Galicia si que foi un revulsivo para o prestixio do galego todo o que fixeches en OT. Eras consciente diso?
A verdade é que fun consciente despois, non no momento. Para min como é algo natural facelo así, non era algo a destacar. Despois vendo a reacción si que me decatei de que é certo que nos faltan referentes que se exporten fóra, que non queden aquí. Aquí xa sabemos que hai moita xente creando en galego, estamos nun bo moi momento na música pero fóra se cadra é onde aínda falta que se vexa toda esa materia prima que temos. Mesmo moita xente nova en Galicia non é consciente do que ten ao lado ata que o ve nos medios de fóra.
E que se precisa para poder superar esa fronteira? Ao final o de ir a un concurso con esa proxección é o camiño menos probable.
Eu penso que ao final o proxecto que triunfa é porque está pensado a todos os niveis, empezando pola imaxe, o que queres proxectar cara ao público. Con independencia do idioma que uses.En Galicia hai cada vez máis proxectos musicais que xa o fan así, pero penso que aínda falta iso, apostar máis polo marketing e a imaxe. A min tamén me custou moito ao principio, eu viña da rama de saúde mental e terapia, non estaba nada posta nisto e custoume aceptar que tiña que traballar moito esa parte. Pero é a realidade, non só aquí senón no panorama global. Os proxectos que saben ben onde queren dar e teñen unha clara imaxe e concepto de como queren que os vexan son máis fáciles de identificar. É a iso ao que deberiamos darlle unha volta, e profesionalizarnos a todos os niveis.
Que nos recomendas da música galega que esteas escoitando neste momento?
Pois mira, esta semana estou a tope con Verto. É que o fan moi ben, teñen un son que me gusta moito e ademais son moi riquiños, que iso tamén mola moito. Gústame que haxa ese tipo de proxectos, porque é outro estilo que ata agora non se fixera demasiado visible ao público. Temos que comprender que a industria agora mesmo está nese estilo a nivel global. Se os adolescentes escoitan música mainstream, está xenial que vexan que tamén hai un mainstream galego moi guai.
Contabas no último programa da radio a túa experiencia organizando un pequeno festival de música en Bravos (Ourol). Coma a vosa hai nos últimos anos unha chea de iniciativas semellantes. A que cres que se debe este fenómeno?
Non hai mellor barómetro que a propia xente que vive nos lugares e que consume música e cultura, ela é quen identifica qué cousas faltan no sitio onde vive. Claro, é moi fácil queixarse de que faltan cousas pero sería moito mellor que se faltan nos puxeramos a currar para intentar que non falten tantas. Esa foi a nosa opción. Nós nacemos e medramos no rural e danos moita pena que moitos lugares queden sen vida. Crecemos acompañados de moita xente, festas e outras accións comunitarias que desapareceron. Entón, retomando esta idea e collendo o mellor do rural e do que se está a facer por aquí a nivel cultural, decidimos crear o festival Aturuxo en Bravos. O noso obxectivo nunca foi que fose moi grande senón que fose interxeracional: que puidese ir xente de moitas etapas vitais a compartir e a aprender e vivir unha experiencia xuntos. Para nós era moi importante manter o respecto á contorna, entón non cabía meter alí milleiros de persoas porque si. As iniciativas que van saíndo é por iso, porque identificamos que cousas podemos facer para que a xente as goce e que tamén repercuta na economía da zona.
Reemprazarán os festivais as verbenas tal e como as coñecemos?
Tanto como reemprazar non, en Galicia hai unha tradición de verbenas que por outro lado tamén é moi fermosa. Si que creo que haberá máis oferta, hai uns anos non tiñas tanto onde escoller. Pero levamos moitos anos con tradición de verbena. E de todos xeitos a ver que pasa. Agora van influír moitos factores, non sabemos como se vai ir desenvolvendo todo despois da pandemia. Esperemos que todo se readapte, porque tampouco mola volver ao de antes. Hai que aproveitar os cambios e cousas que suceden tamén para cambiar nós e adaptarnos ao que veña.
Tes algunha esperanza en canto o futuro do rural? Como o ves?
A ver... (resopra). É complicado, porque levamos moitos anos nos que a xente foi marchando, isto non ocorreu dun ano para outro. Se cadra agora co da pandemia a xente empezou a valorar máis os espazos verdes e naturais, ter unha casa onde poder saír ao aire libre. Ao mellor por esa parte pode haber algo positivo, pero véxoo complicado, a verdade. Ao final eu nas zonas que coñezo quen está aí termando do rural son as asociacións culturais ou de veciños que hai neses espazos. Pero faría falta algo algo máis grande que dinamizase, un proxecto máis grande a nivel de economía. Aí eu si que xa non me vou meter (ri).
Como agardas que sexa a Galicia dos anos vinte?
Agardo que sexa unha Galicia ecolóxica, encantaríame. E que mudase e se readaptase para poder saír adiante e que a xente poida vivir cunha mellor calidade de vida en xeral. Que sexa vangardista. Non quedar atrás coas novidades, incluso lideralas. Coller a tixola polo mango e dicir: imos ver que facemos e que podemos botar adiante.
Ti es da Mariña e vives nas Pontes, dúas zonas agora ameazadas polo peche das principais industrias.
Máis que local é unha crise global, que precisa unha solución a nivel xeral para poder reorganizar isto e que poidamos seguir vivindo. Hai que darlle prioridade e primar as vidas das persoas. Ser é moi complexo: está por un lado toda a xente que traballa nesas fábricas, todos temos parentes e amigos afectados e hai que darlles unha solución. Pero está por outro o coñecemento que temos todos de cara a onde vai este mundo, que non é cara ao que fan esas industrias. Por iso digo que habería que chegar a liderar un avance pero desde outra perspectiva. Ademais ten que ser fermoso vivilo. Para min sería un motivo de orgullo dicir: mirade o planeta, mirade o mundo como está, e como aquí seguimos vivindo ben e doutro xeito mais respectuoso. Ogallá poder velo, a ver.