En3vistas. Conversas en Pontevedra con referentes para "presumir de lingua"

© En3vistas

Esta semana comeza en Pontevedra o ciclo En3vistas: cinco conversas en distintos espazos da cidade entre persoas do ámbito da música, a cociña, o audiovisual ou o deporte, a quen se quere presentar como "referentes lingüísticos dunha xeración". VINTE colabora nunha das patas deste proxecto.

 

Os encontros terán lugar ao longo do mes de xullo e participarán María Mera, Gena Baamonde, Javier Olleros, Kin Martínez, Sabela Ramil, Patricia Hermida, Adrián Ben, Diego Espiño, Cora Velasco e Marcelo DoBode. Tal e como explicou Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística en Pontevedra, na presentación do ciclo, as persoas participantes "son referentes lingüísticos dunha xeración que están petándoo forte nos seus ambientes de traballo, persoas que desenvolven a súa vida con normalidade en galego e que van falar das súas profesións e comentar as súas experiencias no día a día coa lingua".

Os encontros desenvolveranse ao longo do mes de xullo en diferentes espazos da cidade do Lérez "para facer visible a dignificación do espazo público para as persoas, que queremos que se empregue con absoluta normalidade ao igual que a lingua que tamén é de todas as galegas e galegos", expresou Oubiña. Así, as En3vistas terán tres partes: unha entrevista escrita previa que se publicará en VINTE, cada un dos encontros físicos que se desenvolverán no espazo público e a transmisión en directo a través de redes sociais xunto coa gravación que quedará dispoñible nas canles do Concello.

Encontros

  1. Venres 10 de xullo, na praza da Peregrina ás 18h: a actriz (protagonista da primeira serie en galego emitida en Netflix) María Mera conversará coa dramaturga Gena Baamonde (gañadora do María Casares pola dirección escéncia de 'Marcela e Elisa')
  2. Luns 13 de xullo, na rúa Serra ás 18h: o cociñeiro galardoado cunha estrela Michelín Javier Olleros conversará co produtor musical Kin Martínez.
  3. Venres 17 de xullo, no parque dos Gafos ás 20h: a cantante que participou en Operación Triunfo (a primeira que cantou unha canción en galego neste programa) Sabela Ramil conversará coa manager musical e fundadora da Asociación Mulleres na Industria da Música (MIM) Patricia Hermida.
  4. Luns 20 de xullo, na avenida de Santa María ás 20h: o atleta e medallista europeo Adrián Ben conversará co xornalista especializado en deporte Diego Espiño.
  5. Vernes 24 de xullo, na Ponte do Burgo ás 20h: a música 'indie' Cora Velasco conversará co músico de fusión tradicional e de vangarda Marcelo DoBode.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.