María Mera: “Grazas a ver ‘O sabor das Margaridas’ en Netflix hai xente de todo o mundo descubrindo o galego”

Actriz, presentadora e mamá. Así se presenta María Mera (Boqueixón, 1986) nas canles dixitais polas que se comunica para compartir historias sobre o seu traballo e a súa maternidade, e recomendar produtos que compartan os seus valores de proximidade e responsabilidade. Non se considera influencer aínda que teña máis de vinte mil seguidores en Instagram de todo o mundo debido ao éxito en Netflix da serie que protagoniza, ‘O sabor das margaridas’. A eles diríxese sempre en galego.

Fotos: Socram Photo&Phobia

 

Como estás? Que tal pasaches o confinamento?

Agora que se pode saír moito mellor, a verdade. Leveino ben grazas ás miñas pequenas, porque con elas xa desde que te ergues pola mañá estás sempre pensando en facerlles o día agradable a elas: que estean entretidas, que estean contentas... Debín ser das poucas persoas que adelgazaron nestes meses, porque con elas todo o día é imposible parar. Tiñas que estar todo o día para arriba e para abaixo tirando de creatividade e inventando cousas para que non se lles fixese duro o confinamento. Pero iso tamén me evadiu de pensar moito no terrible que era a situación.

Foron días nos que moita xente se enganchou ás redes máis aínda e non parou de crerar contido. No teu caso tamén foi así?

Eu seguín un pouco na miña liña de intentar publicar cada día. Si que tiña un pouco máis de tempo para seguir coa sección de vídeos de IGTV que estou publicando cada semana. Mais tampouco tiña tanto, porque estaba eu soa na casa coas dúas, o seu pai tiña que ir traballar todos os días e non tiña case tempo para min, así que non creei de máis pero si que tratei de manter a miña rutina: estar en contacto cos seguidores, publicar cada día, adiantar algún vídeo... iso si.

O estado de alarma cadrou ademais coa emisión da segunda temporada d'O sabor das margaridas na TVG. Como o viviches?

Por un lado foi todo moi estraño. Imaxina, nese momento tiñamos preparada toda a promoción da serie con cartelería nas rúas, nos autobuses... e as rúas estaban baleiras, era unha sensación moi rara. Pero ao final foi bonito vivilo, creo que foi un punto de alegría para todos os seguidores da serie que volvese neses momentos. Notabas esa ilusión cada domingo, eu estaba coas redes aí a tope recibindo mensaxes mentres se emitía. E non só os domingos: todos os días desde que a primeira temporada da serie se emitiu en Netflix veño recibindo mensaxes de xente preguntando cando se vai emitir a nova. É unha alegría, dá moita satisfacción.

Notas diferenza entre a resposta do público que ve a serie na TVG e a ve en Netflix?

Non moita, tanto a primeira como a segunda temporada (que chegará a Netflix este verán pero aínda non temos a data) tivo moi boas críticas e comentarios. En canto ao tipo de público, desde o principio cando se creou a serie pensouse para un público internacional. Houbo momentos nos que pensamos que se cadra aquí en Galicia, como o público da TVG está afeito a outro tipo de ficción non funcionaría tan ben. Pero a verdade é que a reposta do público foi sorprendente: a serie gustou moitísimo aquí e demostrounos que si que se demanda este tipo de contido tamén en Galicia. Certo é que é unha serie moi dura, que non é para todos os públicos pero si que hai unha audiencia á que lle gusta ver isto. Recibo moitas mensaxes de xente nova, sobre todo rapazas fans da serie, xente que nunca vira a TVG e que a viu por primeira vez con esta serie despois de engancharse en Netflix. Pode que este non sexa o público maioritario da Galega, e se cadra non o é porque tampouco se xera contido para eles. Habería que seguir probando e arriscando, porque o público está aí.

Fálase da auxe do 'Galician Noir' nos últimos anos. Parece que se puxo de moda facer thriller e ademais coa Garda Civil de protagonista. Realmente Galicia é tan noir?

Eu quero pensar que non (ri), pero si que coincidiu unha etapa de moita emisión de thrillers, para min xa era un pouco demasiado. Tristemente os temas que tratamos nas Margaridas parten da realidade. A prostitución, as drogas, a violencia, a trata de menores... acontecen en moitos lugares do mundo e tamén en Galicia, só que moitas veces preferimos mirar para outo lado. Mais só hai que ver as noticias nos xornais. O equipo de guionistas da serie baseouse en feitos reais que pasaron aquí perto, en casos que lles contou xente da policía sobre prostitución e trata, para crear a ficción. Eu para preparar a miña personaxe tamén me informei moito cos guionistas, había moitos temas que descoñecía e que aprendín coa serie. Moitas secuencias foi moi difícil rodalas, para min máis sendo nai de dúas nenas. Saber que isto pasa na realidade para todo o equipo técnico e artístico foi duro.

"Recibo moitas mensaxes de xente nova, sobre todo rapazas que son fans da serie, xente que nunca vira a TVG e que a viu por primeira vez con esta serie despois de engancharse en Netflix. Habería que seguir probando e arriscando, porque o público está aí."

Que supuxo para ti a personaxe de Rosa Vargas?

Rosa Vargas é un antes e un despois na miña carreira como actriz. Foi a mellor personaxe que puideron regalarme ata o momento. Por outro lado foi un reto moi importante facer unha personaxe complexa que ademais nesta temporada empeza a ter esquizofrenia, manía persecutoria... foi moi complicado pero goceino moitísimo. Por outro, tiña moitas ganas de romper con estereotipos, de dar un paso máis alá e de poder facer unha personaxe que non estivese tan pegada ao meu fisico. Nese sentido gustaríame que personaxes coma esta tamén axudasen a abrir as oportunidades para as miñas compañeiras actrices. É importante demostrar que pode haber unha protagonista muller sen ter que ter un prota masculino ao lado, que a personaxe feminina non ter por qué ter ningunha historia amorosa con outro para que a serie triunfe... Ao final a xente valorou que Rosa Vargas non se liase con ningún tío, iso normalmente non pasa.

Vanesa Viaño, Dalia a modista, Rosa Vargas... dánseche ben as personaxes atormentadas?

Todas as personaxes para seren interesantes teñen que ter o seu punto débil e o seu propio tormento. Se cadra Patri n’O Faro, que era unha serie diaria, era unha personaxe máis doada, mais parecida a min. Logo historias como a de Vanesa Viaño, incluso a de da Dalia... para min canto máis complexa sexa a personaxe mellor, como actriz máis terei que investigar na miña parte emocional, será máis reto e mais aprenderei. Pero tamén me gustaría moito probar a facer comedia, que me parece un dos rexistros máis complicados. Creo que é o que me queda así por probar. A verdade é que tiven sorte na miña carreira en poder facer personaxes diferentes.

Esas personaxes contrastan coa imaxe que dás nas túas redes sociais, moito máis luminosa e cercana. Como te animaches a crear o teu propio canal de comunicación?

Iso é algo que me di moita xente: co sorrinte que ti es, que raro é verte así n'O sabor das margaridas. Mesmo xente que me coñecía e que empezou a ver a serie aínda tardou en decatarse que era eu a protagonista. Para min que me digan iso é un regalo, quere dicir que está ben interpretado e que non asociou o personaxe de Rosa con María, porque non se parece en nada a min. Nas redes é moi diferente, porque me mostro tal como son. Sería imposible que fose doutro xeito porque ao final estou publicando todos os días e aí vese como es ti. Si que é certo que sempre intentas mostrar as cousas bonitas, as cousas boas, non tanto as miserias. Aínda que como mamá tamén é importante ser honesta e compartir co resto das nais experiencias persoais, algo que a xente agradece moito. Ademais tamén son presentadora, moita xente coñecíame de Luar, por exemplo, e aí si que se vía máis tamén como son eu, moi diferente á Rosa Vargas das Margaridas.

© @socramphotophobia

Desde moi cedo na túa carreira fuches consciente da túa imaxe e de como querías proxectala. Agora coas redes sociais é moi normal que as actrices traballen a súa imaxe directamente, pero ti niso fuches case pioneira en Galicia.

Cando empecei en Matalobos tiña medo de que a xente me encadrase aí para sempre, tanto no profesional, facendo só ese tipo de personaxe de muller fatal, como a nivel persoal, porque era unha personaxe moi dura e mala. As poucas veces que saía de noite era terrible, a xente pensaba que era como Vanessa Viaño, acercábanse a min de forma moi pouco educada e tratábanme coma se fose a personaxe. Tiven aí unha época que me daba un pouco de medo iso, non sabía como podía evolucionar, porque ademais a serie tivo moitísimo éxito. Entón tiven que buscar formas para darme a coñecer doutra maneira e mostrar outra cara.

E así creaches a túa marca, por así dicilo.

Si, en canto fun consciente de que as redes eran o instrumento ideal para facelo. No mundo no que vivimos se non tes redes parece que non existes. Para min foi prioritario manter unha web e redes actualizadas para estar en contacto cos seguidores a nivel profesional e mostrar o meu traballo, para promocionalo e que se vise mais. A partir de aí, vendo a resposta da xente, xa fun compartindo un pouco máis a nivel persoal e metín a miña historia coa maternidade. Tamén porque cando fun nai as oportunidades de traballo reducíronse bastante, tiven moitos nons en proxectos por iso. Daquela vin nas redes un sitio onde poder mostralo e onde compartir as miñas preocupacións como nai. Así creei a canle de Youtube, que agora pasou a IGTV porque se ve moito máis.

Foi cambiando tamén co tempo o teu público?

Si que cambiou. A xente que xa me seguía desde Matalobos permanece aí, pero apareceu público novo, tal vez máis feminino, pois polo tipo de contido que fago hai moitas nais que me seguen e que ao mellor non me coñecían de antes. Expandiuse o rango de público que tiña, tamén en idade.

Tamén se expandiría xeograficamente grazas a Netflix.

É unha pasada. Chéganme unha chea de mensaxes de todo o mundo, por exemplo pedíndome que faga contido en inglés, ou en castelán. Eu contéstolles en inglés pero defendendo o galego sempre. Para min é moi gratificante ver que xente de outra punta do planeta está coñecendo un novo idioma que nin sabía que existía. Ata seguidoras da India me teñen dito que lles picou a curiosidade e que queren aprender o galego. Chámame a atención que a xente doutros países non me pon ningún problema por falar en galego, faino moito máis a xente de aquí que a de fóra. Valoran coñecer un idioma novo, danme os parabéns dende outros puntos do planeta e iso é marabilloso, danme ganas de seguir facendo contido en galego todo o tempo. Aínda que siga habendo xente, sobre todo de aquí, insistindo en que faga contido en castelán.

"Cando fun nai as oportunidades de traballo reducíronse bastante, tiven moitos nons en proxectos por iso. Daquela vin nas redes un sitio onde poder mostralo e onde compartir as miñas preocupacións como nai".

Agora tes máis de vinte mil seguidores en Instagram. Considéraste unha influencer?

Ai, esa palabra... Non me quero identificar como influencer, a verdade. Polo meu traballo pode que sexa máis coñecida que outra persoa normal con Instagram, e que a xente teña máis interese en min. Pero máis nada ca iso. Non creo que sexa influencia de nada nin moito menos. Está claro que sendo un personaxe público chegas a máis xente, ou podes dar algo de exemplo e mostrar algo máis, sabendo que a túa publicación vai ter máis alcance. Pero influencer non.

De todos xeitos deben ser xa moitas as marcas que contactan contigo para colaborar e promocionalas. Como levas ese tema?

Non creas que me chaman tampouco tantas. A min gústame ser fiel ao que eu son, ao meu estilo de vida, e mostrar sempre cousas de verdade. Moitas veces coas influencers non é así, promocionan algo un día porque lles pagan e acabouse. Eu as marcas coas que colaboro intento que sexan sempre marcas que cadren co meu estilo de vida, que poida defender e que crea nelas. De feito coas que traballo fágoo sempre a longo prazo, para que os seguidores vexan que é de verdade o que lles estou dicindo. Non poñer un día unha foto cun bolso e xa está. Eu quero que vexan o que hai detrás: que ese bolso está feito a man, que ten unha historia detrás... tiro moito por marcas que sexan galegas e tamén quero compartir cousas de estilo de vida saudable, que vaian 100% coa miña maneira de coidarme e cos meus valores. Por exemplo, agora con todo o tema da pandemia o pequeno comercio viuse moi resentido, e houbo varias marcas que acudiron a min para que lles axude a promocionarse. En breve vou iniciar un proxecto con elas para dar a coñecer produtos de roupa ou limpeza galegos que pouca xente coñece e que se poden mercar por internet sen ter que ir ás multinacionais de sempre. Se podo, para min é un pracer compartir iso e botar unha man.

Cales cres que son os valores que se asocian á túa imaxe?

Son unha persoa, normal, natural, sinxela, humilde, traballadora, que valoro moito a miña terra, a miña lingua. Respecto ás marcas, o meu criterio para traballar con elas son que pensen moito no medio ambiente e que sexan marcas galegas, ou produtos feitos en España polo menos. Que teñan valores de responsabilidade co mundo no que vivimos. E sendo nai aínda mais: intento sempre compartir publicacións que falen de crianza positiva e respectuosa, que é como eu trato de criar as miñas pequenas. Sen dar exemplo de nada pero si compartindo cos demais a miña idea de crianza para por se outras nais se senten identificadas ou lles pode servir de axuda.

Sénteste soa ou rara facendo isto? Quero dicir: no mundo dos contidos de moda, beleza e estilo de vida, por facelo en galego; e no mundo do galego, por facer contidos de beleza, moda e estilo de vida.

Agora que o dis, nunca o pensara pero si que algunha vez por certos comentarios... si que é verdade ninguén fai isto. Chámanme moito a atención comentarios da xente co tema do galego, non entendo por que que tanta xente me pide que o faga en castelán ou ao contrario, por que valora tanto que o faga en galego. Para min é algo tan normal e tan natural que ata me doe en certo modo que mo agradezan ou que se vexa raro. Todo o mundo debería facelo: se te expresas en galego na túa vida normal por que non o vas facer nas redes?

Quizais é polo tipo de temas que tratas. Máis que raro é novo que se fale diso en galego e en internet.

Si que é novo, e sempre recibo os típicos comentarios 'aconsellando': se o fas en castelán vas chegar a máis público. Pero o meu público está aquí, eu son galega. Onde quero que chegue o meu contido é aquí. Se hai outra xente de fóra que me ve e lle gusto vaime ver igual. Eu non busco ter cen mil seguidores, ou que me chamen determinadas marcas. Só quero mostrarme tal e como son. A xente dá por feito que tes esa ambición de querer chegar mais lonxe, de ir traballar a Madrid... e eu non, se teño traballo aqui non quero ir a ningún lado. Para min sería un esforzo grandísimo ter que ir traballar lonxe da miña terra. O privilexio é poder traballar aquí do que me gusta. Ademais mira, agora mesmo estanme vendo por Netflix en todo o mundo e non me movín de Galicia. Para que teño que ir a Madrid?

Lembro hai anos cando daba clase de patinaxe a nenos pequenos e substituín unha profesora un tempo nun colexio de Santiago. Entrei no pavillón e empecei a dar a clase en galego e o primeiro que dixeron dúas rapazas de 6 ou 7 anos foi "Guau, está hablando en gallego, habla como mi abuelo!".

Botas de menos máis contidos de 'estilo de vida' na nosa lingua? Que che gustaría ver?

En galego gustariame ver todo. A xente debería animarse a facer calquera tipo de contido en galego. En materia de moda, beleza ou estilo de vida hai moi pouco e a verdade é que aquí temos marcas boísimas de roupa ou cosmética. Eu doulle voz a algunha delas e estou moi contenta de poder facelo. Tanto coas marcas como coa resposta da xente, que non as coñecía e descóbreas por primeira vez cando lles falas delas. É moi satisfactorio poder facer de prescritora e de conectalas co público.

Notas que as marcas están mais favorables ao galego que antes?

Coas que eu traballo si, eles están moi contentas coa resposta dos meus seguidores. Pero supoño que a maioría aínda se guían por outros parámetros, e prefiren ver que un perfil ten 80 mil seguidores, aínda que sexa comprados, e que traballen en castelán. Porque publicar en galego... quen vai entender iso. Hai moito que facer por aí, para que o mundo das marcas ou a mesma sociedade non asocie determinados temas unicamente co castelán.

Cres que o problema da lingua pode ter unha vertente de xénero?

Non o sei, penso que a día de hoxe tanto as mozas como os mozos si que sonon algo reacios ao galego. Non sei se as mulleres máis. Aínda que si que me pasou hai anos, cando daba clase de patinaxe a nenos pequenos e substituín unha profesora un tempo nun colexio de Santiago. Entrei no pavillón e empecei a dar a clase en galego e o primeiro que dixeron dúas rapazas de 6 ou 7 anos foi "Guau, está hablando en gallego, habla como mi abuelo!". Eu quedei a cadros con esa reacción. Díxenlle "pero ti entendes o galego, non? Pois imos seguir en galego". Cos nenos pequenos é así, eu xa o vexo coa miña filla maior, que na casa fala o galego perfecto pero no cole todos falan castelán e ela acábase tamén contaminando. Quere ser coma as amigas e acaba respondendo en castelán na casa. Sei que ela de maior acabará falando o que queira na súa vida, pero para min é moi importante que saiba falar galego, é unha responsabilidade que eu teño como nai. E é un valor que sei que a longo prazo vai agradecer.


 

María Mera participa no ciclo ‘En3vistas’ organizado pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra. Este venres estará na Praza da Peregrina ás 18h conversando sobre lingua coa dramaturga Gena Baamonde. 

© En3vistas
María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Tamén che interesa

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.