Gena Baamonde: “Para min a arte é política”

Falamos coa actriz, dramaturga e investigadora Gena Baamonde sobre a súa traxectoria, a reivindicación da muller nas artes escénicas, a importancia da visibilización da diversidade sexual e sobre a situación da escena galega actual.

 

Chámase Gena, de Eugenia, aínda que lle gusta que a chamen "mullerona". Este alcume xurdíu do espectáculo homónimo creado para a súa compañía María a parva (fundada no 1999, xa inexistente) e dende aquela non se separou del. A súa vinculación ao Teatro Galán e ao festival de danza En Pé de Pedra; as súas colaboracións con compañías como Disque Danza, A Artística ou Voadora; as súas asistencias de dirección e dramaturxia para o Centro Dramático Galego (CDG)... o currículo de Gena é moi amplo, leva máis de 30 anos traballando nesta profesión. 

Aos 18 anos deixou a súa Ribeira natal para comezar a estudar Historia da Arte en Santiago de Compostela. Foi alí onde, a través dun casting no que se buscaban intérpretes sen experiencia, coñeceu a Ana Vallés e Baltasar Patiño de Matarile Teatro. Xurdíu así o frechazo. Atopou o seu medio de expresión, a súa propia forma de estar no mundo e, sobre todo, de botar luz sobre certas temáticas que normalmente fican na sombra como a reivindicación da muller nas artes escénicas e a visibilización da diversidade sexual.

Nos últimos anos foi galardonada co premio María Casares 2018 á mellor dirección por Elisa e Marcela, espectáculo sobre o primer matrimonio entre mulleres do que se ten constancia no noso país. Ademáis, participou como directora na produción do Centro Dramático Galego, Neorretranca e posmorriña (2019), unha proposta escénica estruturada ao redor da identidade galega. Actualmente continúa traballando en dous proxectos dentro do colectivo Vacaburra xunto a bailarina Andrea Quintana ·La variopinta·. Por un lado, Metodologías Carroñeras para Cuerpos Invertidos, unha conferencia/performance baseada na súa tese doctoral  Sexualidades des-xeneradas na práctica escénica contemporánea; e, por outro lado, O raro que bailar sexa raro, un solo de danza onde se pretende facer fincapé na danza contemporánea, e do que acaba de comezar o proceso de investigación. Para este outono agardamos poder vela con Matrioshka Teatro  nun espectáculo chamado Comando Comadres

Espectáculo ‘Neorretranca e Posmorriña’ dirixido por Gena Baamonde para o CDG. © Damián Varela

Levas máis de 30 anos adicándote a isto. Pensas que experimentaches unha evolución, un cambio, dende o teus comezos? 

Claro, evidentemente. A min unha das cousas que máis me gustan da nosa profesión é que esixe que esteas continuamente aprendendo porque ademais cada proxecto, cada espectáculo vai ser un mundo. Esas cousas inevitablemente fan que cambies.

Se tiveses que citar dous referentes, dúas influencias que te marcaron na túa forma de traballar ou algún mestre, a quen citarías?

Coma sempre serían mestras, porque recoñezo que foron as que máis me influenciaron. Eu comecei con Ana Vallés, unha artista incrible cunha enorme sensibilidade. Foi unha gran mestra para min e ségueo a ser. Outra é Dorotea Bárcena, unha muller importantísima para o teatro galego. Na miña opinión é unha muller que tiña un discurso claramente feminista, e naqueles anos! Penso que por ese motivo foi bastante maltratada. Eu nunca vou cansar de reivindicala.

'Café Acústico', de Matarile Teatro (1992). © Xoán A. Soler

 

En canto á realidade escénica galega, en que punto se atopa? Es positiva?

Penso que actualmente temos algunhas das mellores condicións. Digo das mellores sen restar importancia ao anterior… o que houbo antes foi moi necesario, con compañías que seguen a dar un exemplo de vida continua coma Sarabela Teatro, Chévere, Matarile... mais agora mesmo hai novas xeracións que veñen súper preparadas… hai moitísima calidade a nivel de performance, de danza contemporánea, de mistura. Hai un nivelón e ás veces dá pena que aquí se coñeza tan pouco, porque case se coñece máis fora. Estamos nun moi bo momento malia que dende as institucións se esté intentando desmantelar, por exemplo, o sector da danza con todo o que esta a pasar co Centro Coreográfico Galego… se xa as artes escénicas parece que somos as irmás pobres da cultura, a danza contemporánea é xa inexistente, e non pode ser. 

Por que cres que a danza é considerada como un xénero menor e se lle dá menos importancia por parte dalgúns sectores? 

Eu creo que seguimos vivindo nunha sociedade que aínda lle ten moito medo ao corpo e que despreza todas as linguaxes que veñen do corpo… tamén me resulta curioso que non se poida falar da danza sen falar das mulleres. A importancia que teñen as mulleres na danza non a poden esconder, iso si que non, e qué curioso que sexa a arte máis desprezada...  Para min, claramente, esas dúas son algunhas das razóns.

Unha temática recorrente na túa traxectoria son as sexualidades fóra da norma. Cando e por que comezaches a interesarte por este tema?

Principalmente por historia persoal. Igual que ás mulleres non nos nomean, non existimos, non estamos, tampouco se nomea nunca a diversidade sexual. Por exemplo, no cole cando se fala de Lorca terán que dicir que unha das razóns pola que o mataron foi por ser homosexual, e case nunca fan referencia a iso. Isto tamén é importante porque é un motivo vital e de análise da súa obra. É curioso como esas cousas sempre se ocultan… E nas artes escénicas contemporáneas todos somos súper modernos, pero logo seguimos exactamente igual: sae unha muller con tacón pintadiña, sae un home e son parella, non hai máis lecturas. Hai que romper con iso. O mundo é outro e o mundo é moi diverso . 

Parece que cada vez hai máis compañías interesadas en transgredir os estereotipos de xénero. Por exemplo Voadora ou Xarope Tulú, as dúas contaron co teu asesoramento en temáticas trans e de diversidade para os espectáculos Soño dunha noite de verán e Nómades, respectivamente. Pensas que imos no bo camiño para combater a heteronormatividade ou aínda queda moito traballo por facer?

Realmente imos en moi bo camiño. Eu sempre nomeo Testosterona de Chévere (2009), que é un dos primeiros espectáculos en Galiza que comezou a falar de todo o queer. A día de hoxe penso que hai bastantes espectáculos que están a tratar o tema: están Davide González e Vanesa Sotelo co seu espectáculo Microspectivas dun marica millennial (cía. Incendiaria), que ten unha pintaza incrible. Para min o importante tamén é que todas as compañías que falan disto o fagan dende un punto de respecto, de coñecemento. Eu non creo que teña que facelo só xente do colectivo LGTB+, pero si que creo que hai que asesorarse. 

Dicías no 2018 nunha entrevista en El Progreso que “as artes escénicas son linguaxes poderosísimos para transmitir coñecemento”… poderíase dicir que, a hora de tratar temas coma o da sexualidade ou o do feminismo, concibes tamén as artes escénicas como unha ferramenta reivindicativa, como algo político?

Evidentemente. Para min a arte e política, as veces ten unha linguaxe máis directamente política e reivindicativa e outras veces vai por debaixo, por outras capas. Pero é evidente, ti estas a facer política no momento no que estas a escoller unha temática, un discurso, cando estás a facer unha dramaturxia.

Metodoloxias carroñeiras para corpos invertidos, é unha tradución á linguaxe escénica do teu proxecto académico Sexualidades dexeneradas na práctica escénica contemporánea. Por qué esta necesidade de levar, dalgunha maneira, a túa tese ao escenario?

Eu creo que de verdade as artes escénicas son moi poderosas. Considero que vai chegar mellor ao público a parte máis escénica que se me coloco diante da xente e empezo a ler os meus folios. Cando estás a facer investigación ou estas metida no ámbito académico ás veces parece que a academia pode contigo. Se son de escénicas, como me vas prohibir que presente a miña tese con linguaxe escénica? Eu vouche dar o tocho teórico que queres que estea aí para comprobar que me matei a traballar todos eses anos, pero despois podo presentalo dun xeito mais didáctico, máis achegado á miña linguaxe, ás linguaxes escénicas.

Esta conferencia/performance  foi o resultado dun proceso de investigación no Vello Cárcere de Lugo dentro das Residencias Paraíso do colectivo RPM e Agadic. A pasada fin de semana, dentro da XIX edición do Ciclo V.O. (Versión Original. Escena y pensamiento queer), organizado DT Espacio Escénico, presentaches esta proxecto nun novo territorio, o ciber-escénico. Como foi adaptarse ao universo online á hora de performar?

A verdade é que foi moi curioso porque para min é bastante estresante, para min a tecnoloxía é algo que vén de fóra que non podes controlar. Eu son da carne, do diálogo e do directo, mais recoñezo que a tecnoloxía é unha ferramenta moi poderosa e que a nivel artístico ten moítisimas posibilidades. É unha linguaxe  que debemos aprender a manexar,  porque ás veces o problemático vén cando negas que existe a tecnoloxía. E coidado con negala porque podemos perder un sector moi grande da poboación, a xente nova.

No 2018 gañas o premio María Casares á mellor dirección pola obra Elisa e Marcela da compañía A Panadaría en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG). Nela fálase sobre o primeiro matrimonio homosexual do que se ten constancia no noso país, en 1901.  Agardabas o éxito de público?

Creo que é unha das cousas das que estamos mais contentas é de como foi aceptada polo público. Parece que determinados temas do colectivo, como a diversidade sexual, son só para o colectivo e non o entendo, non ten moita lóxica.  Hoxe en día non debería haber espectáculos solo para gais... Unha das cousas que máis me afectou é que indo a institutos algunhas rapazas se achegaban despois da función a dicir grazas porque necesitaban iso, xa que no seu instituto moita xente se metía con elas. Segue a existir discriminación, sobre todo nesas etapas nas que as rapazas e rapaces non poden mostrar a sua identidade como queren. Iso continúa a pasar e cremos que non, o que tamén é un perigo. Hai moitisimas persoas que seguen a ter problemas para falar abertamente da sua sexualidade nos seus círculos.

Cres que o éxito da obra radicou na decisión de tratar o tema dende a comedia?

Eu dende o inico, falando con elas (co elenco d’A Panadaría) dicía que se tiña que tratar dende o humor. Si, claro que hai esta cousa de que todo o mundo quere buscar o drama. Eu non digo que non o haxa, evidentemente. Seguro que pasaron cousas terribles na súa vida, pero seguro que tamén houbo moito amor, diversión, peripecias… Para min o humor está sempre, incluso no drama e nas cousas mais dramáticas. Esta ahí sempre, e para min e moi importante que estea. 

Entre as sexualidades habitualmente invisibilizadas atopamos a das mulleres lesbianas, incluso dentro do colectivo LGTB.

Para min seguimos, mesmo dentro do colectivo, cunha ollada tan do binomio… hai aínda esta idea da masculinidade e da feminidade, por iso moitas das lesbianas masculinas seguen sen ser aceptadas. Seguimos nun mundo heteropatriarcal e machista, e se es muller e só estás con mulleres ou principalmente con mulleres (porque o concepto de lesbiana para min é moi amplo) iso é un posicionamento politico moi forte, estás a dicir que non precisas os homes, algo moi castigable como sempre o foi. Unha das ferramentas máis importantes que tivo sempre o poder heteropatriarcal foi invisibilizar, e iso séguese a facer hoxe en día. As lesbianas non existimos, non practicamos sexo, somos amiguiñas, e iso é algo que segue ahí. Se esa invisibilidade segue existindo, incluso dentro do colectivo LGTB+, é principalmente polo machismo.

 

 

Gena Baamonde participa no ciclo ‘En3vistas’ organizado pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra. Este venres estará na Praza da Peregrina ás 18h conversando sobre lingua coa actriz María Mera. 

© En3vistas
Adela Bértolo

Adela Bértolo

Adela Bértolo (1985, Pontevedra) é xornalista especializada en cultura, reporteira de TV e actriz. Compaxina a súa paixón polo xornalismo coa súa faceta de improvisadora teatral e monologuista de Stand Up Comedy.

Máis En3vistas

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.