Dépor ABANCA. A cara B das Nosas

Diversidade, igualdade, dereitos profesionais… O Dépor ABANCA está amosando moito máis valores, se cabe, dos que desprega no terreo de xogo, onde afianza en cada partido as posicións altas da táboa da Primera Iberdrola. O mellor rexistro da historia para un conxunto recén ascendido, por certo. 


Tras a súa creación en 2016, o Dépor feminino medrou progresivamente ata chegar á máxima categoría do fútbol español. Ademais dos resultados deportivos, agasállanos cunha inmellorable repercusión social: desde as propias xogadoras, que participaron por primeira vez nunha folga histórica, ata un campo de Abegondo cheo de bancada a laterais dun público ben heteroxéneo; pais e nais con fillas, señores, señoras, parellas coa bandeira LGTB, grupos de colegas onde o bo rollo e o respecto son parte do xogo. 

Este hype parte do propio vestiario, formado por unha mestura de veteranía e xuventude, culturas diferentes e loitas polos dereitos profesionais e humanos. Achegámonos á cidade deportiva de Abegondo para coñecer a cara B d’#AsNosas. E falamos con cinco expoñentes desta realidade dentro do Dépor ABANCA: Míriam, Tere Abelleira, Alba Merino, Maya e Gaby.  

 

MÍRIAM. Deportivistas, quen teña honra, que me siga!

  • Nome: Míriam Ríos Barreiro
  • Data de nacemento: 2/12/1987
  • Procedencia: A Coruña
  • Posición: Central
© Xabier Martínez

Fuches a María Pita que protagonizou a campaña de socios 2019/2020 do Dépor. Como viviches interpretar a heroína da cidade?

Comentáronme a idea desde o club e quedei impresionada polo que significa María Pita para a cidade. Aceptei de cabeza porque o primeiro que pensei é que se ía converter nunha promoción e visibilidade total para o fútbol feminino. Á marxe de que as miñas compañeiras me vacilasen, debo dicir que ninguén me recoñece pola rúa.

Como chega unha rapaza da Coruña a cumprir o seu soño de xogar no Deportivo cando aínda nin existía conxunto feminino?

Levo xogando como federada desde 2007 nas bases do Orzán. Sufrín un parón de dous anos por unha lesión de xeonllo, pero podo decir que levo toda a vida vencellada ao fútbol. Ademais, son deportivista desde que nacín, así que no momento que se fixo o feminino eu quería estar, tiña que pelexar aínda que fose ese primeiro ano. Cando tiven a oferta para continuar nin o dubidei. Xogar coas túas cores, co escudo, vivir estas instalacións… é impagable. 

Como estás a vivir esta acollida na máxima categoría? Vese na final dos partidos que quedades un bo anaco de tempo coa afección falando, tirando fotos…

Xa na fase de ascenso tiñamos clara a idea de encher Abegondo. En cada partido está a bancada repleta e a afección dá o seu apoio cando as pernas non funcionan. Isto supón un orgullo e unha responsabilidade. Como estou estudando para mestra levo a educación no sangue, encántame traballar coa rapazada e reparo moito na transmisión de valores. No primeiro partido tirei media hora con fotos, autógrafos… penso que é unha forma de agradecer o apoio e ser coherente: se quero que haxa nenas que xoguen a este deporte debo estar con elas, que vexan o que loitamos para que se poidan dedicar a isto.

Falando desa loita, a finais de 2019 todas as xogadoras da Primera Iberdrola convocastes a única folga da historia do fútbol feminino. Que repercusión vai ter este fito?

Agardo que se solucione e que non teñamos que voltar a tomar esa medida. Para nós non resulta agradable porque amamos este deporte e queremos practicalo, e para poder facelo queremos eses dereitos e, por suposto, deberes. Logramos moitos avances nos últimos anos: antes eu pagaba por xogar, agora cobro por xogar. Ademais, o Dépor non é dos equipos peor posicionados para cumprir eses mínimos que esiximos.

Desde a túa experiencia, como evoluciona o fútbol femenino?

Agora hai unha explosión e hai un montón de equipos. Como anécdota, cóntovos que cando fora adestradora dos equipos de sub-15 e sub-12 da Coruña alucinaba coa cantidade de nenas que estaban xogando. Isto vai a máis. Iso é grazas á visibilidade, a que haxa referentes mulleres. Eu teño un referente home porque non había na miña época. Esa visibilidade fai que as nenas xoguen e que os pais apoien. Imos en bo camiño.

Para lograr esa visibilidade sería mellor xogar en Riazor?

Temos que entender que non é o mesmo estar en Abegondo con 2.000 persoas que en Riazor coa mesma cantidade de xente. No partido da selección española feminina -maior rexistro histórico- só se encheu o primeiro anel, e non se ve o que se vive en Abegondo. Seguramente haxa algún partido en Riazor, algo moi sinalado, e para iso hai que atraer xente: xerar moita publicidade, agasallar entradas a equipos e unha campaña moi potente para encher os máis de 30.000 asentos.

Podemos soñar con chegar algún día a esas cifras do masculino?

Creo que si, o que pasa é que imos pouco a pouco xerando expectación. No caso do Dépor ABANCA estamos conseguido algo moi difícil: encher Abegondo no cuarto ano de existencia. Considero que a Primera Iberdrola é un espectáculo que vai enganchando cada vez a máis xente.

Agora que estás na túa madurez profesional no deporte, como combinas estudos e traballo? Que acabará pesando máis no futuro?

Agora mesmo traballo, estudo e adestro. O ano pasado tiña catro traballos, agora relaxei porque o corpo o necesitaba. Quédanme poucos anos xogando ao fútbol, estou cumprindo moitos soños pero sei que queda pouco e que teño que prepararme para o futuro. As mulleres non podemos vivir do fútbol, por iso estou estudando para ser mestra de Educación Infantil, e se podo rematar a miña carreira como técnica, estupendo. De feito, son adestradora a nivel 2 federativo, terei o título nacional e académico. Quero seguir no mundo do fútbol, é a miña forma de permanecer vencellada, e se pode ser neste club mellor que mellor. De pequena dixen que quería xogar no Dépor e así ocorreu.

 

TERE. A herdeira do fútbol e dos valores modernos

  • Nome: Teresa Abelleira
  • Data de nacemento: 9/1/2000
  • Procedencia: Pontevedra
  • Posición: Centrocampista
© Xabier Martínez

Practicaches fútbol sala, atletismo… e ao final quedaches co fútbol. Que che dá esta disciplina?

O fútbol proporciona momentos que non vas esquecer nunca: o respeto no vestiario, aprender a conciliar coas compañeiras… destacaría a visión de grupo sobre todo. O Dépor, en concreto, está brindándonos opcións desde que cheguei ao club. Ofrecéronme contrato profesional, a oportunidade para seguir medrando e os mellores medios á nosa disposición. Cada ano ves que dan un paso máis en canto a campo, recursos… e os equipos que veñen de fóra notan isto.

Como se asimila estar nas primeiras posicións na táboa?

Ninguén o agardaba pero… se o pensas dis: e por que non? Hai moito traballo detrás, somos un grupo moi unido e completo; merecémolo aínda que sabemos que debemos seguir traballando.

Precisamente, sodes un vestiario no que se combina veteranía e mocidade. 

Sí, e aprendemos moito entre nós. Logo atopas cualidades que non teñen que ver coa idade: por exemplo, de Alba Merino -a máis veterana como profesional- vemos que é a máis espelida. Xúntanse as ganas das maiores por non rematar a súa carreira e a ilusión das pequenas por querer chegar a ser alguén dentro deste deporte.

Soñas con xogar en Riazor?

Si, por que non? A tempada está a darse ben para disputar un partido en Riazor. Iso si, ten que haber máis demanda de afeccionados, sodes quen o debe pedir, porque se o estadio vai estar baleiro non loce igual. Estamos cómodas en Abegondo, pero Riazor sería mellor. Unha entrada como a da selección feminina (maior fito histórico con 10.444 espectadores) podería lograrse.

Énchense estadios de 2ªB e mesmo de Terceira na modalidade masculina… porén, critícase a calidade do fútbol feminino

Sábeme mal que ás veces se faga a comparativa co Dépor masculino. É o mesmo club, as mesmas cores, e tampouco considero que sexa válido dicir que xoguen as rapazas en lugar dos mozos. Hai que apoiar os dous por igual. Respecto aos comentarios sobre a calidade, penso que a técnica atópase tanto nos homes como nas mulleres, e que o físico é o único que nos diferencia polas nosas constitucións. Calquera que vexa fútbol feminino e masculino sábeo, o resto son parvadas.

Cal é a túa proxección profesional soñada?

Primeiramente, que academos os nosos dereitos. Non podemos ficar só no bum destes últimos anos. O meu obxectivo a curto prazo é consolidarnos en Primeira, algo xa medio feito. Teño un posible mundial sub-20 e ogallá estea entre as elixidas, e… quen non quere ir á selección absoluta? Son nova, teño que seguir traballando, encantaríame estar moitos anos aquí, crecendo co club. Por que non soñar con algo máis grande cada vez?

Ti en concreto estás espertando moita atención cos tiquitacas, canos… Como xeras iso no terreo de xogo?

Son accións de dous ou tres segundos, moi rápidas e que case nin reparas nelas. Sáenche grazas á confianza que tes, a que che dan as túas compañeiras, o teu adestrador… e o ambiente diario.

Xa es un referente para as nenas máis novas e mesmo para as adultas. Como vives esa vertente social do deporte?

Desde o primeiro partido contra o Espanyol alucinamos coa recepción, sobre todo vendo a xente tan metida no partido. Hai un abismo entre un público calado e un que presiona e anima. As bancadas non chegan e mesmo a afección ten que poñerse arredor do campo, seica hai que coller sitio cunha hora de antelación. Por outra parte coido que o fútbol feminino, contra o que acontece no masculino, ten a característica de que nunca vai haber xestos desagradables. Temos que estar moi orgullosas diso.

Outro motivo para estares orgullosa: en case todos os partidos en Abegondo, ademais dese ambiente respectuoso, tamén hai unha bandeira LGTB na bancada. A relación coa túa moza é pública, mais non resulta o habitual. Como podemos apostar pola diversidade sexual no deporte?

A miña relación obtivo repercusión tras unha chamada dun xornal ao ver un vídeo que colguei nas redes sociais. Por desgraza aínda segue sendo necesario publicar estas historias. Trátase como un tema tabú que non todo o mundo ve ben. Resulta absurdo, somos persoas que namoramos doutra persoa, nin do seu sexo nin do seu DNI. Gustoume que se coñecese porque aínda hai xente que non é capaz de saír do armario no seu traballo, coa súa familia… e sería estupendo se podo supoñer unha oportunidade para que máis nenas ou adultas se animen a facelo e que non lle teñan medo á súa sexualidade.

 

ALBA MERINO. A experiencia da debutante máis nova da Liga

  • Nome: Alba Merino
  • Data de nacemento: 15/5/1989
  • Procedencia: Guadiana (Badajoz)
  • Posición: Centrocampista
© Xabier Martínez

Debutaches na antiga Superliga converténdote na xogadora máis nova do rexistro histórico. Como viviches a evolución do fútbol feminino?

Comecei en 2003, cando tiña catorce anos, en Puebla (Extremadura). Agora é practicamente imposible debutar con esa idade. Gustaríame lembrar con maior precisión ese momento, xa que o vivín con demasiada naturalidade. En total, co único ano en Segunda co Dépor ABANCA, levo dezaseis tempadas. En canto á evolución, esta anécdota reflicte moi ben a situación: cando comecei a xogar pedíalle o teléfono a algún directivo para chamar aos meus pais e indicarlles o resultado. Agora poden seguirnos minuto a minuto en case todos os partidos, ben por emisión televisiva ou a través das redes sociais.

Sodes unha xeración que está vivindo grandes avances, pero tamén grandes loitas como a folga de futbolistas de finais de 2019.

Nos últimos dous anos houbo un bum do fútbol feminino e vimos que podíamos esixir os nosos dereitos. Fixemos forza presentándonos absolutamente todas á folga. É algo digno para nós, nin máis nin menos. 

E agora que a cidade deportiva de Abegondo está chea, queda pedir un espazo en Riazor?

Sentímonos moi arroupadas en Abegondo e Riazor quedaría grande. Aínda así, seguramente haberá algún partido alí e veremos como resposta a afección. Eu xogaría encantada en Riazor se tivésemos ese respaldo, o mesmo que houbo coa selección feminina absoluta.

Como pensas que se pode favorecer esa asistencia a Riazor?

Desde que se promocione ben ata que teñamos un día con sol, bos resultados detrás… e se o equipo rival resulta chamativo, coido que podería saír ben.

Nos partidos en Abegondo chama a atención a diversidade do público nas bancadas e a ausencia de insultos.

Aquí vívese como unha festa, con bo ambiente. A xente pásao ben e divírtese, é unha gozada. Cheguei a Coruña tras descender co Santa Teresa, cuns ánimos moi baixos. Vivir isto está dándome a vida: ves todo cheo, con xente nos laterais e na banda porque non se cabe nas bancadas…

E como estás vivindo na Coruña?

Agás polos corenta días que houbo seguidos chovendo… moi ben. É unha cidade tranquila, pequena e bonita que ao mesmo tempo ten de todo.

Es unha das veteranas do vestiario, graduada en Educación Primaria e cun máster en Discapacidade Intelectual. Como ves o teu futuro profesional?

Agardo xogar uns anos máis mentres as pernas resistan. Logo quérome dedicar ao ensino, así que prepararei unha oposición a non ser que dea un xiro para converterme en adestradora.

 

MAYA: A conexión Toquio-Abegondo

  • Nome: Maya Yamamoto
  • Data de nacemento: 5/2/1993
  • Procedencia: Toquio (Xapón)
  • Posición: Centrocampista
© Xabier Martínez

Levas catro anos en España. Primeiro en Valencia, logo Zaragoza e por último, na Coruña. Como se produciu ese periplo?

Si, pasei de máis calor a máis frío... En Xapón xogaba na universidade, pero quería marchar fóra do meu país. Grazas á mediación dunha amiga que traballaba en Barcelona como xornalista animeime a probar co Valencia. Tras ese primeiro adestramento xa me propuxeron fichar. Pasei unha tempada alí e outra en Zaragoza antes de chegar á Coruña.

Cal foi o cambio cultural máis salientable?

Sen dúbida, a hora da comida. O almorzó é máis ou menos igual, pero o xantar e a cea son unha loucura para min. O primeiro ano en España custoume moitísimo habituarme porque tiña que cear case ás doce da noite, despois do adestramento.

Que che parece A Coruña?

Encántame todo salvo o tempo. Alucino coa xente e a ilusión que amosan no equipo, tanto no campo como na rúa. Nótase que nos queren, paran a tirar fotos con nós, e ser conscientes de tanto agarimo fainos máis fortes.

Sabes algunha palabra en valenciano. Xa caeu algunha en galego?

Polbo, por suposto, e peixe. Dígoche que o primeiro ano en España non sabía nin unha palabra do idioma! Foi outro grande reto.

Como ves a evolución do fútbol feminino e a túa carreira profesional?

En España vívese con moita paixón, por iso quero quedar aquí, e iso que fun internacional coa selección do meu país. O nivel técnico das xogadoras evolucionou moitísimo e tamén vexo máis apoio por parte das federacións, aínda que seguimos precisando cambios a mellor.

 

GABY. 1,79 metros de goleadora

  • Nome: Gabriela Antonia García Segura
  • Data de nacemento: 2/4/1997
  • Procedencia: Tunapuí (Venezuela)
  • Posición: Dianteira
© Xabier Martínez

Es unha das maiores goleadoras da máxima categoría dentro dun equipo recén ascendido, parabéns.

Non contabamos con subir de categoría e estar tan ben na táboa. É algo que se mo tivesen preguntado ao principio da pretempada non o diría. Isto vén motivado polo traballo que estamos a facer e porque o vestiario é sólido. Síntome motivada se podo contribuír un pouco máis ao equipo cos meus goles e seguir medrando todas xuntas.

Cando descubriches que te podías dedicar profesionalmente ao fútbol?

Hai unha grande diferenza co fútbol masculino, porque case calquera xogador pode ubicarse en categorías de todo tipo. Existen poucas deportistas que poidan vivir disto, e agardo que evolucionemos a algo máis do que temos a día de hoxe.

Es internacional coa selección de Venezuela e contas cun amplo percorrido en distintos equipos. Que supón o fútbol para ti?

É parte da miña vida, o meu traballo: ao que teño que poñerlle máis empeño sendo o máis profesional posible. Un erro podería poñer en perigo o meu posto, así que trato de facer que cada día sexa mellor que o anterior.

En que vos beneficiou a folga de xogadoras de finais de 2019?

Non se falaron os puntos claros. Agardaremos a ver se cumpren todo o prometido e comprobaremos que se soluciona realmente. Aínda así, véxoo con optimismo, xa que constatamos que se todas nos apoiamos seremos máis fortes.

Como estás a vivir a acollida da Coruña co Dépor ABANCA?

Marabillosa, un soño. Cada partido hai máis persoas e isto supón un motivo para seguir traballando. Tedes unha cidade moi tranquila, e debo dicir que estou encantada coa comida, e iso que non tiña moi claro o de comer polbo polo seu aspecto, pero recoñezo que está boísimo.

Bárbara G. Vilariño

Bárbara G. Vilariño

Xornalista, seica. Nado, rodo, corro e muto entre cultureta e culturista. Foto: Xabier Martínez

Xabier Martínez

Xabier Martínez

Fotógrafo, informático, home orquestra. Teimudo. Fotografía: Romina Portela.

Tamén che interesa

  • Baloncesto. Vinte no vestiario do Durán Maquinaria Ensino Lugo

    As xogadas non son o único que protagoniza un vestiario. Oposicións, cultura senegalesa, historias de conciliación, stories de Instagram, vinte anos de aprendizaxe de valores e moito ensino… Por se aínda estás na bancada, e sen ánimos de saír á cancha, mostrámosche o que hai detrás da canastra a través do perfil de cinco xogadoras do Durán Maquinaria Ensino Lugo, equipo de baloncesto lucense na máxima categoría do baloncesto español. 

    Deporte

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.