Océano Surf Museo. Este museo virtual cóntache a historia do surf en Galicia

O Océano Surf Museo en Valdoviño é o único museo dedicado ao surf de España. Conta cunha colección permanente ben interesante, e ademais a súa web sobre a historia do surf e os inicios deste deporte na nosa terra é un exemplo de paixón e rigorosidade.

Mergullarse na web do  Océano Surf Museo é como entrar nunha biblioteca enorme dedicada a este deporte. Incluso para os neófitos no tema resulta interesantísima polo ben escrita que está, polas magníficas fotografías que contén, e polos contidos, sobre todo os dos inicios do surf, que están moi ben escollidos. Aquí nótase a man de xente que sabe sobre o tema, e que lle puxo paixón ao trasladalo a texto. E, neste caso concretamente, nótase a man de Jesús Busto, un dos surfeiros galegos máis coñecidos.

Jesús leva anos metido en canta iniciativa hai relacionada co surf en Galicia, de feito foi director do Pantín Classic, e actualmente preside o Océano Surf Club. O seu blog Desde La Croa é unha referencia. Dende hai máis de 10 anos Jesús está recollendo historias e testemuños dos pioneiros do surf en Galicia: “Eu vin que moitas desas historias íanse perder se ninguén as recollía. Algúns dos pioneiros de feito xa morreron”. Ademais das entrevistas, Jesús fixo unha labor encomiable de recompilación de documentación, e conseguiu reunir unha colección moi importante de fotografías e vídeos dos primeiros surfeiros galegos. “A intención é acabar publicando un libro sobre as orixes do surf en Galicia, pero apareceu antes o do museo, e decidín incluír na web algunha parte do meu arquivo”. 

Jesús Busto, surfeando en Doniños, retratado por Pablo López Hernández © Pablo López Hernández

Unha das funcións máis interesantes da web de Océano Surf Museo é a súa liña do tempo. A través dela podemos avanzar na historia do surf, e podemos ir vendo como era a situación en todo o mundo e, á súa vez, contrastala con Galicia, un lugar no que o surf penetrou tardiamente, ao igual que no resto de España.

A liña do tempo do surf, na web de Océano Surf Museo © Océano Surf Museo

Montenegro, Irisarri, Bremón: os pioneiros

Os primeiros surfistas galegos foron auténticos pioneiros e deles foi a tarefa de coñecer, asimilar e espallar a cultura do surf polo noso territorio. Todo estaba por descubrir e todo era novidoso. Desde o mantemento das táboas, os materiais, as diferentes técnicas, e desde logo, os mellores lugares para coller ondas. Os primeiros que practicaron surf en Galicia tiveron que aprender sobre a marcha.

Foto de Luis Bericua na que, entre outros, aparece Rufino, outro nome moi importante nos inicios do surf galego. © Océano Surf Museo

Pódese marcar como data para o nacemento do surf en Galicia o ano 1967. Félix Cueto, un asturiano que foi un dos primeiros surfeiros de España, chegou nese ano á Coruña para estudar náutica. Xunto cun amigo tamén asturiano, comezaron a surfear nas praias do Orzán, Bastiagueiro e Santa Cristina. A partir de 1969 establecen amizade con outros mozos galegos cos que empezan a surfear.

En paralelo, e sen que existise ningún contacto, na praia de Patos, en Nigrán, Víctor Montenegro viu de lonxe un estranxeiro sobre unha táboa. Iso demostraba que nesa praia se podía practicar surf, así que convenceu ao seu irmán para fabricar un trebello similar ao que viran. “O día que o probamos na praia de Samil non resistiu a terceira onda. Pero isto non podía quedar así, o veleno estaba inoculado”. Ese mesmo verán foron a Biarritz para tentar mercar un aparello dos de verdade. E de Francia trouxeron xa unha auténtica táboa de surf.

En 1970, Carlos Bremón, outro dos pioneiros, ten o primeiro contacto co novo deporte a través dun compañeiro do banco no que traballaba. A emigración sempre trouxo novidades, e no caso do surf parece que tamén foi así. “Díxome que coñecía a unha persoa que vivira en Venezuela e que trouxera de alí unha táboa, que entón repousaba na escuridade dun garaxe. Podemos pedirlla e probar! Que che parece?”. A proba acabou con Carlos Bremón dando de bruces contra area, na que foi a súa primeira experiencia co surf. Pero ao igual que con Víctor Montenegro, o mal xa estaba feito.

Carlos Bremón surfeando en Pantín en 1972. © Océano Surf Museo

Na actualidade Galicia é un dos lugares de Europa con máis posibilidades para o surf. Un exemplo é que a onda de máis altura desde que hai rexistros en España alcanzouse en 2014 fronte ao Cabo Vilán, na Costa da Morte, cando unha boia situada alí mediu 27,81 metros de altura. Pero nos primeiros anos do surf moitos dos lugares máis prezados deste deporte estaban sen descubrir, e aquí os pioneiros, tamén xogaron un papel moi importante.

Pantín e as praias dos arredores foron descubertas para este deporte de maneira case accidental por Carlos Bremón. Así aparece na web: “No verán de 1971, Bremón leva un inverno facendo surf, e decide aproveitar a ponte do primeiro de maio para facer un surfari a Tapia. De camiño a Asturias, (…) cara a Cedeira (…) ve unha gran praia na que rompen unhas ondas longas, moi longas. Detén o coche nunha curva que domina a praia e abre o capó para coller o traxe de goma. Pero que desastre!, descobre que deixou o traxe na Coruña. De todos os xeitos vístese cun pantalón de chándal e unha camiseta vella, colle a súa táboa e á auga. Correrá ondas até que a escuridade da noite llo impide. Cando sae xa non se ve nada. Despois pescudaría o nome daquela praia: Vilarube”. Un ano despois, en 1972, Bremón xa exploraría todas as posibilidades que ofrece Pantín para o surf. 

En 1972 prodúcese outro momento importante: o primeiro contacto entre os surfeiros do norte e o sur de Galicia. Na praia do Orzán, na Coruña, celébrase un campionato que serve como punto de encontro para os afeccionados galegos. 

Campionato no Orzan en 1972 © Océano Surf Museo

Unha familia que foi moi relevante no nacemento e proliferación da cultura surf en Galicia foi a familia Irisarri. Eran 13 irmáns, e deles, 7 surfeiros. O interese dos Irisarri polo surf naceu cando bateron a finais do verán de 1975 con Víctor Montenegro na praia de Patos. Montenegro empréstalles aos Irisarri unha das súas táboas e aí prendería a afección. No ano 1979, un dos irmáns, Vicente, traslada por razóns profesionais a súa residencia de Vigo á Coruña, e máis tarde a Ferrol, converténdose nun nexo de unión permanente entre o surf do norte e o sur de Galicia. Vicente Irisarri acabaría sendo alcalde de Ferrol e tería unha polémica con Núñez Feijoo cando o actual presidente da Xunta dixo nun acto de xeito despectivo que os ferroláns tiñan que escoller entre “un home que traballa polo pobo (o candidato do PP) ou un surfista”. A chegada a Ferrol de Irisarri coincide tamén coa de Carlos Bremón.

Fotografía de 1976 con pioneiros como Juan Abeledo ou Willy Reynolds. © Océano Surf Museo

A importancia dos irmáns Irisarri residiu tamén no feito de que serviron como amplificadores de todas as novas tendencias que ían aparecendo no mundo do surf. Algúns deles estudaron en Madrid e iso permitiulles entrar en contacto con toda a modernidade e todos os avances daqueles anos no relativo a moitas disciplinas, e no relativo ao surf tamén. En Madrid ademais conseguen comprar as primeiras revistas estranxeiras de surf, e en pouco tempo pasan a ser correspondentes da revista americana Surfer, situando a Galicia no mapa mundial do deporte coas súas crónicas de The Surf Report.

Carta de The Surf Report a Balbino Irisarri. © Océano Surf Museo

Outro fito importante no surf en Galicia é o nacemento da primeira tenda de surf da nosa terra, Aqua Surf, en 1986. Carlos Bremón e Laly Ortega abren esta surfshop en Ferrol, no barrio da Magdalena.

Aqua Surf en 1988. © Océano Surf Museo

Á apertura de Aquasurf e o acceso a todo tipo de materiais, hai que sumarlle a creación en Ferrol no ano 1987 do primeiro club de surf de Galicia, o Océano Surf Club. Un club que aparece grazas á iniciativa de Vicente Irisarri e Carlos Bremón. Todo isto fixo da cidade departamental a capital do surf galego neses anos. O propio Océano Surf Club organizou o primeiro Pantín Classic (fíxoo ata o ano 2007). O campionato internacional de surf xa vai pola edición número 31, é unha das probas de referencia no mundo do surf, e este ano superou a barreira dos 100 000 visitantes.

A historia do surf

Pero a web de Océano Surf Museo, tamén ofrece o percorrido pola historia do surf no mundo. Unha historia, que, segundo moitos expertos, comezou nos “Cabaliños de Totora”, unhas pequenas embarcacións que utilizaban os indios do norte de Perú para pescar, pero tamén para divertirse coas ondas do océano. A primeira referencia escrita que se ten sobre eles é de 1550, do xesuíta e antropólogo español José de Acosta, que no seu libro Historia natural e moral das Indias,  inclúe unha descrición de como se desenvolvían estes indios coas súas embarcacións. Algunhas teorías sitúan a orixe dos “Cabaliños de Totora” incluso moito máis atrás, no 1000 a. C. 

Toda a labor divulgativa desta web sostense tamén coa selección de documentos que circulan pola rede e que aquí están explicados e postos en contexto. Algúns deles son moi interesantes. Por exemplo, a primeira gravación da historia na que se pode ver xente surfeando. Foi feita en Hawaii en 1906.

Outras documentos seleccionados son moi curiosos. Esta gravación foi atopada en 2010 nun ático de Londres. É de 1920 e nela pode verse uns mozos na costa de Cornualles (Reino Unido) practicando un rudimentario surf e divertíndose. Crese que é a gravación máis antiga de surf en Europa.

O museo

O Océano Surf Museo leva aberto un ano e xa pasaron máis de 1500 persoas por el. É de balde, abre toda a semana, e pódense facer tamén visitas guiadas. Para calquera amante do surf é un lugar de visita obrigada. Ademais de explicar a historia do surf e as orixes do deporte en Galicia, conta con dous apartados moi interesantes. Por unha banda ten unha mediateca especializada en surf onde se poden consultar revistas, películas, fotografías e música relacionada co surf. E por outro lado, na colección permanente do museo, hai un espazo dedicado ao Pantín Classic, no que se poden apreciar algunhas táboas de figuras mundiais do surf que pasaron pola competición ferrolá.

 

OCÉANO SURF MUSEO

Horario:

De luns a xoves: de 12:00 a 14:00 h

Venres, sábados e domingos: 12:00 a 14:00 h e 16:00 a 19:30 h

Visitas Guiadas: 981487666 ou no correo electrónico info@oceanosurfmuseo.org 

Como chegar:

Casa da Cultura do Concello de Valdoviño, 1º andar

Rúa Gándara de Abaixo, s/n – 15552

Latitude: 43.61268 | Lonxitude: -8.14018

Matías Tarrío

Matías Tarrío

Redactor de VINTE. Gústanme os discos e as filloas con rixóns.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.