Vinte con outros ollos. Xa temos gañadoras do noso concurso de vídeo en Instagram

Co patrocinio de

Ariadna Silva, Antía Carreira, Olaia Tubío, Xía Arias e Elia Lago son as gañadoras deste certame, convocado por VINTE xunto co dominio Punto Gal.

 

O xurado do concurso “Vinte con outros ollos”, que organizan o dominio Punto Gal e mais a revista VINTE, deu a coñecer os traballos gañadores, escollidos entre un total de 35 obras presentadas, que se publicaron en Instagram na segunda quincena do mes de maio. O primeiro premio obtívoo Ariadna Silva Fernández, da Estrada, cunha peza titulada “Atila”, e os catro segundos premios foron para Antía Carreira, de Lugo, Olaia Tubío Rei, de Rois, Xía Arias Rego, de Santiago, e Élia Lago Pereira, do Porriño. 

O xurado, formado pola música Elba Souto, o escritor Jesús Castro Yáñez, o cineasta e pintor David Fidalgo Omil, a xornalista Andrea Villa Feijoo e actriz Cris Iglesias, destacou da obra gañadora a calidade técnica no seu conxunto e “a habilidade para reapropiarse da imaxinería bélica que se lle deu ao confinamento e ridiculizala, combinando humor e intimidade dun xeito que resulta cómico e familiar”. A súa autora, Ariadna Silva, obtén co primeiro premio unha cámara de vídeo GoPro. 

 

As catro obras que obtiveron o segundo premio son da autoría doutras catro mulleres, entre elas Antía Carreira, cun vídeo do que o xurado destacou o “uso evocador na montaxe da imaxe e do son e o arriscado da forma e do contido” para reflectir o tema do que trata a peza: a saúde mental e o xeito no que o confinamento lle afecta. 

Da peza de Olaia Tubío o xurado resaltou a súa sensibilidade, “que fuxe de ser efectista” e “unha ollada que consegue comunicar respecto e a dignidade de quen retrata”, así como “a fluidez na montaxe e a naturalidade do discurso, ademais dun uso nada impostado da voz en off (reflectido tamén na atención aos trazos dialectais da fala)”. 

Sobre o traballo de Xía Arias, o xurado valorou o “fiel retrato do absurdo da situación a través da lente do humor, ferramenta á que recorre con vitalidade e dun xeito intelixente, integrando música e diálogos sen pretensións nunha narrativa visual que amosa a determinación activa de facer da nova normalidade un lugar no que pasalo ben”. 

E do vídeo que presentou Élia Lago Pereira destacouse “unha composición sobria e sincera que renuncia a artificios” canda o “xeito interesante no que se desdobran os tempos narrativos da voz en off e os planos, deixando espazo a que as imaxes respiren e transmitan a sensación de espera de quen desexa os reencontros”.

As gañadoras destes 4 segundos premios levarán cada unha un bono de compra por valor de 100€ que poderán gastar nas librarías NUMAX (Santiago de Compostela), Trama (Lugo), Airadasletras (Allariz) e Libraría Paz (Pontevedra). A organización do concurso quixo así fomentar o gasto cultural no pequeno comercio, que foi dos sectores que máis perdas sufriu durante o Estado de Alarma por mor do coronavirus. 

En total foron 35 obras as que participaron neste concurso, no que se lles pedía aos participantes que publicasen un vídeo orixinal de menos dun minuto en Instagram, co cancelo #VinteConOutrosOllos. Xunto coas 5 pezas que fixeron os membros do xurado ao principio da convocatoria para animar a participación, en total publicáronse 40 obras audiovisuais inéditas con esta temática, o que conforma un interesante retrato de como a xente nova en Galicia viviu o desconfinamento, enfrontándose á ‘nova normalidade’ cunha ollada diferente. 

O xurado reunido por videoconferencia. CC-BY-SA VINTE

Relacionado

  • #VinteConOutrosOllos. Un concurso para a túa ollada sobre a ‘nova realidade’

    O dominio PuntoGal e VINTE convocan un concurso de creación audiovisual en Instagram. Co título “#VinteConOutrosOllos", consiste na creación dunha peza de vídeo inferior a 1 minuto na que cada participante nos mostre a realidade exterior cunha ollada distinta a como a vía antes. Haberá cinco premios: un agasallo tecnolóxico e 4 bonos de compra en librarías independentes. 5 creadores novos compoñen o xurado. O prazo para participar remata o 31 de maio. 

    Creación

    Co patrocinio de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.