#VinteConOutrosOllos. Un concurso para a túa ollada sobre a ‘nova realidade’

Co patrocinio de

O dominio PuntoGal e VINTE convocan un concurso de creación audiovisual en Instagram. Co título “#VinteConOutrosOllos", consiste na creación dunha peza de vídeo inferior a 1 minuto na que cada participante nos mostre a realidade exterior cunha ollada distinta a como a vía antes. Haberá cinco premios: un agasallo tecnolóxico e 4 bonos de compra en librarías independentes. 5 creadores novos compoñen o xurado. O prazo para participar remata o 31 de maio. 


As rúas, os parques, os montes, a praia, as corredoiras… estivemos tanto tempo sen eles que agora vai ser inevitable velos doutra maneira. Tamén a xente querida e as pequenas cousas que faciamos antes do confinamento. Conforme regresamos á nova normalidade, a realidade que temos diante mudou e a nosa forma de mirar tamén. Con esta premisa queremos incentivar a creación en galego na rede premiando vídeos inéditos que se publiquen no feed de Instagram entre o días 14 e 31 de maio usando o cancelo #VinteConOutrosOllos. A idea é retratar a 'nova realidade' dun xeito persoal, orixinal e diferente a como a viamos antes do coronavirus. 

Encargarase de valorar a calidade das pezas e de elixir os gañadores un xurado composto por 5 creadores galegos de nova xeración: o escritor Jesús Castro Yáñez, a música Elba Souto, o cineasta David Fidalgo Omil, a comunicadora Andrea Villa Feijóo e a actriz Cris Iglesias. Cada un deles preparou un vídeo contribuíndo a esta nova ollada e que servirá de exemplo e inspiración para todas as persoas que queiran participar. Irémolos publicando aquí e no noso Instagram nos vindeiros días. 

© PuntoGal

O concurso está dirixido a calquera persoa maior de idade, usuaria de Instagram, que queira participar publicando na súa conta desta rede social un vídeo non superior a un minuto que se axuste á temática, que utilice o galego nos textos que acompañen a publicación e que use o cancelo #VinteConOutrosOllos. 

Haberá cinco premios para os mellores vídeos. O primeiro premio consistirá nunha cámara GoPro de última xeración e cada un dos 4 finalistas recibirá un bono de 100€ para usar nunha destas catro librarías colaboradoras, todas elas con tenda online: NUMAX (Santiago de Compostela), Librería Trama (Lugo), Airadasletras (Allariz) e Libraría Paz (Pontevedra). As persoas gañadoras daranse a coñecer na primeira quincena do mes de xuño. 

Agardamos, pois, a túa creatividade e temos os nosos ollos postos no teu Instagram. 👀

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.