Vinte na rúa, con Marta Conde, de Conxenia.gal «Aposto por un deseño feito á man»

Coa colaboración de

A deseñadora gráfica Marta Conde, de Conxenia.gal © cedida

A deseñadora gráfica Marta Conde reivindica o traballo feito á man tamén para o deseño, cada vez máis dixital e con máis presenza da IA. Desde o ano 2017 colabora con múltiples proxectos comprometidos coa transformación social a través de Conxenia, a empresa que fundou como autónoma buscando xestionar o seu tempo para estar presente na crianza da súa filla. As súas influencias chegan dun paseo polo monte, do seu grupo de pandeireta ou das videochamadas con compañeiras para compartir experiencias e vencer as distancias

 

Marta Conde Domínguez (Manzaneda, 1981) formouse en Mallorca e Zaragoza e regresou a Galicia no ano 2010, pois o reclamo do Xacobeo provocou un aumento do traballo aquí para o seu gremio. Estivo en Santiago de Compostela traballando para distintas axencias ata que decidiu dar o paso de poñerse pola súa conta e montou Conxenia. «Levaba tempo pensando en facerme autónoma porque a miña maneira de ver o deseño non concordaba moito coa da xente coa que estaba traballando, e cando quedei embarazada lanceime porque me apetecía criar a miña filla con máis tempo, non ter un horario tan estrito. E traballar pola miña conta parecíame a mellor maneira de facelo, ampliando os clientes que tiña, claro, xa que daquela non tiña moitos. Por outra banda, a decisión de vir para o rural tamén foi definitiva para dar o paso porque de todas maneiras tería que ser freelance, pois non ía poder ir e vir a Santiago ou Coruña a diario desde Manzaneda», conta.

Falamos con Marta por videochamada en conexión Vigo – Manzaneda, o método que máis emprega para relacionarse coas súas clientas e que lle permite traballar con xente de calquera punta do mundo. «Non teño que estar nin en Santiago nin na Coruña, co meu ordenador e unha conexión wifi xa está», celebra. Isto é ‘un plus’ porque estar na casa, pero tamén ten unha parte un pouco máis negativa: «Ao final eu estaba acostumada a traballar en equipo, a estar entre compañeiros nun mesmo espazo de traballo cos que poder falar, porque no deseño tamén necesitas preguntar unha segunda opinión. Entón, estar sola é un pouco máis complicado nese sentido. Boto un pouco de menos tamén o networking que se crea estando entre compañeiros ou xente do sector e podes compartir as vivencias do traballo, porque realmente a maioría dos problemas son compartidos. É verdade que ás veces me sinto un pouco soa por non ter iso, aínda que sigo quedando de cando en vez en persoa coa xente, agora tamén falamos vía videochamada e está moi ben».

Traballa desde Manzaneda para o mundo © cedida

Traballa con proxectos que transforman o mundo, defenden a cultura, respectan a terra e traballan pola igualdade. «Cando comecei traballar pola miña conta colaboraba coa Coordinadora Galega de ONGs, coa que fixen xa varias campañas e editamos libros. Funme vinculando cada vez máis a este mundo e á temática máis social porque tamén me resulta moi interesante. Non hai moita xente que se especialice nisto e gústame porque o deseño gráfico non é só unha parte estética, pode servir para axudar unha persoa cunha neurodiverxencia a poder visitar un museo, por exemplo, facendo unha guía que estea acorde coas súas necesidades; ou adaptar materiais no sistema educativo para xente que ten outras necesidades. Penso que é habitual dar unha versión estética do deseño e só apreciar a beleza das cousas. A min chamábame a atención seguir por este camiño e profundar tamén na súa funcionalidade», explica.

«Gústame porque o deseño gráfico non é só unha parte estética, pode servir para axudar unha persoa cunha neurodiverxencia a poder visitar un museo»

'Feminismos no tempo', unha iniciativa das educadoras sociais Raquel Veiga, Tania Merelas e Noelia Darriba é un dos proxectos polos que podemos coñecer o traballo de Marta Conde, artífice desta baralla de cartas que recompila fitos na historia do feminismo. Colabora a miúdo co Museo do Pobo Galego e deseñou a guía inclusiva para visitar o museo para xente con autismo, que salienta que «rompe cos marcos que temos na cabeza de como ten que ser o deseño porque ao mellor o que funciona para unha xente non funciona para eles, tes que usar uns pictogramas específicos, aliñar o texto dunha maneira concreta que para outros pode parecer desordenado... É súper curioso ver como funcionan outras persoas».

«Colaboro tamén coas cooperativas de traballo social Arabías e Outonía, nas que todas son mulleres. Somos unha tribo moi grande. Outonía ademais son veciñas. Elas fan diferentes xornadas de educación e organizan obradoiros para a xente maior. A verdade é que me está funcionando moi ben o boca a boca porque se van avisando unhas ás outras e son fundamentalmente a xente coa que traballo. Para os gurús do marketing non é unha maneira estable de traballar, pero a min é o que me funciona. Desta maneira non tes unha axenda pechada na que poidas ordenar o traballo, vas máis sobre a marcha, iso si. Hai unhas xornadas para as que se aprobou unha subvención, pois aí é cando entro eu en xogo porque teñen cartos para contar comigo, por exemplo. Non me vai indo mal e como me gusta o sector no que estou, o certo é que estou encantada», agrega.

Empezou neste mundo do traballo social case por casualidade pero quedou por afinidade. «Conxenio moito coa xente co que estou a traballar e creo que tamén por iso os traballos saen adiante tan ben. Penso que quen está metido nestas cousas é principalmente boa xente. Non son os típicos altos directivos que che queren sacar horas extras de traballo, son xente que paga o que che ten que pagar e que confía no teu traballo. Nunca tiven ningún problema con ningunha clienta, síntome moito máis cómoda para crear porque sei que confían en min. Ademais, como me gustan os proxectos nos que traballo tamén me emociona cada vez que me propoñen algo. Polo de agora aínda teño a chispa activa, e iso que pasaron vinte anos desde que comecei no deseño, pero é moi imporante a nivel creativo», debulla Marta Conde.

«Aquí buscas inspiración noutros lugares»

O seu non é un traballo que se poida facer mecanicamente, necesitas certa motivación e experiencia para resolver os encargos con éxito. «Hai que estar fresca e inspirada. Eu visito moitas páxinas web de deseño a diario, estou atenta do que fan noutros países a nivel de deseño. Desde Manzaneda podo facer unha visita virtual ao Museo do Prado, pero tamén tes que ver as cousas en persoa. Internet é unha axuda moi grande, pero non substitúe o outro. Desde aquí custa todo un pouquiño máis, gustaríame que houbese un equilibrio maior porque é certo que vivindo aquí non podes saír de traballar e ir ver unha exposición. Con todo, aquí buscas inspiración noutros lugares. Pasear polo monte é moi gratificante tamén, ou xogar coa nena ás cartas. Ao mellor facer algo co que desconectar a cabeza do traballo axúdache a ter esa idea que estabas precisando. Tes que ir buscando o que che funciona», asegura.

A pandeireta é outro desafogo para a deseñadora, que xa a tocaba sendo nena e recuperou a costume durante o tempo que residiu en Compostela. Agora toca cun grupo en Manzaneda e, aínda que di que este ano lle está custando máis atopar tampo, non o quere deixar: «Entre cantar e tocar, é así como algo moi ancestral, non sei como pero desconectas. Estás aí atendendo a cantar e a zoupar, porque só te podes centrar niso, e funciona moi ben».

Deseña para a transformación social © cedida

Un dos últimos traballos de Marta é a imaxe das xornadas do grupo de investigación GENPOL da Universidade da Coruña para a reflexión arredor do xénero, a política e a participación. Un encontro que terá lugar o 15 de maio na sala Normal da Coruña cun programa cheo de mulleres que forman parte do espazo público galego e estatal. «Fixen o cartel e o programa e tamén a maquetación dos informes que van presentar», apunta. 

Gústalle experimentar cos traballos manuais e incluílos nos deseños que fai, é parte do seu selo persoal como profesional. «É que o meu ocio e as miñas afeccións tiran sempre por facer algo coas mans. Manchar cunha tinta aquí, coser alá, pegar algo como nun collage tamén me flipa porque é unha técnica súper libre na que podes inventarte novos mundos e novos espazos, reláxame moito. Estou aí coas miñas tesoiras cortando e pegando e é que me encanta. Igual que bordar. Teño que facer cousas coas mans porque me meto nunha burbulla e non me acorda nada máis», detalla. «Emprego estas técnicas para o traballo, fago texturas que logo me serven para o fondo dun cartel ou ilustrar unha axenda, como fixen coa da Asemblea de cooperación pola paz, coa que estiven traballando nun programa para erradicar o racismo das escolas», engade Marta.

«Teño que facer cousas coas mans porque me meto nunha burbulla e non me acorda nada máis»

«O deseño é unha inversión e penso que os cartos que gastas aí como empresa van vir de volta porque cunha boa imaxe de marca consegues que máis xente confíe en ti. Pero tamén entendo que é unha cousa moi intanxible e difícil de explicar aínda para algunha xente. Falta moita pedagoxía para que conten con profesionais do deseño, pero a pouco que unha empresa queira desmarcarse ten que recorrer ao deseño», salienta a ourensá.

A respecto da popularización das imaxes xeradas por Intelixencia Artificial (IA), Marta expresa as súas dúbidas sobre a legalidade de empregar o traballo de outros como base para xerar os contidos: «Non sei como vai evolucionar todo isto, pero non me preocupa moito porque fai que todo o mundo teña os mesmos deseños. Eu aposto por un deseño feito a man, específico para o proxecto en concreto para o que traballo e no que se vexa que detrás hai unha persoa e non unha máquina. Non cabe dúbida de que moita xente vai tirar da IA, pero é algo que se nota moito, fáltalle alma. O cartel do entroido deste ano da cidade de Ourense estaba feito con IA e era un disparate».

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Tamén che interesa

  • Vinte na rúa, con Daniel Bolívar, 'manitas' e escritor «Xa vou tendo tantos libros publicados como unha editorial pequena»

    «Son oficial retirado da mariña venezolana. Cando estás en alta mar, a ferraxaría queda lonxe e as cousas estropéanse igual, así que tes que apañarte co que hai a bordo e aprender a reparar o que sexa. Ésa foi a miña escola de manitas… e de moitas outras cousas». Neste novo Vinte na rúa coñecemos a historia de Daniel, que traballa arranxando cousas pola Coruña ao tempo que escribe exitosas novelas e ensaios históricos. Dúas facetas dunha vida que ben merecería un libro de seu.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Vinte na rúa, con Uxío García, polbeiro e ilustrador. «Quero ser autor de cómics, pero o polbo non me desgusta»

    Sempre lle gustou debuxar e facíao mentres na pota fervía o polbo. Uxío García Lage (O Carballiño, 2000) leva na súa historia a tradición polbeira das terras de Oseira e a faceta artística dos seus pais, ambos os dous actores profesionais. 

    Vén de rematar a súa formación en Banda Deseñada en Pontevedra e quere ser autor de cómics, pero recoñece que ir ás feiras, preparar e vender o polbo como os seus avós tamén lle chista. 

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Vinte na rúa, con Rubén López. «Se o queixo non gusta, dá igual onde vaia metido, non tes nada que facer»

    Rubén López, fillo dos fundadores, é o xerente de Lácteos Lorán, queixaría que leva 50 anos producindo e ‘inventando’ produtos lácteos desde unha parroquia de Abadín onde naceu tamén o seu mítico lema: “Con pan ou sen pan, coma queixos Lorán”. 

    Das viaxes como comercial e da distribución porta a porta nos seus inicios di que lle xurdiron as mellores ideas, como aquela de vender un queixo nun recipiente de barro e que parecía unha tolemia. “Tivemos que comprar tráilers enteiros cheos de cazolas”, di sobre unha iniciativa que segue tendo éxito. Pero a clave, aclara, é outra: a calidade. “Se o queixo non gusta, dá igual onde vaia metido, non tes nada que facer”. 

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

  • Vinte en Xinzo. De Entroido, mentres o corpo aguante

    Un ano enteiro a pensar no Entroido. Hai lugares e lugares especiais. E Xinzo é destes últimos, onde a festa do Entroido é todo. A celebración máis importante do ano para propios e achegados, que sempre recuncan na busca de troula e moitos risos...mentres o corpo aguante.

    En Vinte somos moi de festas e non nos puidemos resistir a vivir in situ o Entroido de Xinzo. No Vinte na rúa máis entroideiro falamos con María Jesús, Roberto, Alicia, Chus, Merce, Manuel e Lucas e algúns máis para coñecer e valorar unha tradición con moito futuro.

    VINTE na rúa

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.