Vinte en Xinzo. De Entroido, mentres o corpo aguante

Coa colaboración de

Unha pantalla, en Xinzo. CC-BY-SA Javi Quiroga

Un ano enteiro a pensar no Entroido. Hai lugares e lugares especiais. E Xinzo é destes últimos, onde a festa do Entroido é todo. A celebración máis importante do ano para propios e achegados, que sempre recuncan na busca de troula e moitos risos...mentres o corpo aguante.

En Vinte somos moi de festas e non nos puidemos resistir a vivir in situ o Entroido de Xinzo. No Vinte na rúa máis entroideiro falamos con María Jesús, Roberto, Alicia, Chus, Merce, Manuel e Lucas e algúns máis para nos relatar unha tradición con moito futuro.

 

 

María Jesus

Este ano vexo demasiada xente aquí. Debería de estar a cousa un pouco máis repartida. Por outra parte iso é o bo que ten a nosa vila: os veciños non nos xuntamos no Nadal, xuntámonos no Entroido.  

Son as nosas raíces.  

Xa o ves, hai tanta xente este ano que nin as Pantallas poden case pasar. Son o mellor que temos. Mira ese! Ese vai escapado delas porque anda sen disfrazar. Sabes como vai a cousa, non? As pantallas van buscando a xente que non leva disfrace para que lles paguen unha roldiña de viños. Por iso todo o mundo vén disfrazado aquí. Xa ves que hai moitas actuacións e como a xente se mete no papel. Non é como noutros sitios que pos catro cousas enriba, chámalo disfraz e xa. Aquí todo o mundo o vive e interpreta. Máis que entroido, isto é unha gran  actuación.  

Todos somos actores e actrices durante estes dias.

María Jesús, no Entroido de Xinzo. CC-BY-SA Javi Quiroga

Roberto, Alicia, Chus e Merce

Merce: Eu son de Xinzo, pero o resto non. O resto son de Ourense. 

Chus: Pero este é o mellor Entroido do mundo. 

Merce: Sen dúbida. Ti mira o ambiente que hai aquí de día. De día e de noite. Vívese o día enteiro. Xente maior, nenos, bebés…, todo o mundo. A xente de Xinzo é especial. O Entroido é a nosa tradición de sempre, e nunca vai morrer. 

Levámolo no corazón.

Roberto, Alicia, Chus e Merce. CC-BY-SA Javi Quiroga

Manuel e Lucas

Lucas: Somos Pantallas. Levamos o traxe tradicional de Xinzo. 

Manuel: Ten a máscara, unha capa, un pantalón de liño, unha caixa, un cinto e unhas polainas. E despois as vexigas, que levamos na man, e que batemos. 

Lucas: Batémolas para facernos sentir, para facer barullo e para que saiban que estamos aí. 

Manuel: As vexigas mandámolas facer. Os traxes tamén.

Lucas: E fanse aquí, na vila. Hai toda unha economía local que vive das pantallas. As costureiras fan as camisas, as vexigas xente que leva toda a vida facéndoas e as máscaras igual. 

Manuel. É traballo para todo o ano. 

Lucas: E que aquí pasámolo enteiriño pensando no Entroido. Dígocho en serio. É a nosa vida.

Manuel: O Entroido e as Pantallas: o mellor que hai. 

Lucas: Pos a pantalla, vas bailar, estas con amigos e non pensas noutra cousa. É precioso.

Manuel e Lucas. CC-BY-SA Javi Quiroga

Susana, Jose Antonio e Camilo 

Jose Antonio: somos pantallas, o disfrace típico de Xinzo da Limia. O que representa o noso Entroido e o que levamos sendo dende pequenos.  

Saímos á rúa a facer o noso particular baile e a coller a xente que non está disfrazada. Como castigo, enganchámolos, levámolos a un bar e facémoslles pagar unha rolda de viños para todos. Tamén teñen que cantar unhas cancións con nós. É un momento de confraternidade entre as pantallas e a xente.  

Camilo: Levamos toda a vida facendo isto, dende que tiñamos 5 ou 6 anos. 

Susana: Eu levo como 40 anos. Buff! (Risos) 

Camilo: Somos xente do pobo, criámonos con elas. Os nosos pais disfrazábanse, os nosos avós tamén, e agora nós e os nosos fillos. Nacemos con isto, e é unha grande sorte. Tanto Camilo coma min vivimos aquí ao lado, así que sempre estivemos no medio do Entroido. En canto escoitabamos as primeiras campás xa era en plan: “Ostras! Onde está a festa?” Levámolo moi dentro.  

Jose Antonio: Para min, acaba este ano e xa estou pensando no seguinte. Xa me tarda. Non só pola troula, senón porque moitos vivimos fóra da vila e esta é a escusa para xuntarnos. Como che dicía antes, é o momento da confraternidade -cos teus amigos, cos teus veciños- e de sentirte un pouco como cando eras pequeno. 

Susana: É unha cousa especial. Algo que viviches toda a vida. É a nosa ilusión dende cativos.  

Camilo: E quizás iso é o bo, non? Cando botas a vista atrás e ves as primeiras fotos túas de Pantalla, con 14, 15 anos, e ves que agora estamos na cincuentena, pero que seguimos a mesma xente. E tamén que as novas xeracións seguen a desfrutar do Entroido; que o que nós pasamos, estalles a pasar a eles agora. Iso é o bonito.  

Eu quédome con iso: coa amizade e con saír todos os anos coa mesma xente. Eu non me vexo parando nunca. Mentres o corpo aguante… 

Jose Antonio: Si. Mentres teñamos saúde seguiremos, pero non creas que non ten a súa dificultade. Ir de Pantalla é duro. Tamén che digo que hai xente de 70 e pico anos que aí segue. Igual saen un momentiño, o domingo á tarde, por exemplo, unha ou dúas horas para matar o gusaniño, pero non o deixan. 

Camilo: Nós seremos iguais.  

Susana: O Entroido éo todo para Xinzo. É a nosa alegría.  

Susana, Jose Antonio e Camilo. CC-BY-SA Javi Quiroga

Coral e Alfredo

Alfredo: Somos de Boiro, pero levamos anos vindo aquí ao Entroido. 

Coral: E que aquí si que saben como vivirlo. Saben desfrutalo.

Alfredo: Nas Rías Baixas non ten nada que ver.

Coral: O ambiente que hai na rúa, os amigos que fas aquí ano tras ano… Sempre vimos sós, e sempre acabamos en pandilla. É o que ten Xinzo, que enamora a xente de fóra.

Coral e Alfredo. CC-BY-SA Jacqueline Reimúndez

Enrique

Isto é unha marabilla, cada ano é mellor. Xúrocho. Non sei como pode ser. 

É algo de sempre, e que non decae. Eu vivo fóra, pero no Entroido volvo sempre. Non fallo. Xúntaste coa túa xente, e é coma se o tempo non pasara. 

O Entroido, aquí, é algo que vives dende pequeniño. Dende que eras un cativo e lle tiñas medo ás Pantallas ata agora, que me encantaría levar unha, aínda que non podo, pero sempre participo ao meu xeito. Este ano vou de “Lobebía”. (Risas) De “Locomía” non, que deses hai moitos. Nós imos de “Lobebía”. Péganos máis. En realidade non tiñamos que beber tanto, pero estes dias son de excesos, así que…

A partir da semana xa paz, sosego, e agardar polo ano que vén.

Enrique. CC-BY-SA Javi Quiroga

Raquel e Fernando

Fernando: Imos disfrazados dun dito que se di moito en Xinzo. Se foses de aquí xa o coñecerías.

Raquel: Sábese dende hai xeracións. 

Fernando: Moitas. Os meus avós coñéceno. 

Raquel: Os meus tamén. 

Fernando: Hai unha vila aquí ao lado que se chama A Peroxa.

Raquel: En Ourense.

Fernando: E o dito di: “Quen é da Peroxa, sen non é puta é coxa”. 

Raquel: Así que el vai de puta…

Fernando: E ela vai de coxa.

Raquel: Así é. (Risas)

Fernando: E un dito que repetimos moito nós os dous. 

Raquel: Moito. E en calquera contexto, ademais, dá igual do que falemos. Entón dixemos: “Hostia! Que ben sería ir da Peroxa, unha de puta e a outra de coxa” E aquí estamos. 

Fernando: Tiña que pasar. (Risos)

Raquel: O Entroido é un momento moi especial para Xinzo. Nós xa non vivimos aquí, así que isto vai de reunirse coa familia e cos amigos, para nós. De estar coa xente que queres. E tamén de pasalo ben, desfrutar, performar, actuar e non pensar en nada máis durante uns días. 

Raquel: É unha tradición de sempre que sempre vai estar. É algo que xa vemos nas novas xeracións: teñen ideas novas e disfraces xeniais.

Fernando: Nós, de feito, xa discorremos onte o do próximo ano.

Raquel: Pero non cho imos dicir. (Risos) Sempre é sorpresa. O deste ano non llo contamos nin aos nosos amigos. 

Isto é o mellor da vida. 

Raquel e Fernando. CC-BY-SA Javi Quiroga

Nuria e Javier

Nuria: Somos de Vigo e vimos todos os anos ao Entroido de Xinzo. Ver como todo o mundo se disfraza, o ben que o pasan na rúa: avós, netos… todo tipo de xente xunta. É algo para vivir.

Javier: Encántanos.

Nuria e Javier. CC-BY-SA Javi Quiroga
Javi Quiroga

Javi Quiroga

Javi Quiroga conta historias da xente e failles fotos. Despois compárteas en VINTE, en O Novo Normal, ou onde lle cadre. Vive na Coruña.

Máis Vinte

  • 'Non pare a festa'. A nova canción sobre o entroido d'Os Amigos dos Músicos

    Adiantamos en exclusiva a nova canción que Os Amigos dos Músicos lanzarán o vindeiro xoves para acompañar o novo libro sobre o entroido de Ramón Veiga e David Sierra, 'Non pare a festa', editado por Xerais e que sae á venda o 21 de xaneiro. O libro, enfocado ao público infantil, é unha continuación de 'É tempo de entroido' (Xerais, 2018), onde a música a puxera Isabel Fdez. Reviriego (Aries). Desta volta, Os Amigos dos Músicos son os encargados de facer cantar a pequenas e pequenos con mentres van descubrindo os debuxos de David Sierra. 

  • Así vivimos o entroido no autoconfinamento

    As redes sociais, e ímonos centrar en Twitter, convertéronse na fiestra principal ao entroido este ano. Alén de iniciativas veciñais ou institucionais para manter o lume vivo, as manifestacións espontáneas, alimentadas pola memética e a performance doméstica, multiplicáronse de diversas maneiras. Aquí algunhas das que máis nos chamaron a atención. Recompilámolas para que queden de lembranza do Entroido máis estraño. 

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.