Entroido. Co permiso de Ourense, o Carnaval do Grove é o que arrasa na rede este ano

Captura dun dos vídeos do Entroido do Grove. © Entroido do Grove

Aos habitantes da península meca sempre lles prestaron os carnavais, e teñen unha longa tradición entroideira. Este ano utilizan as redes para reivindicar as letras das súas comparsas e tamén a lingua coñecida como “o ghallegho do Ghrove, que ghode moito a gharghanta”. 

A páxina en Facebook do Entroido do Grove, promovida polo Concello, é estes días toda unha enciclopedia audiovisual sobre como se fala nesta península das rías baixas. Coa colaboración dos máis pequenos pero tamén dos maiores e da xente das comparsas, temos distintos vídeos que nos explican cal é o vocabulario meco. 

Segundo eles, as palabras e expresións que din no Grove para falar entre eles sen que a xente de fóra saiba de que están a falar. Alguén na sala sabe o que significa rillarrilla, permanensias, encartar a roupa, pillar unha allada ou un carenaso, vaghear ou bichaso?

Ou que é iso de dicir “cheghín e flipín”: 

Porque o amor que teñen a maioría de mecos e mecas pola súa lingua é só comparable ao amor que lle teñen ao seu Entroido, co apoio da área de Lingua da Deputación de Pontevedra tamén se presentou unha web chamada Historias das comparsas na que se recompila case un século de “historias”, que é como lles chaman alí ás letras que reparten as comparsas no Entroido para que a xente cante con elas. 

Na web podemos atopar unha enorme colección de pasquíns con esas letras, ordenadas por anos, pero tamén de carteis e programas, fotografías, ladaíñas do enterro da sardiña… un extenso traballo de documentación e escaneado levado a cabo por Lobisome Producións

Portada da web "Historias das comparsas". © Historias das comparsas

Se vos pesa non ter asistido ao Entroido meco entendémolo perfectamente, pois todos estes elementos apuntan a que a xente do Grove sabe pasalo ben. Pero aínda podedes achegarvos o sábado 16 de marzo ao Enterro da Sardiña. Aquí tedes o pasquín coa orasión para este ano, que non esquece convocar tamén a xente para a manifestación feminista do día 8. 

Pasquín do Enterro da Sardiña do Entroido 2019. © Entroido do Grove

Máis xente do Grove

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.