Antonio Fuentes, un neno nacido en Perú e que leva dous anos e medio en Galicia, é o protagonista duns vídeos nos que descubre a gastronomía do país. A primeira entrega superou as 8 mil visualizacións e veñen máis en camiño.
Antonio é un neno de Perú. Para ser máis precisos debemos dicir que é metade peruano e metade galego. A súa nai é do Grove e o seu pai de Lima. No 2016 a familia toda, que estaba no país sudamericano, veu para Galicia e aquí Antonio empezou a desenvolver a súa paixón. “Desde moi pequeniño vimos que lle encantaba comer e todo o relacionado coa comida”, conta a nai Alberta Álvarez, ou “Tita”, como lle chaman todos. Tanto ela como a súa parella, Fred Fuentes, dedícanse ao audiovisual e teñen unha empresa en común, Siradella Films.
“Mirabamos para Antonio, como dá en cámara e todo o tema da comida, e como lle gustaba, e pensamos que tiñamos que facer algo”, relata Tita. E ese algo foi Cativos na cociña, un proxecto que empezaron a mover na páxina de Facebook de Siradella Films.
Antonio xa coñecía e gustaba do peixe e o marisco, alimentos que en Perú tamén se consomen moito. Con todo, para el foi incrible entrar nas prazas de abastos galegas e ver todo o que o mar dá exposto así tan de primeira man.
O primeiro vídeo que publicaron foi sobre o polbo. Antonio xa o comera en Perú con outras preparacións, pero o xeito galego de facelo encántalle. Antonio explica nesta peza, paso a paso, como se debe preparar ben o polbo. Incluso mete o pé na braña sen medo ao falar dos distintos rituais (asustalo tres veces ou batelo, por exemplo). E todo nun galego con todos os trazos dialectais propios do Grove.
O vídeo foi un éxito, superou as 8 mil visualizacións no Facebook e foi compartido 265 veces. O rapaz, polo de agora, é alleo á fama. “Na escola puxérono e vírono todos xuntos. Os compañeiros si que lle comentaron, pero el polo de agora non é moi consciente e tómao todo como un xogo, está moi afeito a ver que andamos con cámaras na casa e a que o gravemos”, comenta a súa nai.
Tita e Fred, Siradella Films, acaban de abrir hai nada a canle de youtube Cativos na cociña, esa é a razón de que aparezan tan poucos visionados contabilizados. Onde realmente tiveron repercusión foi no Facebook, que é o lugar onde primeiro puxeron os vídeos. O segundo e último deles, polo de agora, acaba de saír do forno. Ven moi acaído para estas datas, xa que é sobre o entroido. Antonio prepara nel unhas filloas de sangue ou de algo aparecido...non imos desvelar o final.
Ata onde chegará Antonio cos seus vídeos é algo que non saben nin el nin seus pais. Polo momento irán publicando o que o corpo lles pida, sen pretensións, pero tamén sen límites. Mentres o sigan pasando ben facéndoos, e mentres Antonio queira, parece que vai haber Cativos na cociña por un tempo.