Sen redes sociais ata os 16? Á procura de remedios para revivir os zombis do scroll infinito
O móbil sempre á man: desbloquea, mira, revisa, pérdese dous, tres, catro minutos e volve conectar co mundo. Alza a vista. O bus aínda non chega, hai que agardar algo máis na quenda na chacinaría ou do centro de saúde e volve baixar a mirada, outra vez, ao móbil. Hai tempo que o teléfono móbil paraliza as nosas vidas, por momentos, entras buscando algo concreto e acabas media hora despois metida no pozo do scroll infinito e os vídeos tan entretidos e breves das redes sociais que poden consumir horas e horas. Naturalizamos ter o móbil na man, mirar a pantalla cando nos falan (non é algo tremendamente groseiro?) e mesmo cando estamos a ver unha película, nunha nova versión da malentendida multitarefa.
Pedro Sánchez anunciou hai unhas semanas a intención do Goberno de prohibir as redes sociais ata os 16 anos e un dos primeiros en alzar a voz na contra da medida foi Elon Musk, que vía en perigo un segmento importante de público no seu pastel publicitario.