Sen redes sociais ata os 16? Á procura de remedios para revivir os zombis do scroll infinito

Naturalizamos ter o móbil na man, mirar a pantalla cando nos falan e mesmo cando estamos a ver unha película, nunha nova versión da malentendida multitarefa. © pexels-cottonbro

O móbil sempre á man: desbloquea, mira, revisa, pérdese dous, tres, catro minutos e volve conectar co mundo. Alza a vista. O bus aínda non chega, hai que agardar algo máis na quenda na chacinaría ou do centro de saúde e volve baixar a mirada, outra vez, ao móbil. Hai tempo que o teléfono móbil paraliza a nosas vidas, por momentos, entras buscando algo concreto e acabas media hora despois metida no pozo do scroll infinito e os vídeos tan entretidos e breves que poden consumir horas e horas. Naturalizamos ter o móbil na man, mirar a pantalla cando nos falan (non é algo tremendamente groseiro?) e mesmo cando estamos a ver unha película, nunha nova versión da malentendida multitarefa. Evidentemente isto non pasaba antes da popularización dos teléfonos intelixentes con acceso a internet e, con iso, ás redes sociais. 

Non se trata de condenar a tecnoloxía, pero as persoas expertas coinciden en que o seu mal uso produce consecuencias moi negativas para a saúde das persoas. As redes sociais están deseñadas para enganchar, son adictivas -como as drogas- e como tal precisan unha regulación que se cumpra e que protexa, sobre todo, ás persoas máis novas. Pedro Sánchez anunciou hai unhas semanas a intención do Goberno de prohibilas ata os 16 anos e un dos primeiros en alzar a voz na contra da medida foi Elon Musk, que vía en perigo un segmento importante de público no seu pastel publicitario.

 

Hai tempo que se fala de adicción ao móbil, algo que pasa tanto en adultos como na mocidade. E nas aulas nótase unha maior falta de atención, unha imposibilidade para concentrarse máis de cinco minutos nos adolescentes e problemas de comprensión lectora e mesmo de expresión oral na cativada que derivan, en gran medida, dun uso excesivo das pantallas. Especialmente das de pequeno tamaño, que serían as máis prexudiciais para o cerebro, especialmente para os que aínda están a formarse.

Tal e como di a pedagoga María Couso, non se trata de demonizar a ferramenta, senón pensar no uso que facemos dela. A tecnoloxía está feita para gustar e iso motiva moito á rapazada. Pode ser un bo complemento na aprendizaxe pero tamén activa de forma constante o circuíto de recompensa cerebral, que libera grandes doses de dopamina. “É a maior vendefumes do universo”, indica Couso, durante unha charla para familias nun cole galego. E o problema xorde cando algo que gusta se converte nunha adicción.

Segundo datos divulgados pola Asociación Española de Pediatría, o 94,8% dos adolescentes dispón de teléfono móbil con conexión a Internet, dispositivo ao que acceden de media aos 10,96 anos. A metade conta cunha conexión vinculada a un contrato e, polo menos, 1 de cada 4 dispón de datos ilimitados. Un 31,6% pasa máis de 5 horas diarias conectado a Internet un día da semana calquera, cifra que ascende ao 49,6% durante a fin de semana. O estudo foi feito por Unicef en 2021 con 41.000 adolescentes de entre 11 e 18 anos. 

Infografia extraida do Plan Dixital Familiar elaborado pola Asociación Española de Pediatría CC-BY-SA AEP

A comezos de febreiro deste ano o presidente do Goberno anunciou que en España se prohibiría o acceso ás redes sociais a menores de 16 anos (actualmente a idade mínima son 14). “As redes sociais convertéronse nun estado fallido, onde se ignoran as leis e se toleran os delitos, a desinformación vale máis que a verdade  e a metade dos usuarios sofre ataques de odio”, dicía Pedro Sánchez desde Dubai, ao tempo que apelaba ás plataformas dixitais a implementar sistemas efectivos de verificación de idade. 

O anuncio, ademais de valerlle a ira de Elon Musk (dono de X, entre outras cousas), e provocar reaccións tanto na contra como a favor, de momento non pasou dun posicionamento no marco das ideas, e ten que pasar trámite parlamentario para converterse en norma, como xa sucede en Australia.

 “Estás seguido pasando imaxes e reels, en Instagram ou TikTok e non acaba nunca. Son como drogas, pero dixitais. Producen enganche. A misión de todas esas aplicacións é que a xente se enganche”, alerta a psicóloga Begoña Castro Iglesias

“As redes sociais están deseñadas para enganchar, para explotar as necesidades máis básicas das persoas, como son ese recoñecemento persoal de cada un e de pertenza a un grupo. Por iso hai un maior enganche nesas idades de adolescencia e infanto xuvenil porque están medrando e precisan crear a súa propia identidade”, asegura a psicóloga Begoña Castro Iglesias. Para a presidenta da sección de psicoloxía educativa do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, todo isto pode xerar dependencia, sobre estimulación, perda de intimidade, dificultade de concentración, xestión emocional, angustia, soidade. “Son dificultades que non son propias do individuo senón xeradas por estas variables externas ás que estamos expostos no noso día a día”, indica.

Entón temos “un alumnado esgotado e sobre estimulado con dificultade para manter o foco en determinados elementos”, explica Castro, xa que eses estímulos dixitais son como disparadores de dopamina. “Estás seguido pasando imaxes e reels, en Instagram ou Tiktok e non acaba nunca. Son como drogas, pero dixitais. Producen enganche. A misión de todas esas aplicacións é que a xente se enganche”, alerta a psicóloga.

Unha moza mira o seu teléfono móbil. © pexels-karola-g

Castro Iglesias defende que igual que o consumo de tabaco está lexislado, o consumo das redes sociais en menores ten que estar máis regulamentado  pola protección da súa propia saúde mental. E nesa prohibición “temos que ir todos da man”. A psicóloga subliña que xunto á moza ou mozo, está a familia, a escola, a sociedade, están os que fan as leis, o mundo da política, e moitas cousas porque “hai moitos intereses creados arredor de todo isto”, di. “Non se trata de prohibir totalmente senón saber en que contornas se poden usar e sempre cunha supervisión dun adulto”, engade.

Castro lembra que as funcións executivas, que atinxen todo aquilo que temos que pór en marcha cando o noso cerebro se está a desenvolver para aprender por exemplo a realizar tarefas ou seguir unha orde, requiren que o cerebro estea san e evolucionar, darlle un descanso e ter un sono reparador. “Está claro que o consumo de todas estas imaxes e reels o único que xera son cadros de estrés, cando nestas idades non deberían ter estrés; poden ter outros problemas pero non debería ter estrés, ansiedade ou cadros depresivos e agora hai unha porcentaxe bastante grande”, asegura Castro, quen detalla que, segundo distinto estudos, máis do 90% de adolescentes españois entre 12 e 15 anos usan redes sociais, sendo a idade de entrada os 11 e 1 de cada 3 recoñece ter sufrida experiencias negativas online, algún tipo de acoso ou contidos inapropiados.  “Todo iso lévanos a presentar unha sintomatoloxía depresiva, a que haxa maior ansiedade social, máis problemas de regulación do sono e non porque os adolescentes sexan máis fráxiles ou non, senón porque as redes sociais están deseñadas para enganchar e iso xa non che deixa levar unha vida normalizada. Esa sobre exposición produce cansazo, produce unha baixa autoestima porque ti estás continuamente comparándote con outros, que moitas veces non son reais” alerta. 

 “Canto menor sexa o tamaño das pantallas as dificultades son máis grandes e graves, porque o cerebro non está preparado para ver todo ese contido que pasa moi rápido ", alerta Castro

Para a psicóloga poñer o límite nos 16 sería correcto, porque antes non se debería facer uso de redes sociais e despois dos 16 cómpre limitar o seu uso. “Canto menor sexa o tamaño das pantallas as dificultades son máis grandes e graves, porque o cerebro non está preparado para ver todo ese contido que pasa moi rápido e o que está é diminuíndo o rendemento académico e xerando moitas dificultades na aprendizaxe porque as funcións  executivas necesitan un desenvolvemento normal: xogo ao aire libre, facer deporte e se ti estás diante dunha pantalla, estás cos ollos abertos pero sen movelos. Vese moito en restaurantes ou paseando bebés nos seus carriños cos móbiles diante. Iso é horrible. Nunca se pode deixar a un bebé ver imaxes nunha pantalla tan pequena e con esa velocidade de imaxe. É algo que temos normalizado pero é tremendamente prexudicial”, alerta a psicóloga, ao tempo que apela a importancia da formación para as familias. 

Canto máis pequena é a pantalla, máis prexudica o cerebro da cativada. © pexels-helenalopes

Desde o eido educativo están a notar máis problemas do que adoita ser habitual para concentrarse, atender a unha explicación ou mesmo na propia socialización. A rapazada queda menos para saír e máis para xogar porque as relacións sociais se establecen sobre todo a través do mundo dixital. 

María Magdalena Rodríguez Domínguez é mestra de infantil con 24 anos de experiencia, así que ten vivido en primeira liña os cambios no alumnado. “Falámolo todos os días. A este  nivel o principal problema é o retraso na linguaxe, cada vez falan peor e temos nenos de tres anos con palabriñas soltas, algo máis propio dos bebés de dous anos. Xa desde moi cativos están vendo as pantallas e as interaccións son menores”, asegura a mestra do CEIP Lamas de Abade. “É gravísimo, co móbil enganchado no carriño, que non ven nin a contorna”, subliña Rodríguez. Na súa experiencia estes novos costumes están a derivar nunha atención reducida, con dificultades para facer tarefas con lentitude. “Nas titorías sempre o dicimos, o cerebro está en formación e estamos a lesionalo”, explica. “Ademais doutras dificultades como unha peor psicomotricidade fina, á mestra preocúpalle especialmente que a falta de interaccións cos iguais provoca que non saiban resolver conflitos cos compañeiros e compañeiras. “Vemos unha perda de habilidades sociais e unha falta de empatía cada vez maior”, lamenta.

"Detectamos problemas no control inhibitorio, hai un empeoramento para centrarse só nunha tarefa e unha menor tolerancia á frustración, a capacidade para aburrirnos e para vivir eses momentos menos estimulantes con tranquilidade”, asegura Santi Quiroga, docente do CEIP As Mercedes de Lugo

Desde o CEIP As Mercedes, de Lugo, Santi Quiroga pon o foco nos problemas na atención sostida que está a percibir no alumnado. Hai evidencias científicas de que o uso das pantallas, da aplicacións como redes sociais ou xogos antes de ir durmir, afecta ao descanso e ao sono, que son fundamentais para a aprendizaxe, segundo explica Quiroga, que alerta dunha “atención moi dispersa e vinculada a estímulos concretos. Tamén detectamos problemas no control inhibitorio, hai un empeoramento para centrarse só nunha tarefa e unha menor tolerancia á frustración, a capacidade para aburrirnos e para vivir eses momentos menos estimulantes con tranquilidade”, explica. 

Quiroga, que leva quince anos de docente e dous como orientador, xa tivo que enfrontarse a un caso de ciberacaso. “Este ano tivemos coñecemento de que o alumnado do centro estaba a usar a plataforma dixital, sen o coñecemento dos pais, para exercer violencia contra unha compañeira. “Eu non diría que a tecnoloxía incrementa o acoso, pero si que é máis difícil de detectar. Neste caso a rapaza verbalizouno, pero sen non, non o sabemos”, indica o docente.

No que atinxe ás redes sociais, o consumo dáse a partir da secundaria e o groso do lecer da mocidade está baseado na pantalla do móbil, con vídeos de TikTok e Instagram como medio de contacto. 

O consumo de redes sociais dáse a partir da secundaria e o groso do lecer da mocidade está baseado na pantalla do móbil, con vídeos de Tik Tok e Instagram como medio de contacto. © Santi Alvite USC

Para Nel Vidal, profesor de Lingua e Literatura galega no CPI o Cruce, de Cerceda, a clave está na concienciación e na educación e alerta dos problemas dos perfís ocultos nas redes sociais. “Agora o problema non é a exhibición dos corpos, pero hai unhas identidades ocultas,  crean perfís que non se sabe quen está detrás para facer bullying. Entón hai casos de acoso e opinións con insultos con ese anonimato”, explica.

Sobre a prohibición a partir dos 16 anos, Vidal amósase a prol. “As Administracións teñen a responsabilidade de poñer límites onde se poden dar problemas. Cando se prohibiu fumar en espazos públicos tamén houbo xente na contra e logo cambiou de opinión, ou no caso das bebidas enerxéticas. O que desconfío é como efectivizar iso, porque agora mesmo xa está prohibido para menores de catorce e moitos teñen redes sociais”, argumenta Nel Vidal.

“Eu noto unha falta de atención brutal, pero non sei se é algo xeral. Quero ser prudente e rigoroso e non xeneralizar”, indica Suso Martínez, profesor de matemáticas no IES Castelao, de Vigo. Sobre os problemas de acoso que poden estar ligados con estas novas tecnoloxías, Martínez detalla que disto sempre houbo pero antes notábalo e agora ocorre ás agochadas. “Eu vin como a través de Instagram lle facían bullying a un rapaz, meténdonse con el por cada vídeo que subía”, indica. “Prohibición xa hai agora pero as familias non se queren responsabilizar, é máis fácil que o arranxe o Goberno”, explica, e recalca que “educar é difícil”.

 “Agora mesmo a socialización prodúcese alí e dicirlle que non poden e como se nos anos sesenta prohibisen saír á rúa. Eu penso que hai que estar con eles en internet desde pequenos, para poñer as pautas con oito ou dez anos, porque despois xa non van querer”, subliña Suso Martínez, profesor de matemáticas en secundaria

No primeiro e segundo curso da ESO hai parte do alumnado que xa ten móbil mais entre terceiro e cuarto pasa a ser algo xeneralizado, todas e todos teñen cadanseu terminal. “Agora mesmo a socialización prodúcese alí e dicirlle que non poden e como se nos anos sesenta prohibisen saír á rúa. Eu penso que hai que estar con eles en internet desde pequenos, para poñer as pautas con oito ou dez anos, porque despois xa non van querer”, subliña o profesor de secundaria.

“Eu, con matices, estou a favor da proposta”, explica Xabier Martínez Rolán, profesor na facultade de Comunicación da Universidade de Vigo. Para el, X perdeu o seu espírito orixinal e “forma parte deste capitalismo salvaxe e tecnofeudalismo, que acuñara Barufakis. Martínez Rolán alerta das dinámicas que imperan nas plataformas sociais, onde, asegura, se prioriza o conflito e se minimiza a resolución.  E lembra o caso, que fora moi soado, do suposto intento de secuestro dun neno en Pontevedra, a finais de 2025. “En cuestión de 24 horas todos os veciños compartiran a noticia, pero do que non tiveron coñecemento moitas persoas é que catro días despois houbo un desmentido e resulta que o cativo mentira, unha noticia que non circulou coa mesma virulencia nas plataformas porque a resolución non vende como o propio conflito”, detalla.

Desde o eido sanitario e pedagóxico alertan do riscos para a mocidade nesta busca da gratificación inmediata nas redes sociais. CC-BY-SA pexels-freestockpro

Ademais, o doutor en Comunicación, pon o foco na falsa sensación de anonimato. “Amparándose nunha suposta sátira que recollen como liberdade de expresión, poden comezar a cuspir odio”, lamenta. Isto é algo que leva sendo estudado pola psicoloxía desde hai anos. O picólogo John Suler en 2004 acuñou o concepto de desinhibición online, que basicamente viña demostrar, nun momento en que comezabamos a compartir contidos, pois que a xente é máis valente detrás da pantalla, explica Rolán. 

“Hai unha cousa que me preocupa moito que é o scroll infinito. Para min o scroll infinitivo é o cancro dixital do século XXI. Perderse nese pozo de Instagram ou Tik tok e buscar esa gratificación instantánea que tanto necesita o noso cerebro e, claro, que non é mesmo en persoas de 40 anos que en mozos de 12 ou 13, nunha idade moi complexa a moitos niveis porque están aínda formando a súa personalidade, están entendendo como funciona o mundo, están explorando e ademais emocionalmente todo se vive con moita máis forza”, argumento o experto en comunicación dixital. 

“Hai unha cousa que me preocupa moito que é o scroll infinito. Para min o scroll infinitivo é o cancro dixital do século XXI. Perderse nese pozo de Instagram ou Tik tok e buscar esa gratificación instantánea que tanto necesita o noso cerebro e, claro, que non é mesmo en persoas de 40 anos que en mozos de 12 ou 13, nunha idade moi complexa", argumenta Xabier Martínez Rolán, profesor na facultade Comunicación da Uvigo

Para Martínez Rolán, “o gran pastel” que se están tentando repartir estas empresas non deixa de ser a atención do usuario. Hai moitas canles tentando consumir o tempo do usuario (televisión, radio, videoxogos, redes sociais) pero o tempo é un recurso limitado e cada un xoga a súas armas para tentar manter o usuario o máximo tempo posible. De aí o do scroll infinitivo, que para Rolán sería o máis nocivo. “Non é algo novo, ese concepto de mecanismo que atrapa a atención e que busca unha gratificación instantánea lévase traballando durante moitas décadas e en moitas industrias, incluída, por exemplo, a industria dos videoxogos . Claro que hai que regular o uso das pantallas en xeral, pero dentro disto, especialmente o das redes sociais”, apunta. 

A día de hoxe, alerta Rolán, aínda non sabemos o impacto que estas ferramentas teñen nas persoas a nivel físico e mental, cunha auténtica dependencia destes dispositivos. “Nos últimos anos notamos que o alumnado chega menos formado á universidade e con serias lagoas en termos de atención e comprensión lectora. É algo preocupante”, di.

A adicción ao teléfono móbil afecta a adolescentes e tamén a persoas que xa non o son. © pexels-silverkblack

Os menores de 16, os centennials, migraron a Tik tok e Instagram, pero sobre todo pola mensaxería instantánea. Os salseos, apunta Rolánmoitas veces son capturas de pantalla de mensaxería privada. "É a súa forma de conectar co mundo, é como liga a mocidade de hoxe en día. Prohibir estas ferramentas a menores de 16 tamén vai ter un impacto moi importante en termos de socialización. E iso, tamén hai que telo moi en conta", alerta.

Sara Amigo Pérez fará 16 a finais de ano. Ten móbil de seu desde os 12, pero ao comezo sen internet, e non foi ata os 15 cando entrou por vez primeira nas redes sociais como Instagram e Tik Tok. Emprega WhatsApp para mensaxes e sobre todo están en Instagram e Tik Tok, como as súas amizades, para ver vídeos de “coñecidos ou influencers”. Ela, como os seus amigos e amigas, busca contidos de libros, roupa, entretemento, deporte ou videoxogos, por exemplo. Sabe que na rede hai perigos e tenta cumprir as normas de manter o perfil privado, non subir fotos da cara e non falar con descoñecidos.  Sobre a posible prohibición de acceso ás redes sociais indica que lle afectaría bastante. “Para mal obviamente, non tanto polos vídeos pero si para poder comunicarme”, explica. 

"Eu penso que como ferramenta para comunicarse é boa pero a verdade é que ten moitas cousas malas. Entón, prohibila non, pero si que teñen que buscar solucións”, indica Sara Amigo, de 15 anos

Amigo, que xa sufriu algunha mala experiencia de mensaxes de números descoñecidos por WhatsApp, tamén asegura entender os motivos para unha prohibición por idades porque,  en realidade, “non hai control nalgunhas redes e a moitos cativos está a afectarlles ver cousas que non deberían coa súa idade, ou que falan con adultos con malas intencións”, indica. “Hai moita xente que tenta normalizar discursos de odio, machistas, sobre violencias ou de como hai que tratar aos demais, que fai que moitos nenos o pensen, ademais da pornografía camuflada, que está regulada, pero tamén se pode atopar. Eu penso que como ferramenta para comunicarse é boa pero a verdade é que ten moitas cousas malas. Entón, prohibila non, pero si que teñen que buscar solucións”, argumenta.

Aplicacións nunha pantalla de móbil. A maioría son redes sociais. © pexels-zulfugarkarimov

Un fenómeno como o das redes sociais, que pode chegar a anular o pensamento crítico e a atención forma parte tamén do campo de estudo da Filosofía.  Sobre a posibilidade de limitar o acceso a menores de 16 anos, Xavier Donato, decano da facultade de Filosofía da USC, cre que é algo necesario, porque hai unha falla moi lamentable de educación tanto no mundo de internet como da intelixencia artificial. “Todas estas cousas teñen que formar parte do noso proceso educativo e os primeiros formados teñen que ser os propios profesores de todos os niveis”, explica. 

Donato lamenta a “resistencia” que percibe no profesorado ao emprego de novas tecnoloxías como pode ser o caso dos chatbot, que se ven con desconfianza e non como un instrumento máis que está aí para quedarse. “Evidentemente eu non faría unha condena das redes sociais en abstracto, porque penso que non sería intelixente. O que hai que facer é unha reflexión sobre o modo de emprego das redes e e sobre o mundo que queremos vivir que obviamente incorpora estes elementos. Internet forma parte das nosas vidas e as redes sociais tamén”, defende. 

“O problema ten moito que ver co feito de que estas novas tecnoloxías, como a intelixencia artificial non ten claramente un marco ético", alerta Xavier Donato, decano da Facultade de Filosofía da USC

Para Donato a “idea orixinaria” estaba moi ben, porque era unha maneira de estar conectados e de compartir unha información que ao mellor doutro xeito era difícil ter acceso. Pero agora, lamenta, “atopámonos cos problemas de polarización,  suplantación de identidade,  fraudes, espionaxe ou violencia ilegal, o ciberacoso, o tema do discurso de odio” cada vez máis normalizados.  “O problema ten moito que ver co feito de que estas novas tecnoloxías, como a intelixencia artificial non ten claramente un marco ético. Está ben que haxa unha lexislación, unha normativa nacional e supranacional referente ao uso das novas tecnoloxías pero esa non é a única solución, porque a lexislación chega onde chega e na tecnoloxía, que está avanzando continuamente, a lexislación é máis un estorbo que outra cousa. Os propios expertos no tema xa o din que a lexislación ten que complementarse con outra cousa, chámese ética chámese educación”, argumenta Donato.

Unha imaxe habitual hoxe en día: persoas que esperan coa vista no móbil. © pexels-fauxels

“A min non me escoitarás nunca facer un discurso negativo e fiscalizador das redes sociais, o que hai  que facer son outras cousas como estar atentos aos delitos como son o ciberacoso no caso da xente nova ou ás fraudes por suplantación de identidade”, defende o decano de Filosofía. Donato apunta ao filósofo Albert Borgman na idea de que non ten nada de malo que existan as redes sociais, sempre que non substitúan a presenza social auténtica con interaccións reais entre as persoas. “Se só existe a relación, digamos, a través das redes sociais, pode crearse un dobre efecto, por un lado un empobrecemento da propia experiencia humana, e por outro lado que se crean estes fenómenos de polarización, se non saes do propio circuíto no que estás, pois é un pouco problemático e empobrecedor para a túa experiencia; sen entrar a facer unha condena porque vivimos nun mundo onde a xente enseguida condena as cousas”, afirma Xavier Donato.

No ámbito legal, Sergio Aramburu Guillán, secretario técnico do Consello da Avogacía Galega e experto en Intelixencia Artificial e dereitos dixitais, explica que a lexislación española está en parte obsoleta en materia de regulación dixital, pero pasa por un proceso de adaptación á normativa europea, precisamente para poder aplicar medidas contra os abusos das grandes plataformas tecnolóxicas. Pero a protección da infancia e da xuventude é un mandato constitucional, por tanto teñen que buscar a forma, porque é unha obriga para os poderes públicos.  “Pode debaterse a extensión da protección (o limite da idade, a que plataformas afecta, etc.), pero o problema verdadeiro é estritamente técnico. Está en trámite desde hai un ano o Proxecto de Lei Orgánica de protección de menores en contornas dixitais, que xa propón fixar o límite en 16 anos. Nese sentido, a Unión europea acaba de aprobar unha resolución non vinculante para harmonizar as lexislacións europeas e fixar esa idade como mínima para usar redes sociais e incluso aplicacións de intelixencia artificial. Países como Australia ou Francia, gobernados por partidos de centro, xa tomaron medidas. É, por tanto, unha idea anterior á polémica actual. Logo están os que queren ver unha imposición autoritaria do Goberno, pero en fin, trátase de ignorancia pura no mellor dos casos”, argumenta o experto en dereitos dixitais. 

Aramburu coincide con outras expertas consultadas en que moitos dos algoritmos que se utilizan na industria das redes sociais, dos xogos para móbiles, apostas en liña, etc., están deseñados para inducir a engano, crear adicción, e manipular a vontade das persoas usuarias. “Está a pasar algo parecido ao que pasaba co tabaco. A Axencia Española de Protección de Datos xa advertiu en 2024 deste problema. Esas prácticas están socialmente admitidas, porque dalgunha maneira a sociedade admite que esa realidade dixital estea exenta de ética. Persoalmente penso que xa é tarde para reaccionar por vía legal, e na miña opinión a lexislación europea é demasiado condescendente coas grandes plataformas”, lamenta o letrado.  

Resulta algo bastante habitural ir para a cama co móbil. © pexels-cottonbro

As grandes plataformas, asegura Aramburu, “impoñen os seus modelos de negocio, crean os riscos, lesionan os dereitos, e o único que se lles pediu practicamente é que tomen medidas cando se produzan os danos e que sexan transparentes. Non é pouco, pero, por exemplo, xa hai décadas que se inventaron ferramentas para eliminar automaticamente insultos nos foros de internet, e son ferramentas gratuítas. Ninguén se cre que esas empresas non teñen capacidade para evitar os riscos que elas mesmas crean”, detalla. Nesta idea coicide tamén o profesor de Comunicación Xabier Martínez Rolán: “Hai que pensar que se teñen algoritmos para segmentar con todo detalle o que queiran, é bastante evidente e lóxico pensar que estas empresas teñen ferramentas para detectar cando unha persoa é menor de 16 anos ou non, con independencia de que ti poñas unha imaxe falsa xerada por IA ou a imaxe do teu irmán maior”, defende. “Ao final a túa identidade dixital non está definida pola túa data declarada de nacemento senón polo uso que fas da ferramenta e polos contidos que ti consomes. Entón se quixesen poderían facelo e non sería complexo pero claro, tampouco lle van facilitar a vida ao regulador, non? Estou completamente seguro que poden facelo. Pero claro, outra cousa é que lle interese facelo”, indica Martínez Rolán.

"Ninguén se cre que esas empresas non teñen capacidade para evitar os riscos que elas mesmas crean”, detalla Sergio Aramburu Guillán, secretario técnico do Consello da Avogacía Galega

En Galicia a Xunta ampliou o ano pasado a toda a xornada escolar (tamén no comedor, recreo, actividades extraescolares, entrada e saída) a prohibición do uso dos móbiles nos institutos e colexios por parte do alumnado. Desde O Goberno galego aseguran non ter cifras que o constaten, pero a prohibición do móbil “favorece o clima de convivencia e evita o conflito cando menos durante a xornada escolar”, segundo explica Judith Fernández, directora xeral de Ordenación Educativa. Román Rodríguez, pola súa banda, asegura que “todos somos conscientes de que o mal uso das redes sociais importa nos casos de acoso". 

Dúas rapazas cos seus teléfonos móbiles no campus da Universidade de Santiago. © Santi Alvite/USC

Para Sergio Aramburu os riscos que supoñen o mal uso destas ferramentas xustifican as medidas.  “Pode soar esaxerado prohibir o uso do móbil, pero a lista de trastornos que demostradamente se están a producir na persoas menores de idade é tan ampla que causa arrepíos. Adicción ás notificacións e ao “scroll” infinito, con rapaces que non poden deixar o móbil nin para cear en familia; perda de concentración e baixada do rendemento escolar tras horas en TikTok ou Instagram; insomnio por estar conectados ata as dúas da madrugada; ansiedade e baixa autoestima por compararse con corpos e vidas irreais; casos de ciberacoso que continúan 24 horas ao día no grupo de WhatsApp da clase; envío de fotos íntimas que logo derivan en chantaxe; illamento progresivo, menos xogo presencial e máis tempo pechados no cuarto fronte a unha pantalla. Todas esas conductas está provocadas por algoritmos deliberados e os rapaces non o saben”, detalla Aramburu.

"Dalgunha maneira, a rapazada abandona a familia e a súa contorna de protección para vivir no mundo dixital, gobernado por algoritmos deseñados por adultos bastante mal intencionados. Quizais o problema é que non temos nada mellor que lles ofrecer que un iPhone para que se entreteñan", alerta Aramburu

O experto, que participará como ponente no Parlamento ante a Comisión de Economía e Transformación dixital sobre este asunto, lamenta que “dalgunha maneira a rapazada abandona a familia e a súa contorna de protección para vivir no mundo dixital, gobernado por algoritmos deseñados por adultos bastante mal intencionados. Quizais o problema é que non temos nada mellor que lles ofrecer que un iPhone para que se entreteñan. Quizais a sociedade non fomenta nin ofrece á rapazada actividades e realidades alternativas suficientemente atractivas. Se a un rapaz lle retiras o móbil, máis vale que teñas preparada unha actividade alternativa… quizais non toda a responsabilidade sexa das tecnolóxicas”, cuestiona Aramburu.

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

  • As Tanxus, Bad Bunny e o ‘valor’ da identidade

    Di a música e antropóloga galega María Xosé Silvar, SÉS, con todo o sentido do mundo, que “mainstream disidente” é un sintagma paradoxal en si mesmo. Na música poucas cousas hai na actualidade máis mainstream que o reguetón e precisamente por iso resultou tan rechamante a mensaxe deixada por Benito Antonio Ocasio Martínez, Bad Bunny, no seu show do intermedio da última Super Bowl. A cultura, como a lingua, é unha arma, unha ferramenta de batalla das ideas que tamén utilizan as forzas políticas para “facer comunidade” e as artistas hai tempo que non poden esquivar posicionamentos ideolóxicos.

    Música
  • Prado Rúa: «Pois si, son unha influencer»

    María Rúa Rodríguez, Prado Rúa, comezou a subir vídeos ás redes sociais en 2020, cando a pandemia obrigaba a quedar na casa. En novembro dese ano en VINTE diciamos que era a «youtubeira do ano» e, catro anos despois, con 20.000 seguidores en Instagram, 23 primaveras, e presenza na meirande parte dos eventos culturais do país, Prado Rúa confesa que xa se sente unha influencer, aínda que sempre renegou dese termo. A ourensá está nomeada como mellor creadora dixital galega no festival Carballo Interplay que axiña comeza.

    VINTE na rede
  • Non estamos ben en internet

    A rede é o epicentro da vida moderna, pero está a nos pasar factura? As liñas que separan a vida conectada e a desconectada son cada vez más difusas. Soñar cunha utopía desconectada chea de paz e silencio semella tentador, pero apagar por completo internet non parece de todo posible. É un ruído constante, que non sabe de vacacións nin ás veces de horarios laborais. Vivimos desbordadas por internet e a hiperconectividade? 

    VINTE na rede

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.