A rede é o epicentro da vida moderna, pero está a nos pasar factura? As liñas que separan a vida conectada e a desconectada son cada vez más difusas. Soñar cunha utopía desconectada chea de paz e silencio semella tentador, pero apagar por completo internet non parece de todo posible. É un ruído constante, que non sabe de vacacións nin ás veces de horarios laborais. Vivimos desbordadas por internet e a hiperconectividade?
A primeira vez que usei un fax tiña 20 anos e era bolseira nun medio. O primeiro día dixéronos que había que estar atentas ao que cuspía porque as convocatorias e as notas de prensa chegaban alí. Daquela pareceume algo do máis marciano, porque o fax xa era unha cousa do pasado. Hoxe penso moito nese fax e véxoo case como unha icona dunha posible paz mental, porque as cousas son moi diferentes e o rebumbio de información que lle chega a calquera persoa que traballe nos medios é máximo. Mesmo se xa non vivín as redaccións case analóxicas das que fala algunha xente, si pasei por distintas fases de desconexión previas á avalancha do presente.
Dun mail de traballo que só podía ver na oficina a un na nube que ía comigo a todas partes ata o presente no que ás veces ata gabinetes que nunca falaron comigo antes me escriben por WhatsApp. É un ruído constante, que non sabe de vacacións nin ás veces de horarios laborais. E si, isto é unha visita por como funcionan os medios de comunicación e o traballo xornalístico, pero o certo é que pode servir como introdución para abordar unha cuestión que vai máis alá. Vivimos desbordadas por internet e a hiperconectividade?
«Hai uns meses, ao saír da estrea dunha performance, caeume o móbil na rúa e varios coches pasáronlle por enriba», cóntame a resitadora Nuria Vil. «Entre unha cousa e outra estiven un mes sen teléfono con todo o que iso implica sendo autónoma», suma. Nese tempo sobreviviu con móbiles prestados e sen conexión de datos. «Considero que teño unha relación malísima, un malestar dixital enorme, vaia, pero sorprendentemente ese mes estiven tranquilísime botando man de creatividade», sinala. Sempre fora desa xente «moi analóxica» ata que a pandemia cambiou as cousas. O smartphone é tamén a chave para o mundo laboral, a vía pola que chegan propostas e proxectos. «Teño o móbil na man todo o día e non son quen de atender a nada. A precariedade non axuda a desconectar, máis ben teño a sensación de que sempre teño que estar aí por se algo laboral sucede», dime.
A hiperconectividade —e especialmente a ausencia de desconexión— poderían estar poderosamente conectadas coa ausencia ou a presencia de estabilidade laboral. Pode que apagar o móbil vaia ser o próximo privilexio de clase.
Un mundo laboral 2.0
Hai uns cantos anos o modo de mostrar que algo era ultra moderno era o de poñerlle o apelido 2.0. Era a pasarela para demostrar que se sabía ben como estaba a tecnoloxía cambiando o mundo e que se estaba a tomar o camiño correcto para seguirlle o paso. O mundo laboral ía ser 2.0, insistían. Pero que supuxo exactamente iso co paso do tempo?
«Teño o móbil na man todo o día e non son quen de atender a nada. A precariedade non axuda a desconectar, máis ben teño a sensación de que sempre teño que estar aí por se algo laboral sucede», asegura Nuria Vil
A dixitalización da contorna de traballo é unha das grandes obsesións modernas e unha que ten moitas ramificacións. Na presentación da investigación de Cisco para a OCDE lembran que o 40% da poboación adulta «carece de habilidades dixitais básicas». Son, por tanto, analfabetos dixitais e iso pasa factura. Non só non saben facer cousas básicas na rede, senón que tampouco entenden de todo as súas implicacións e os seus custes. Isto impacta en como procesan a información ou na vida política, pero tamén no traballo. O máis recente dos informes Adecco sinalan que tanto a dixitalización como a intelixencia artificial están «impulsando unha revolución sen precedentes no mercado laboral», redefinindo como traballan as empresas e a quen contratan. O problema, din, é que non hai profesionais suficientes coas habilidades precisas. E a iso habería que sumar quen queda atrás neste proceso de cambios, porque o terreo de xogo non está exactamente nivelado.
Aínda así, e mesmo cando se teñen as habilidades dixitais para seguir tendo traballo nese novo universo do que falan as análises, a nova estrutura do mercado está abrindo outros melóns. Internet é a base na que se asenta a chamada gigeconomy ou, menos pomposamente, unha intensa precarización do traballo. Tamén é o que fai que a xornada laboral teña adquirido case visos de realidade eterna. Aínda que un 54% da poboación española cre que contar cun protocolo de desconexión dixital é importante, só un 16% o ten, advirte a investigación de ING.
A xornalista, sexóloga e divulgadora Laura Veiga (Pingando.gal nas redes sociais) descubriu co paso do tempo que precisaba separar realidades. «Necesitaba un número persoal e un do traballo», dime, para así poder silenciar WhatsApp ou deixar o teléfono profesional apartado cando remata a xornada. Isto permite gañar paz mental, pero o poder desconectar non deixa de ser relativo. Sendo autónoma, depende de ter proxectos en marcha e nos momentos de máis parón desconecta menos. «É difícil desconectar pola precariedade», sinala.
É entón o tipo de traballo que temos clave para que internet nos queime? «No meu caso, si, pero penso que non é exclusivo; observo como ao meu arredor amizades con traballos máis "normativos", por chamarlle dalgún xeito, traballos que non dependen das redes, están igualmente queimadas e recorren a desinstalar aplicacións como Instagram ou TikTok», responde Nuria Vil. Romper coas redes tampouco é doado. «É un peixe que morde a cola: sen redes, non existes e á vez non todos os discursos existimos en redes (ou non coa mesma repercusión)», apunta, lembrando iso si que estar todo día alí non implica necesariamente coñecer de verdade o que hai detrás desa vida hiperconectada. «Algo que me fascina é que podemos pasar o día conectades sen saber nada do cotiá des demais», dime.
«O principal problema da hiperconectividade é que non separa espazos», sinala Xacobe Abel Fernández García, presidente da sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. «Non permite espazos para respirar», suma. Imos dun sitio a outro recibindo sempre información e estímulos, pero tamén coa angustia do que pode pasar se lle damos ao botón de apagado. Como di Fernández García, xúntase a esixencia coa necesidade de responder a todos eses estímulos. «Eu na casa só tiña un ordenador, só o abría cando quería e volvía á miña vida», cóntame Laura Veiga, lembrando como eran as cousas hai uns cantos anos. Agora non hai sitio para a desconexión e as cousas chegan a todas horas. Custa lembrar que, como di Veiga, «non temos que contestar» a todo de forma inmediata.
Agora non hai sitio para a desconexión e as cousas chegan a todas horas. Custa lembrar que, como di Laura Veiga, «non temos que contestar» a todo de forma inmediata
E por suposto a hiperconectividade tamén contaxia outros espazos da vida. Agora mesmo fai fortuna nos medios e nas redes sociais a análise tráxica do crecemento da lectura en diagonal entre a Xeración Z, que estaría preferindo ler só palabras clave antes de consumir textos completos. Antes, o que creaba pánico era a tendencia a ver series ou escoitar audios a velocidades de x1,5 ou máis rápido.
«O speedwatching é a resposta a visualizar cousas nun mundo con presas, no que a xestión dos tempos de espera non é suficiente», sinala Sylvie Pérez, psicopedagoga e profesora dos Estudos de Psicoloxía e Ciencias da Educación da UniversitatOberta de Catalunya (UOC). O ritmo acelerado da vida mestúrase co FoMO (fear of missing out, medo a perderse algo) e o saber que o tes aí dispoñible (pero como milleiros de cousas máis) esperando a ser consumido. Segundo Pérez, isto leva a que se viva nunha «estimulación constante» e a que non se procese toda a información que se recibe. Rompes a concentración e a retención de información con cada audio acelerado.
Petiscar contidos nun buffet inabarcable
A cuestión non está só nesa eterna dispoñibilidade horaria, senón tamén na cantidade desmedida de información que temos. Vivimos no medio dunha avalancha de información? «Si, as vías para recibirmos información multiplicáronse con internet», confirma Sonia Vizoso, vicedecana primeira do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG). «Por iso pensamos que o papel dos xornalistas para separar ruído e actualidade é máis necesario ca nunca», suma.
Saber que é verdade e que é mentira require cada vez máis esforzo, como se viu de forma práctica durante a DINA en Valencia e como levan alertando os informe sobre o estado da información dende hai tempo. A desinformación é unha ameaza crecente, unha que xa está desestabilizando as cousas, advirte o Digital News Report 2024 do Instituto Reuters. «A intermediación do xornalismo facilitaría moito ese proceso vital para a democracia, pero paradoxicamente a nosa profesión vive unha crise de prestixio», sinala Vizoso. A alternativa a todo este balbordo debería ser: «Xornalismo, xornalismo, xornalismo. Especificamente, máis xornalismo lento e reflexivo».
Os medios levan sumidos nunha crise de décadasa nivel global, aínda que dicir que toda a culpa está en internet é demasiado simplista. Como en tantas outras cousas, a precarización dos equipos levou a que a calidade informativa fose caendo e, así, perdendo audiencias. Tardar en comprender que supuña internet tampouco axudou. «A dixitalización tivo efectos bos e malos nos medios galegos», apunta Vizoso. Fixo máis fácil acceder á información ou diversifou os medios, pero tamén aumentou a precariedade e limitou o xornalismo de rúa. En paralelo, nestas últimas décadas o xornalismo local entrou en crise, o que tivo un efecto cascada no servizo que dan os medios e na súa percepción entre as audiencias.
As redes sociais ocuparon o espazo que antes tiñan os medios de referencia: agora sabemos do que pasa polo que chega ao noso feed da rede social favorita. E iso importa porque ao algoritmo lle importa pouco a ética xornalística e porque é cada vez máis evidente que as redes teñen intereses, como está evidenciando o éxodo masivo de Twitter destes días.
As redes sociais ocuparon o espazo que antes tiñan os medios de referencia: agora sabemos do que pasa polo que chega ao noso feed da rede social favorita. E iso importa porque ao algoritmo lle importa pouco a ética xornalística
Con todo, navegar por toda esta avalancha de contidos non é o único problema. Vil recoñece que non acabou atrapada no doomscrolling (entrar nun bucle de consumo de novas negativas), pero si que as redes xeraron sentimentos de envexa. «Aprecaridade laboral é un dos motores máis potentes do meu malestar, así que é lóxico compararse constantemente co que fai a veciña e sobreanalizar», dime. «A industria da poesía escénica é practicamente inexistente, así que o que alimentan as redes e o mainstream en xeral é a idea de que somos competencia», suma. «Non hai cousa que me faga máis infeliz do capitalismo que o roubo masivo da nosa capacidade de alegrarnos polos logros alleos», denuncia. Cando sente que iso lle está pasando, deixa o móbil e desconecta para rachar con esa inercia.
Saber a teoría non é incompatible con caer na trampa. Hai un capítulo na serie Evil no que se preguntan se non será cousa do demo que os social media exploten tanto os nosos puntos débiles (spoiler: non o é). Como explica Xacobe Abel Fernández García, as redes sociais mostran corpos esveltos, rutinas triunfadoras, pasos polo ximnasio e crianzas espectaculares nas que as criaturas xamais teñen perrenchas no medio do supermercado. Crean un paradigma imposible de abarcar e de emular, un que é bastante artificial. Nunha entrevista, Lorena Macías, de Hazmeunafotoasí, dicíame con humor que ninguén saía en Instagram coa foto dos 80 euros que lle chegaron de electricidade ese mes. «Ninguén saca o recibo da luz nin a foto de acabar de espertar», dime Fernández García cando llo conto. Internet crea «unha sensación de non chegar, de estar a menos». «Internet o magnifica todo como se fose unha lupa», apunta o experto.
Por iso, cada vez hai máis voces que se preguntan que impacto ten na nosa saúde mental internet en xeral e as redes sociais en particular. Son as culpables de que o século XXI sexa o da epidemia de soidade? Como conclúe un artigo de The New York Times que aborda esta cuestión, aínda que non hai moita proba directa que una ás novas tecnoloxías coa sensación de soidade si existe unha «forte correlación» entre ambas cousas. Nos últimos anos fóronse sucedendo as investigacións xornalísticas e as filtracións de whistleblowers que advirten do negativo papel dos algoritmos no noso benestar e do pouco que fan as empresas do sector para solucionalo.
E, aínda así, seguimos consumindo contido —deixar de facelo semella imposible— e ata recorrendo á rede para afrontar estes problemas. Segundo NordVPN, o 78% da poboación española emprega a tecnoloxía «como apoio á súa saúde mental», cun 38% que usa apps que lles serven para gañar benestar. A maioría non pensa en como iso inflúe na súa intimidade. Mesmo ás veces é xusto nas redes sociais e nos seus feeds interminables onde buscamos o refuxio: ante un día de merda ou un momento de máximo estrés, o único que quero é que o feed de reels de Instagram me sirva vídeos de xente deixando impolutas alfombras noxentas. Ver como emerxe a alfombra limpa dame paz mental.
Mesmo ás veces é xusto nas redes sociais e nos seus feeds interminables onde buscamos o refuxio: ante un día de merda ou un momento de máximo estrés, o único que quero é que o feed de reels de Instagram me sirva vídeos de xente deixando impolutas alfombras noxentas. Ver como emerxe a alfombra limpa dame paz mental
Con todo, Fernández García fai unhas puntualizacións. Unha é a de que non deberíamos romantizar a vida sen internet. «Temos que fuxir da sensación de que calquera tempo pasado foi mellor», dime, cando lle comento de pasada a tranquilidade de ter sido adolescente antes das redes sociais. Outra é a de abordar a cuestión da saúde mental dun xeito simplista. Isto é, hoxe falamos moito da nosa saúde mental e dos seus problemas. «Falar moito é ás veces un espellismo para non falar das inxustizas da vida», lembra o experto.
A utopía sen internet
Entregarse a un mundo de silencio semella ás veces poderosamente tentador. Existir existen xa retiros carísimos que garanten esa experiencia durante uns cantos días. Por un módico prezo, podes mergullarte nunha utopía desconectada. Pero é realista pensar que se pode vivir de costas á rede?
Só o 5,6% da poboación sabe canto contamina internet, segundo o informe de ING. Mesmo se nos parece etérea, como se as cousas viaxasen polo aire como pantasmas, a rede require moita electricidade ou materias primas cunha extracción que aniquila rexións (véxase, por exemplo, o caso do cobalto). Tampouco somos de todo conscientes das condicións nas que traballan as persoas que garanten que todo isto exista ou como impacta en nós o feito de que os xigantes da rede veñan de Estados Unidos. Hai quen xa establece conexións entre as normas relativas ao corpo espido que importaron plataformas como Instagram ou Facebook e un maior puritanismo. O que é violencia ou incorrecto para as normas estadounidenses pode ser ridículo para as visións europeas, pero si se xoga xa con esas normas. Aí está o experimento de intentar que WhatsApp transcriba algunha palabrota para velo.
É gracioso e non é. A Nuria Vil, Instagram estívoa sancionando nas últimas semanas. «Considérase que Delincuente (o título do meu último traballo, unha curtametraxe) é unha palabra que viola as normas comunitarias», dime. «Estar nas redes e non falar de flores, da túa parella e dos teus truquis para limpar o baño é, simplemente, esgotador para artistas que estamos, dalgún xeito, atravesades pola disidencia. Ou fas o que quere o algoritmo, ou podes marchar», apunta.