Prado Rúa: «Pois si, son unha influencer»

María Rúa Rodríguez, Prado Rúa, comezou a subir vídeos ás redes sociais en 2020, cando a pandemia obrigaba a quedar na casa. En novembro dese ano en VINTE diciamos que era a «youtubeira do ano» e, catro anos despois, con 20.000 seguidores en Instagram, 23 primaveras, e presenza na meirande parte dos eventos culturais do país, Prado Rúa confesa que xa se sente unha influencer, aínda que sempre renegou dese termo. A ourensá está nomeada como mellor creadora dixital galega no festival Carballo Interplay que axiña comeza.

 

Que cambiou nestes case catro anos como creadora de contidos dixitais?

Parece que foi onte! Pero en catro anos gradueime en Educación Infantil e comecei outra carreira, Pedagoxía. Por aquelas datas facía máis trends, vídeos curtiños nos que aproveitaba a música e levábao ao noso terreo. Así explicaba, por exemplo, a historia da lingua galega como unha montaña rusa.

Comezaches en plena pandemia.

A pandemia facilitou porque estabamos todos medio tarumbas na casa, pero en realidade eu xa viña mascando esa idea porque en xaneiro dese ano fixera un vídeo cunha amiga que é fotógrafa e alí véndome falando á cámara gustoume. Nesa época xa vía a xente como Eira de @NubesBaixoTi ou @olaxonmario e dicía que ben esta xente que fai vídeos en galego e, ademais, vídeos de calidade. Entón, vin na pandemia esa oportunidade.

A nivel temático tamén fuches cambiando cara a uns contidos máis didácticos ou culturais.

Cando me preguntan é difícil ordenar as ideas pero todo ten un sentido. Nos meus contidos a identidade ten un peso moi forte, pola miña identidade galega, pola miña lingua, pola defensa dos dereitos humanos. Se son feminista, se son unha muller e se son bisexual iso obviamente tamén inflúe na miña identidade. E tamén como estudei Educación Infantil e agora Pedagoxía, confío firmemente en que a educación pode mudar as cousas e de aí a divulgación. Divulgación e gustos persoais mestúranse. Gústame dar a coñecer algúns temas e podo facer un vídeo sobre o Día da Memoria pola Verdade e a Xustiza de Arxentina, que a priori parece que nos queda moi lonxe, pero en realidade loitan para que non caia no esquecemento todo o que sufriron coa ditadura e aquí tamén pasamos iso. Ter referentes é moi importante. Intento dar a coñecer aspectos da nosa cultura, de culturas achegadas a nós e tamén moi mesturado cos meus gustos persoais. 

«Nos meus contidos a identidade ten un peso moi forte, pola miña identidade galega, pola miña lingua, pola defensa dos dereitos humanos»

Antes facías máis vídeos sobre o coidado do cabelo.

Daquela facía vídeos dos rizos porque estaba moi metida no método curly e coidaba moito o meu cabelo. Agora menos porque teño tamén outro tipo de peiteado. E de maquillaxe tamén fago menos non porque non me maquille, senón porque creo que se me dan mellor outras temáticas ou que me interesan neste momento. Agora estou máis centrada na cultura, e tamén en desenvolverme profesionalmente e tentar probar outras cousas. Por exemplo, nos últimos meses traballei colaborando co Culturgal e outro día nos Mestre Mateo tamén fixen un par de vídeos e traballei para a Deputación da Coruña para os premios da cultura. Así, máis tipo reporteira, que me perdoen os xornalistas, que xa sei que é un tema bastante peliagudo, pero eu creo que cabemos todas. 

Como te sentiches na Gala dos Mestre Mateo. Formas parte do sector audiovisual?

É algo complicado porque eu sei que hai moita xente que ten moita reticencia de cara á creación de contido dixital na casa. Eu entendo que dea rabia que haxa xente sen dotes comunicativas que ten moitos seguidores e fan cousas banais e xeran moito diñeiro, pero non fan cousas de valor. Ou ao mellor todo o contrario e espallan discursos de odio e fomentan valores terribles. Entendo ese rexeitamento porque calquera pode facer vídeos e subilos á rede e pódelle ir moi ben ou moi mal. Pero tamén creo que hai moita xente facendo cousas de valor. E eu, a verdade, considero que lle poño moitísimas ganas ao meu traballo, sempre intento informarme rigorosamente, mellorar tecnicamente e non creo que por saír na televisión sexas máis lícito. Obviamente se tes unha formación niso sabes máis ca min. Pero é un tema complicado.

«Hai moita xente nova que me escribe para dicirme que se está animando a falar máis galego grazas aos meus vídeos e a min esas cousas énchenme de forza»

 Hai que analizar o que fai a xente e non meter todos no mesmo saco porque hai persoas facendo contido de valor. Co tema do galego, igual que o Xabarín foi unha peza fundamental para os Millenials, pois agora as redes sociais, queiramos ou non, están na vida da xente nova e que creadores de contido esteamos facendo vídeos en galego, tamén podemos ser unha peza clave para que a xente nova se anime a falar galego. Hai moita que me escribe para dicirme que se está animando a falar máis galego grazas aos meus vídeos e a min esas cousas énchenme de forza porque un dos meus obxectivos fundamentais coa creación de vídeos é que a xente se anime a falar galego, a consumir a nosa cultura, non só en internet, senón no teatro, no cine, en concertos, lendo etcétera.

Prado Rúa rematou o Grao de Educación Infantil e agora estuda Pedagoxía. CC-BY-SA Cedida

Prado Rúa conta con 20.000 seguidores en Instagram. Es unha influencer?

Eu creo que xa si. O principio botábame para atrás ese termo, porque hai xente de todo tipo facendo vídeos, pero ao final para ben ou para mal, influenciamos nas persoas, igual que a educación, que a televisión, todo nos educa. Pois si, son unha influencer, ti chámame como queiras, dáme un pouco igual.

Durante a campaña electoral puidemos verte colaborando con contidos para o BNG. Como foi esta experiencia?

No verán xa nas Xerais fixera unha colaboración e logo en decembro fixera un vídeo preguntando á xente como percibía a Ana Pontón e o traballo xurdiu porque as persoas que estamos na rede influenciamos e os partidos políticos estanse a dar conta diso. Que ao mellor poden chegar á xente nova, ou a xente que a priori non quere escoitar o seu discurso a través de creadoras e o Bloque si que se abre moito a iso a facer colaboracións con persoas que están a facer vídeos en galego actualmente. A miña experiencia persoal na campaña foi moi intensa. Non sei como pode sobrevivir Ana Pontón. Menos mal que o país non é moi grande. E claro, o resultado ao final foi decepcionante. Pero ao día seguinte xa estaba con ganas de seguir avanzando, seguir traballando e convencida de que en catro anos vai haber un cambio. 

«A miña experiencia persoal na campaña foi moi intensa. Non sei como pode sobrevivir Ana Pontón»

Puideches gozar algo a campaña?

Si. Só con ver canta xente hai involucrada, que loita,que milita. É un tecido moi forte de xente implicada. E o cariño. Recibín moito cariño. Aínda que tamén moito odio, pero puideron moito máis as mensaxes bonitas. 

Sobes vídeos todas as semanas ou non tes unha periodicidade?

Intento ser constante porque ao final as redes sociais son exixentes e se as descoidas un pouco xa te tira para atrás o algoritmo. Non subo vídeos todos os días porque tampouco quero federlle á xente, e tampouco me dá a vida para iso porque compaxino cos estudos pero intento todas as semanas subir algo e ser minimamente constante.

Gañas cartas con isto?

Si, desde outubro son autónoma.

Fas ti soa os vídeos?

Xeralmente si, pero nos Mestre Mateo ou cando teño que ir pola rúa axúdame Tomás, que é o meu mozo. Tamén me axuda con ideas ou coa edición. 

Tamén vés de participar na miniserie documental Conexión co Reino, ideada por Cristela Torres, da produtora Brava. 

Eu xa as coñecía pola serie Pringadas, porque fixen alí un cameo pequeniño e supoño que para este proxecto pensaron nalgunha comunicadora e ocurríuselles colaborar comigo e eu encantada. Os guións que se fixeron – de Belén Puime- foron superchulos e as temáticas encántanme porque falamos das tenzóns, das regueifas ou do Camiño de Santiago, que non me gusta tanto, pero tamén forma parte da nosa historia. 

A serie ten un formato vídeo divulgación moi acaído para o que adoitas facer ti. Pero non fas ningunha personaxe. Gustaríache probar na interpretación?

Eu nono me pecho a nada. Para adiante. Fixen teatro moitos anos porque de pequena quería ser actriz. E tamén participei de figurante en dúas películas. Na de Cuñados e na de Live is life, que gravaron na Ribeira Sacra. 

E finalista no festival Carballo Interplay como mellor creadora dixital. 

É unha honra. O Carballo Interplay é unha cousa chulísima organizada por xente chulísima e para min é unha honra estar nomeada e ver que persoas comparten comigo esas candidaturas. Hai xente facendo vídeos dunha calidade impecable, de xente moi boa. 

«A moita xente cómprelle un pouquiño máis de sensibilidade e empatía»

Agora cara a onde vai Prado Rúa, pensas no mundo da docencia ou queres seguir buscando o teu camiño no audiovisual?

Creo que a Educación Infantil me deu unha ollada e unha sensibilidade que igual con outros estudos non tería. E penso que é algo moi importante para a vida ou para calquera traballo. Sobre todo para a vida. A moita xente cómprelle un pouquiño máis de sensibilidade e empatía. De entender tamén como funciona o mundo. De que características ou dificultades poden ter as persoas na posición na que están. Por agora estou moi contenta co traballo que estou facendo e encantaríame seguir medrando neste mundo pero nunca se sabe que vai pasar así que me gusta deixar portas abertas.

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Máis Vinte

  • Prado Rúa. A 'youtubeira' revelación deste ano

    Tanto che explica a Revolución dos Caraveis en Portugal mentres se maquilla como che fai unha review dos materiais de Educación Infantil, un vídeo con receitas veganas ou un dicionario de termos en galego sobre o cabelo crecho, un tema que cre que hai que “visibilizar”. Naceu unha ídola youtubeira que destaca pola calidade e frescura dos seus vídeos. 

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

  • Lidia Veiga, a bulebule de Arzúa: «sempre fun moi dramática»

    Lidia Veiga ía para avogada, mais a día de hoxe é un dos talentos da interpretación que máis está a despuntar en Galicia, aínda que ela, máis que actriz, considérase unha traballadora cultural. Defensora da creación colectiva, Veiga protagoniza o filme “Cando toco un animal”, un proxecto valente que amosa realidades emocionais e sexuais explícitas e, ao tempo, afastadas da pornografía. «Fíxose porque tiña que existir», defende a actriz galega. En plena xira por teatros coa irreverente e divertida “Iribarne”, Veiga está a descubrir o seu propio talento para a dobraxe e aínda terá tempo para presentar, o vindeiro 23 de marzo, a gala dos Premios Mestre Mateo.

    Cinema

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.