Tanto che explica a Revolución dos Caraveis en Portugal mentres se maquilla como che fai unha review dos materiais de Educación Infantil, un vídeo con receitas veganas ou un dicionario de termos en galego sobre o cabelo crecho, un tema que cre que hai que “visibilizar”. Naceu unha ídola youtubeira que destaca pola calidade e frescura dos seus vídeos, e a súa maneira de combinar temas, xéneros e formatos.
A súa canle de Youtube ten data de nacemento o 24 de abril, no máis duro do confinamento, mais María Rúa levaba xa tempo en Instagram publicando autorretratos que destacan pola súa calidade fotográfica e tamén polo estilismo e sobre todo a maquillaxe. As súas habilidades coa brocha e as pinturas deron moito xogo á hora de crear, tamén a comezos da pandemia, o seu perfil en TikTok.
Estudante do Grao de Educación Infantil na Universidade de Vigo, na peza de presentación da súa canle expón os temas dos que lle interesa falar: a educación, o ámbito social, a fotografía ou a maquillaxe «aínda que non é a miña paixón: a miña paixón é a educación». O máis novidoso é tanto esta mestura temática na canle como o feito de que o faga nos mesmos vídeos. Un exemplo moi fermoso vémolo neste vídeo explicativo que é tamén un tutorial de maquillaxe sobre a revolución de 1974 en Portugal.
Outro tema do que lle gusta falar é de Castelao, pero achegándoo ao seu terreo da preocupación social e da educación, a través dunha característica que ducias de historiadores das últimas décadas non se preocuparan demasiado de destacar: a empatía. Na serie “Castelao aka o empático” Prado Rúa explora a preocupación do de Rianxo, especialmente na súa obra plástica, polas crianzas, nas persoas cegas ou polas negras.
Mais se hai unha cuestión de identidade que na súa canle María Rúa reivindica sobre o resto é a condición de ter o pelo crecho. Temos varios vídeos sobre a definición e o coidado deste tipo de cabelo, entre o que destaca este “ricionario” ou dicionario galego para termo relacionados co coidado capilar.
A diversidade e orixinalidade á hora de abordar estes temas fai da canle de Prado Rúa unha das revelacións deste ano canda “Cousas Rarismas”, onde Helena Antía fai ASMR en galego, pero ben feito, non como aqueles vídeos que en VINTE exploraramos hai algo máis dun ano. Pois ben, en Prado Rúa hai un vídeo de conversa entre estas dúas novas raíñas do Youtube galego no que, mentres parolan por vídeoconferencia, comentan entre outras cousas a orixe do Samaín, que na súa tradición da zona de Cedeira foi recuperado por un tío de Helena, Rafael López Loureiro.
Pode ser revolucionario facer vídeos de maquillaxe en Youtube? Calquera millennial dirá que non, que os vídeos de maquillaxe son algo vellísimo. Mais facelos en galego con esta calidade, esta naturalidade e falando de temas de actualidade social ou política é cando menos bastante novidoso. Tamén é unha mostra da diversidade que vai collendo o panorama do Youtube en galego, da que veremos unha boa mostra na edición deste ano do premio Youtubeirxs, que se outorgan nas vindeiras semanas.