ASMR. Si, tamén hai quen se dedica a bisbar e simular cóxegas para Youtube en galego

© Youtube

Hai milleiros de vídeos en Youtube nos que xente, de maneira máis ou menos altruísta, se dedica a satisfacer outras persoas a través da Resposta Sensorial Meridiana Autónoma (ASMR son as siglas en inglés): o pracer e a relaxación que provocan certos sons e sensacións que se poden amplificar cun micro e unha cámara pola rede. Todo un novo e fascinante xénero audiovisual do que atopamos xa mostras na nosa lingua. 

Un dos básicos da ASMR é falar moi baixiño pero usando potentes micrófonos que fagan chegar a sensación de ter alguén moi perto bisbándonos na orella. Outro deles é tocar cousas: petar coas unllas en obxectos con diferentes texturas, simular masaxes na cabeza, cóxegas e outras sensacións corporais. Podería parecer algo case pornográfico destinado a achegar pracer corporal e mesmo clímax, e non está lonxe diso pero o certo é que se trata de algo máis branco e inocente, froito de compartir en internet sensacións íntimas que poden estar en obxectos tan cotiáns como unha botella de plástico ou un cepillo das unllas.

En Youtube apenas atopamos unha ducia de vídeos ASMR na nosa lingua pero xa é un comezo para quen queira experimentar o pracer de que lle falen en galego na orella. 

Para moitas persoas con problemas de ansiedade ou insomnio é tamén un xeito de relaxarse: hai xente que atopou nestes vídeos un acompañamento para axudarlle a durmir, e do seu éxito dan conta os milleiros de visualizacións que vemos nas principais canles de ASMR. Pero o máis fascinante é se cadra ver a cantidade de persoas que atoparon en si mesmas un talento para producir este tipo de contidos e se lanzaron a facer ASMR en Youtube. Hai subxéneros de todos os tipos, tamén chamados ‘triggers’ (detonadores de pracer), que poden ser tan simples como pasar as follas dun libro ou algo máis elaborados, como xogos de rol que simulan unha visita ao médico ou ao salón de peiteado. 

Falar baixiño si, pero en que idioma? Obviamente o inglés é o máis popular, aínda que desde aquí o máis probable é que a maioría de vídeos que nos aparezan sexan de ASMR falado en castelán con distintos acentos latinoamericanos. E o galego? Pois algo hai: en Youtube apenas atopamos unha ducia de vídeos pero xa é un comezo para quen queira experimentar o pracer de que lle falen en galego na orella. 

Nunha primeira pesquisa atopamos xa tres tipoloxías de falantes. Poñan auriculares ou suban o volume para recoñecelos: 

 

A que fai ASMR en “ghallegho”, con gheada e seseo

Este vídeo, feito a finais do ano pasado, é o único que aparece na canle de Noelia Outón. Na  descrición di que o fai “simplemente por entretemento propio, pero tamén por achegar o galego ao mundo do ASMR”. A verdade é que non o fai nada mal para ser o primeiro, e os sons que produce o seu ghallegho comparten protagonismo cos dos obxectos que manipula repenicando as unllas contra distintos materrais. 

 

O que fai ASMR normalmente en castelán e decide probar a facer un vídeo en galego

Este rapaz é de Madrid pero conta que a súa familia toda é galega e o galego que el sabe “es el que aprendí en casa, no el gallego normativo”. Dos máis de cen vídeos en castelán que ten na súa canle, Despistado ASMR, este en galego ten pouco máis dun mes. Co ghalegho que aprendeu da súa familia, procedente dunha aldea a 15 minutos de Vigo, explica que o galego é un idioma tan oficial coma outros “e non un dialecto como pensa moita xente”. E di que se a xente o anima nos comentarios está disposto a facer máis ASMR na nosa lingua. 

 

O reintegrata

Hai unha canle creada en 2016 co título ASMR em galego con varios vídeos nos que o seu autor fala en galego-portugués, mais só podemos escoitalo mentres en imaxe aparece un inquietante primeiro plano dunha alfombra, e de cando en vez o obxecto do que nos fala. 

Sobre todo baséase na lectura de libros, tanto xerando sons ao pasar as follas como lendo algunha das súas obras favoritas, entre as que están O alquimista de Paulo Coelho, Os lusíadas de Camões ou El Quijote, de Cervantes. Esta última lectura faina en castelán mais co mesmo sotaque galego portugués. Non sabemos moi ben que parte da resposta meridiana pode activar iso. 

 

A contacontos

A creadora da canle Galician Whispers si que dá a cara nos vídeos. Ben, daquela maneira. E ofrécenos a lectura de contos populares como o da ratiña presumida. 

 

ASMR galego sen falar

A lectura de contos non é a única actividade ASMR de Galician Whispers. Tamén ofrece sons relaxantes derivados de meter os pés na area da praia…

 

…ou, coidado, de cravar agullas nun alfineteiro coa bandeira galega. Onde acaba a acupuntura e onde empeza o vudú?  Especialmente recomendado para momentos de forte autoodio identitario.

 

ASMR e multilingüismo

Pode que a ASMR en galego vaia ter un certo auxe porque parece que os idiomas actúan como un ‘trigger’ máis de pracer sensorial. Hai xente á que lle relaxa escoitar vídeos en ruso ou en xaponés, ou quen pode aproveitar eses momentos de relaxación par aprender linguas. O euskera leva xa algo de vantaxe: 

 

Tamén Ana Muñoz, unha das youtubers ASMR máis famosas en castelán, fai de cando en vez vídeos en catalán. 

 

Por suposto, o portugués está plentamente presente no ASMR. Quen queira practicar a escoita e curar o insomnio ten unha oferta variada. Case sempre asociada ao autocoidado, a estética e o benestar.  

 

Para saber máis sobre este xénero podemos consultar blogs como Todo ASMR, da viguesa María Cousido, que foi unha das primeiras referencias sobre o ASMR en español, aínda que agora está parado. E seguir demandando ou producindo contido deste tipo en galego sería moi interesante para que a nosa lingua siga a conquistar xa non só espazos de normalidade senón as máis populares extravagancias. E achegarse aos lugares do noso cerebro onde se aloxan as máis pracenteiras e íntimas experiencias sensoriais. 

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.