VINTE estreará o primeiro capítulo de Nelu Vermouth na webserie O gran reto, unha iniciativa de Alingua para promover o uso do galego entre a mocidade que fala en castelán a través de mostrar a transición ao galego nun seguemento diario durante tres semanas
Unha persoa castelán falante acepta O gran reto e comeza empregar o galego no seu día a día 24/7 documentando todo con vídeos co seu teléfono móbil. Conseguirá pasarse ao galego en 21 días? Nisto consiste a webserie promovida pola Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, Alingua, conducida por María Rúa e editada por Illa Bufarda.
Non hai como a práctica para poñer a lingua en forma, sábeno ben as tres participantes na webserie O gran reto. Darío Mares é o primeiro en participar neste desafío, que lle pasa o reto a Martiña Pérez, quen á súa vez dá paso a Nelu Vilela, que coñeceredes polo nome de Nelu Vermouth. En VINTE estrearemos o primeiro capítulo do reto de Nelu o luns 10 de xullo, quedades avisadas.
É túa. Pásaa! e o lema da asociación Alingua para este ano, animando a coidar a lingua galega da mellor maneira que se pode facer: falándoa e compartíndoa coa xente do noso arredor. «Se eu falo, ti falas, tamén os demais, ninguén vai quedar sen nos escoitar», cantan Grande Amore e Fátima Pego na súa canción para a campaña. «Este é o momento. Este é o lugar. Depende de ti que te oian berrar!».
«Esta acción recolle o convite do lema da campaña para animar a falar a todas esas persoas que lle queren ben á nosa lingua pero que non a dan falado. Queremos que a xente se implique neste gran reto de probar a falar galego, e non só durante as tres semanas que dura, senón que se atrevan a dar o paso de falar esta lingua, pois para que unha lingua teña futuro, precisa falantes», explica Victoria Quiroga Ramallo, concelleira de Cultura do Concello de Rois.
A webserie emprega o formato dos vlogs para contar en tres capítulos, un por cada semana do resto, se as participantes logran superar desafíos como ir de compras en galego, empregar o galego no contexto laboral ou falar en galego coas amizades de toda a vida.
Martiña Pérez, que non falaba o galego na súa contorna e emprega moito o inglés no seu traballo, admitiu que o desafío lle resultou «complexo por vivir nun contorno maioritariamente castelanfalante», pero ao completar as tes semanas destaca como o galego ten moitas máis palabras para expresar sentimentos que o inglés e unha gran riqueza, polo que conclúe que «non temos nada que envexar» do inglés ou do castelán.
Nelu Vermouth é artista multidisciplinar ou mamarracha profesional, como se fai chamar no seu perfil de Instagram. Nas súas accións performáticas emprega a expresión corporal, os espazos sonoros, o canto tradicional e a relación constante co público para crear unha atmasfera concreta. É a protagonista do terceiro reto, que comezará en VINTE o vindeiro luns 10 de xullo e poderá verse a continuación nas canles de Alingua.
Con presenza en todas as redes sociais, Alingua emprega a súa canle de Youtube para compartir os episodios completos de O gran reto e extrae pílulas de cada capítulo para mover no Instagram e no Facebook.
No momento da súa creación, Alingua, que botou andar este ano 2023, estaba formada polos servizos de normalización lingüística de A Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Carballo, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa.